Galegos de feito

Conseguiron nuns meses o que moitos nativos non deron feito na vida: falar galego con soltura. Non teñen necesidade, pero fano por respecto a unha cultura que valoran.
Daniela
photo_camera Daniela Giustardi, coa súa pequena cabra en Pol.

Eles fan certo iso de que ten que vir alguén de fóra para valorar o que temos. Non naceron en Galicia, pero exercen de galegos. Viven en Lugo e aprenderon a falar a lingua propia, a comer coma os lucenses e mesmo a bailar, tocar e cantar ao xeito tradicional.

Xa non se pode dicir que son de fóra. Fórono antes, pero agora están arraigados nunha terra por gusto e porque o merecen, porque en pouco tempo levan feito por conservar a cultura e a lingua galega máis que moitos autóctonos en toda a súa vida.

Daniela Giustardi di que fala galego por respecto

Daniela Giustardi

Chegou desde Nápoles hai 13 anos buscando un lugar a medio camiño entre a praia e a cidade. Mercou unha casa en Milleirós (Pol) e alí se asentou coa súa parella e dúas fillas pequenas. "Custounos traballo empezar porque non eramos de aquí. Dous rapaces con pendentes que viñan nunha autocaravana. A xente desconfiaba, pero co tempo fómonos integrando", comenta Daniela Giustardi.

Tivo que aprender castelán e galego ao chegar porque non dominaba ningunha das dúas linguas. Hoxe, para o seu día a día, decántase polo galego. "Gústame porque é parte da cultura galega e fáloo por respecto. En Nápoles temos o napolitano, pero está moi mal considerado. Aquí hai respecto pola cultura e por iso teño especial aprecio polo galego", explica.

As súas fillas fálano con soltura. "Elas xa foron aquí á escola, así que non teñen ningún problema. Eu aínda mesturo moito", comenta. E chama a atención sobre as peculiaridades da lingua no ámbito agrario. "Son peón forestal e descubrín que as ferramentas do campo cambian de nome dunha aldea a outra. O vocabulario do galego é moi rico", apunta.

Daniela Giustardi aprendeu moito escoitando os veciños. "Encántanme os refráns e os contos. Aquí non se aprecian, pero a min gústame escoitar as historias de antes, cando os veciños me contan que ían apañar toxos para facer carbón", comenta. 

Encántanme os refráns e os contos e as veciñas aprendéronme a facer caldo e filloas

A gastronomía local tamén a ten controlada. "As veciñas aprendéronme a facer caldo, filloas, a matanza do porco... Cando chegamos tiñamos unhas pitas e para matar a primeira botamos dúas horas mirando para ela. Non me atrevía a matar un polo, pero non tiña reparo en compralo morto no supermercado", lembra.

Tras un tempo en Pol, Daniela Giustardi voltou a Italia durante un ano. "Separeime da miña parella e volvín a Italia. Estiven un ano aló e non atopei traballo. Aquí é diferente. Hai que adaptarse ao que hai, pero quen queira traballar atopa. Eu son peón forestal e estou orgullosa de ser a única muller no meu grupo porque aínda hai moito estereotipo con iso".

Está a gusto en Pol e de momento quere quedar. "Que me poñan fixa no traballo, que a min gústame estar aquí". Comenta que as súas fillas "son adolescentes e todo se lles fai pouco. Lugo fáiselles pequeño, pero a min chégame. Eu estou contenta con poder tomar un café ou facer unha cea para os amigos".

Incide na necesidade de valorar as peculiaridades de cada territorio e considera que "os galegos non valorades ben o que tedes. Había que aproveitar mellor a riqueza natural e patrimonial".

Amaia Santamarta é vasca e valora o galego como riqueza a preservar

Amaia Santamarta

O mesmo convencemento ten Amaia Santamarta, unha vasca de nacemento que fixo seu o galego hai 20 anos, cando chegou a Lugo procedente de Valencia. "A lingua é unha riqueza cultural que hai que preservar igual ca unha igrexa románica", sentenza.

Amaia Santamarta é vasca porque naceu en Euskadi, pero criouse entre Logroño e Valencia, con pai de León asentado en Asturias e nai dun pobo de Valladolid. A súa mestura de ADN e o periplo vital xa facía presaxiar apertura de miras.

"Son enxeñeira técnica agrícola, traballo en Ovica, a asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia. Estando de Erasmus coñecín xente de Lugo e despois vin a oportunidade de asentarme aquí. No meu círculo de amigos falaban galego e quixen aprender", explica. "Onde vaias, aprende o que poidas", apunta como regra vital.

Onde vaias, aprende o que poidas

Estudou galego e hoxe ninguén diría que non é a súa lingua materna. "Gústanme as linguas e as minoritarias máis. Teño curiosidade polas construcións gramaticais, polo vocabulario", comenta, e aclara que o galego non é a súa primeira experiencia. "Falo algo de francés e inglés e cando fun á escola en Valencia tamén aprendín catalán. Daquela xa había conflitos lingüísticos e sociais con referencia ao ensino da lingua na escola. Nunca o entendín porque é unha riqueza". Na procura de máis fortuna, agora está estudando euskera, unha asignatura pendente porque sendo nena deixou a súa terra natal e non puido aprender a lingua propia.

Joan Alibés é catalán e ve na lingua unha cuestión de deferencia

Quen si é bilingüe de nacemento é Joan Alibés Biosca. "Eu son dos de oito apelidos cataláns", comenta entre risas. "Crieime en catalán e xa cando cheguei tiña claro que en Galicia o que ía falar era galego". Entende que "a inmersión lingüística é cuestión de deferencia, de respecto á xente. Se queres achegarte aos demais, gañar a súa confianza, hai que ir ao máis próximo. Iso apréndese viaxando", apunta.

Joan Alibés chegou a Lugo no 2007, da man dunha parella que coñeceu nos estudos de Erasmus. É enxeñeiro agrónomo e un dos promotores de Beealia, empresa de asesoramento gandeiro. "Cando asesoras tes que poñerte na pel do gandeiro, por iso eu tamén teño gando, para falar desde a experiencia persoal. E a lingua, por suposto, é fundamental para xerar confianza nos gandeiros aos que asesoro", afirma.

Un día decidín que non falaba máis castelán

O achegamento a través da lingua xa o comprobara antes en Francia, en Marrocos e mesmo en Cataluña, pero engade que en Galicia, ademais de ferramenta laboral, foi interese persoal. "Ao principio custaba empezar, pero un día decidín que non falaba máis castelán. Propúxenme saír da casa falando galego, ben ou mal, como fora. E desde entón".

Valeria Esteban veu de Colombia á USC e marcha cunha lingua nova

Esa foi tamén a determinación de Valeria Esteban, unha colombiana que chegou hai só catro anos a Lugo para estudar Bioquímica. "Un día tomei a decisión de falar galego, non limitarme a escoitar sen máis", comenta. Hoxe está contenta de ter seguido un camiño que considera que enriquece a súa aprendizaxe.

Cando marche de Lugo non só levará un título universitario, senón unha nova lingua e unha cultura que ten vontade de conservar. "Levo dous anos indo a clases de pandeireta á Tradescola e quero continuar, polo menos non perder o aprendido", comenta.

Eu non sabía que aquí había unha lingua diferente nin unha cultura específica

Valeria Esteban chegou con 16 anos desde Colombia a Madrid, onde xa estaba o seu pai. "Fixen a selectividade e matriculeime en Bioquímica no campus de Lugo. Entón eu non sabía que aquí había unha lingua diferente nin unha cultura específica", lembra.

Non tardou en descubrilo. "O meu primeiro contacto co galego foi nas aulas da facultade. Descubrín que podía entendelo, pero ata dous anos despois non me atrevín a falar. Iso foi grazas á miña amiga Icía, unha persoa galegofalante ao cen por cen que foi a mellor mestra para min", explica.

Con ela descubriu tamén o mundo das foliadas, da música e o baile tradicional. "Encántame e quixen aprender a falar galego para integrarme máis. Gústame mesturarme e non entendo a xente que chega de fóra e non quere adentrarse na cultura galega", afirma.

Valeria Esteban axiña tivo claro que podía complementar a súa formación universitaria mergullándose nunha cultura nova. "Este ano remato os estudos. O próximo curso non sei onde estarei, pero eu non quero perder o que levo aprendido. O máis probable é que para facer investigación teña que moverme, pero se tivera oportunidade de quedar en Galicia quedaba", asegura.

Bárbara Martínez é valenciana e aprendeu coa base do portugués

Bárbara Martínez

Quen tamén aproveitou a primeira ocasión que tivo para asentarse en Galicia foi Bárbara Martínez, valenciana que traballa na oficina de turismo de Lugo. A súa profesión leva implícito o dominio de varias linguas. Aí comezou todo.

Bárbara Martínez estudaba alemán na escola de idiomas de Alacante e decidiu compaxinalo "con algo máis doado de aprender. Matriculeime en portugués porque me parecía accesible. A miña irmá escoitaba fados e parecía bonito", lembra. E así foi: quedou prendada da lingua e tamén do profesor. Hoxe é a súa parella e con el veu para Galicia no 2008. 

Procedo dunha zona bilingüe e entendo que en Galicia o natural é falar galego

"Cando cheguei eu xa falaba portugués e comecei por aí, escoitando a xente para adaptar a lingua que eu xa sabía, o acento e algún vocabulario ata convertilo en galego", explica.

No ano 2015 asentouse en Lugo e traballa na oficina de turismo da cidade. "No traballo teño que falar de todo, según a xente que veña, pero na rúa o que falo habitualmente é galego. Eu procedo dunha zona bilingüe. A miña lingua materna é o catalán, non o castelán, e entendo que en Galicia o natural é falar galego".

Con esta disposición, non ten problema para dominar a lingua e preocupouse tamén por aprender moito da cultura e historia galega. Como profesional do turismo é necesario, pero o seu interese vai máis aló do ámbito laboral. "Gustaríame aprender baile tradicional. Iso téñoo pendente para cando atope tempo", apunta.

Vanessa Kemp é alemana e levoulle tres meses botarse a falar

Vanessa Kemp 2

Vanessa Kemp xa o atopou. É alemana, aínda non leva dous anos en Lugo e xa fala galego á perfección. Tamén vai a clases de baile tradicional e estase iniciando coa pandeireta. Chegou a Lugo para traballar no instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes como auxiliar de conversa e está decidida a aprender todo o que poida mentres ensina alemán.

O seu primeiro contacto co galego foi no curso 2020-2021. "Chamoume a atención que houbese dúas linguas oficiais no mesmo territorio. En Alemania hainas en pequenas zonas, pero non a nivel de comunidade. Eu quería aprender e foime difícil atopar un curso porque cheguei en novembro, con todo empezado. Conseguino, pero tardei en falar, ata febreiro polo menos", explica Vanessa Kemp sen decatarse de que moitos galegos nativos levan toda a vida sen conseguir o que ela fixo en tres meses.

O primeiro ano falei menos, pero agora practico todo o que podo

"O primeiro ano falei menos. Despois pasei dous anos en Alemania e volvín para este curso 2023-24. Estou no meu segundo ano e agora xa falo moito máis. Aproveito para practicar todo o que podo", comenta.

Vanessa Kemp non tiña necesidade de aprender galego para entenderse en Lugo. Sabía castelán porque o estudou para ser profesora en Alemania. Fíxoo por gusto, porque veu a oportunidade de enriquecerse culturalmente a través da lingua galega. Está decidida a falala sempre que teña ocasión e a avanzar no coñecemento da cultura. "Agora nos recreos do instituto tamén aprendo a tocar a pandeireta e estou encantada, aínda que se me dá mellor o baile. Non sei se seguirei en Lugo nos vindeiros anos, pero se quedo continuarei aprendendo", avanza.