Olga López Racamonde, concelleira de Benestar, Inclusión e Persoas Maiores

"Fun na lista como independente pero non son aséptica na política"

Asistiu a moitas mulleres no momento máis especial das súas vidas. Enfermeira, profesora universitaria e supervisora de partos no Hula, Olga López Racamonde afronta agora un dos partos máis longos que tivo que atender como matrona na súa vida: a concellería
Olga López Racamonde. AIDA SOENGAS
photo_camera Olga López Racamonde. AIDA SOENGAS

Ilusión e empatía. Iso é o que leva dentro Olga López Racamonde. Unha matrona que asume unha concellería con moito peso humano: Benestar, Inclusión e Persoas Maiores. Sabe ao que se enfrenta e encárao como outro reto máis, similar a cando apostou forte por un parto máis humanizado no Hula.

Benestar, Inclusión e Persoas Maiores dá a sensación de ser moita concellería. Cantos asuntos terá ao seu cargo?

Moitos. Benestar abrangue as ociotecas, a conciliación e os centros sociais. Inclusión leva o Fogar do Transeúnte e a relación coas ONG e Persoas Maiores ocúpase dos centros de día e de servizos como o de Xantar na Casa e o de Axuda ao Fogar.

É de supoñer que non lle faltarán proxectos para tantas competencias que vai ter...

Hai moitos servizos sociais municipais que se descoñecen. O primeiro é facelos visibles cun mapa dos servizos sociais. Tamén estaría ben poñer un servizo de citas centralizadas para os traballadores sociais. Probablemente, habería que reorganizar o servizo porque hai moita sobrecarga de traballo pero todo iso sería contando co consenso dos traballadores sociais para ter unha visión de conxunto e ver o que é factible. Iso é o primeiriño. Se non sería o conto de non ter para pan e comprar estampiñas. Outra cousa que me gustaría poñer en marcha é convertir Lugo nunha cidade cardiosaludable, instalando desfibriladores en determinados lugares onde agora non hai. Ademais habería que desenvolver programas para motivar a xente maior a que saíse das casas e fose aos centros sociais. Hai moita xente soíña. E facer obradoiros de educación para a saúde e de alimentación nas ociotecas, tamén. Para iso, teño a idea de botar man de axentes sociais, persoas coñecidas, cuxa mensaxe poida ser máis eficaz ca dun sanitario.

Moito labor por diante...

Si, pero é ilusionante aínda que non vai ser todo o doado que me gustaría que fose.

Non botará de menos o seu traballo como enfermeira especializada en Obstetricia e Xinecoloxía no centro de saúde de San Roque?

Espero que non. O traballo aparqueino para ter dedicación exclusiva no Concello pero o que non deixei foi a docencia na facultade de Enfermería onde imparto clase de Fisioloxía Humana e de Materno-Infantil. Para min, deixar a docencia supoñía un límite infranqueable.

Cambiáronlle moito os horarios?

Non. Na consulta, estaba de mañás. No Concello, estou de mañás e de tardes porque hai actos sociais. Quizais atopar a compatibilidade coa vida familiar sexa agora aínda máis complicado.

Este vai ser un parto longo pero ilusionante porque desde a política pódese traballar pola xente

Tampouco sería moi fácil cando era supervisora de Partos no Hula...

Non, pero se te organizas é viable conciliar. Aínda que iso non depende só do traballo, nin das mulleres. Tamén a sociedade ten que cambiar a perspectiva. Ten que haber un cambio de mentalidade. Aínda non está ben visto socialmente que a muller traballadora tamén se ocupe da familia e nós, as mulleres que estamos nos cargos políticos, temos que dar exemplo de conciliación.

Vai ser este, o do Concello, un parto difícil para vostede?

Vai ser un parto longo, pero ilusionante porque, desde a política, pódese traballar pola xente aínda que hoxe a política estea moi denostada. Esta concellería permíteme iso porque trata de arranxar os problemas das familias derivados do coidado dos maiores e dos nenos. Un traballo asumido durante anos polas mulleres, que quedaban na casa.

Como se meteu vostede na política para chegar ata aquí?

Eu fun na lista como independente pero non son aséptica politicamente. Toda a miña vida me comprometín co desenvolvemento social e os desfavorecidos e sempre estiven moi achegada ao PSOE. Penso que a política é un compromiso para cambiar as cousas, pero tampouco busquei estar aquí, no Concello.

A cantas mulleres axudou a parir?

A moitas. Empecei en 1997 e estiven atendendo partos ata o 2010. Ese ano nomeáronme supervisora de Partos no Hula e de alí a un tempo funme á consulta do centro de saúde de San Roque.

Creo que revolucionou os paritorios do Hula...

Conseguimos salas e partos máis humanizados, con duás bañeiras con efecto analxésico. Deste xeito, contribuiuse ao empoderamento da muller xa que agora somos nós as que decidimos o noso plan de parto, cousa que non existía.

Da sanidade, o traballo de matrona debe de ser un dos que resulta máis agradecidos...

Si, é gratificante pero tamén cando hai unha traxedia é duro. Debería haber máis atención para os pais que perden un fillo no parto.

Comentarios