O Concello de Lugo mellora a pavimentación dos accesos ao MIHL

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a instalación xunto con Maite Ferreiro e Alexandre Penas

 

Maite Ferreiro, Alexandre Penas e Rubén Arroxo, na súa visita ao MIHL.EP
photo_camera Maite Ferreiro, Alexandre Penas e Rubén Arroxo, na súa visita ao MIHL.EP

O Concello de Lugo está a executar unha actuación de mellora da pavimentación dos accesos ao MIHL, da que o edil de Infraestruturas,  Alexandre Penas explicou que "realizamos esta intervención debido ao avanzado estado de desgaste que mostra este pavimento, para mellorar a accesibilidade desta instalación cultural que está a acoller unha gran cantidade de actividades e visitantes".

A solución adoptada pola concellería de infraestruturas pasa pola pavimentación con formigón impreso dos dous ramais de acceso ao MIHL, que parten desde o parque de Frigsa e desde a Avenida Infanta Elena, cunha lonxitude total de 136 metros.

Antes de que se execute esta pavimentación, realizarase unha limpeza do formigón existente e,  para mellorar a adherencia e colocaranse conectores con resina a distancias de 1,5 a 2 metros.

Ademais, tamén se traballará para unha mellora na drenaxe, para o que se adaptarán os actuais rexistros á nova cota e colocando reixas con canaletas para interceptar as augas que circulen pola zona, que desaugarán na rede municipal de sumidoiros.

Alexandre Penas explicou que "esta actuación enmárcase nunha acción de mellora da contorna do MIHL, e que seguirá durante as vindeiras semanas coa mellora da instalación de alumeado público do exterior".

A intervención ten un orzamento total de 29.015,80 euros.

Animación á lectura

O MIHL está a acoller, entre outros eventos, as actividades de animación á lectura e contacontos, programadas entre os meses de abril e maio. As actividades pretenden achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que comezaron o mércores 14 de abril e continuarán ata o mércores 20 de maio. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.
 

Comentarios