"Estiven en contacto permanente co coordinador de urbanismo, non atopei sorpresas"

O concelleiro de urbanismo ten retos simbólicos, como tirar O Garañón, e outros que afectan máis á cidade, como axilizar as licenzas de obra
Álvaro Santos y Lara Méndez. SEBAS SENANDE
photo_camera Álvaro Santos e Lara Méndez. SEBAS SENANDE

O edil Álvaro Santos volveu asumir este xoves a delegación de urbanismo do Concello de Lugo despois de case un ano de baixa por enfermidade. 

O goberno de Lara Méndez volve así a estar ao completo para afrontar o último ano de mandato e cumprir os compromisos asumidos para este período, algúns deles simbólicos, como o derrubamento das torres do Garañón e a posta en marcha do barrio ecolóxico da Garaballa, e outros con efectos máis prácticos na vida dos cidadáns e na evolución da cidade, como a aprobación do 5% do PXOM que está pendente dende 2012, así como de desenvolvementos urbanísticos en distintas zonas, e a axilización das licenzas de obra.

Santos volve estar ao cargo dunha área que nos últimos meses levaron a edil de gobernanza, Paula Alvarellos, e o coordinador xeral e interventor municipal, Manuel Vázquez. Este foi nomeado pola alcaldesa o ano pasado, cando tivo que reorganizar o goberno pola dimisión de Miguel Couto, a quen substituíu Santos.

O detonante da marcha de Couto foi o intento de fichar para as xefaturas de arquitectura e de urbanismo a profesionais alleos ao Concello, unha medida coa que pretendía cambiar dinámicas e mellorar a xestión e que finalmente non puido levar a cabo. Ese segue a ser o obsxectivo do goberno e a iso responden algunhas medidas materializadas nos últimos meses, como as dúas instrucións de funcionamento aprobadas, e outras que se están cociñando.

Santos tamén ten o reto de reconducir a relación do goberno e del mesmo con colectivos como os arquitectos e os promotores, queixosos co facer municipal. Estivo tres meses en urbanismo ata que enfermou, pero algunhas decisións adoptadas nese período, como o criterio de interpretación de rasantes e a paralización da urbanización das Saamasas, provocaron moito malestar.

"Estiven en contacto permanente co coordinador de urbanismo, non atopei sorpresas"
Dou por feito que estes meses estivo ao tanto da actividade na súa concellería. Que análise fai do momento actual no departamento e como afronta o regreso?

Con normalidade absoluta. Volvo coa implicación que me caracteriza, ou que trato de ter, co fin de avanzar en temas principais e capitais. E coa tranquilidade de saber que o labor do coordinador xeral de urbanismo na miña ausencia foi intenso e consecuente con aquelo que tiñamos planificado —despois de ter feita unha análise de como estaba funcionando o departamento—, como a aprobación das dúas instrucións que estaban previstas. Estiven en contacto permanente co coordinador, así que non atopei sorpresas.

Os cometidos e os retos que a concellería ten por diante son moitos. Cales priorizará?

Son cuestións capitais a aprobación do 5% do PXOM pendente e a tramitación para desenvolver o proxecto da intermodal, máis aló doutras cuestións de índole máis doméstica. E está tamén O Garañón. Hoxe sería moi precipitado falar de fitos, pero agardo que nas próximas semanas poida dar conta de avances nalgúns asuntos, máis aló do ordinario, que se está tratando de mellorar. 

A alcaldesa anunciou conversas co Colexio de Arquitectos para que este colaborara na tramitación de expedientes para a obtención de licenzas de obra. Confía en chegar a un acordo?

É un tema sobre o que o colexio tamén terá que pronunciarse. É unha posibilidade de colaboración que hai dentro do marco xurídico, segundo a cal o seu informe non sería vinculante pero axudaría ao traballo dos técnicos municipais, que non perderían responsabilidades. Ten o meu respaldo e visto bo absoluto.

Antes da súa ausencia, por decisións súas e do goberno, a relación co colexio era, cando menos, tensa. E nos últimos meses a confrontación con outros colectivos, como a Apec, tamén aumentou.. Será isto unha dificultade?

Non debería. Eu sei por que intereses debe velar a administración pública, como eses colectivos saben por que intereses teñen que velar. Creo que as relacións non teñen que ser nin de hostilidade nin de fraternidade, teñen que ser formais, rigorosas. Outra cousa son as afinidades persoais.

Comentarios