A comunidade galego-falante mira este martes cara o Lucus Augusti. O instituto acolleu a clausura do programa 21 Días en galego e +, un proxecto no que participan doce centros educativos e que busca estender o uso do galego máis alá das aulas. Durante o acto, un grupo de alumnos interpretou Terra, de Tanxugueiras.
A experiencia serviu para poñer a proba instrumentos de inmersión lingüística e Xosé Luis Vázquez Somoza móstrase contento cos resultados, porque agora escóitase máis falar en galego, di.
O Lucus Augusti é un centro grande, así que para manexar mellor o proxecto apostouse por centralo en dous cursos, primeiro de Eso e primeiro de BAC, cada un deles con 137 estudantes.
A iniciativa tivo boa acollida en estudantes e profesores, di Vázquez Somoza, que destaca que nestes vinteún días detectáronse cambios nos hábitos lingüísticos. Remarca que, seguramente pola súa condición de centro marcadamente urbán, o castelán é a lingua dominante no centro. "Unha cousa é a lingua das clases e outra a lingua de relación e nun centro urbán como este o peso do galego era limitado", explica.
Pero sostén que a experiencia serviu para empezar a escoitar falar en galego a alumnos que nunca usaban esa lingua nas súas relacións cos compañeiros. Está por ver se o cambio de idioma se consolida e se os alumnos tamén incorporan o galego á vida en familia e cos amigos, pero deuse un paso adiante, opina.
O proxecto abarcou a todos os alumnos deses dous cursos e o coordinador di que a orixe dos estudantes non condicionou. Para empezar, son poucos os rapaces de orixe extranxeira que estudan no centro e, ademais, a implicación non depende tanto de cal sexa a lingua materna, apunta Vázquez Somoza. Conta, por exemplo, que tivo alumnos extranxeiros que en tres meses podían manexarse razoablemente ben en galego. Cre que a chave está no cambio de dinámicas sociais non da lingua propia de cada alumno.