Frases fiadas no camión de Manuel López Liz

A exposición de pirografía do coñecido transportista lucense, pode verse no centro O Vello Cárcere ata o próximo 18 de febreiro. Ten unha colección de 180 táboas
Manuel López Liz, xunto a algunhas das obras que exhibe no Vello Cárcere. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel López Liz, xunto a algunhas das obras que exhibe no Vello Cárcere. VICTORIA RODRÍGUEZ

Manuel López Liz, de 59 anos, nado en Mougán (Guntín) e veciño da parroquia de Pías, di que el ten «as armas do pobre, educación e humildade, que abren portas blindadas». O que permiten, dende logo, é facer unha vida como a súa, na que combina traballo asalariado con traballo artístico, simplemente polo pracer que este lle aporta, e na que goza do coñecemento e o aprezo de moitos lucenses debido ao seu oficio e ao seu carácter "comunicativo".

Manuel leva máis de tres décadas distribuíndo a mercancía para os Gadis da cidade. Comeza a traballar ás catro da mañá e iso permítelle ser testemuña dalgúns problemas sociais, como o alcoholismo de parte da mocidade ou a violencia.

El tenta botar unha man para contelos na medida que pode e son moitas as veces que ten convencido a rapaces bébedos para que durmisen un pouco no coche antes de poñerse ao volante ou que ten chamado á Policía ante algunha liorta. Pero, ademais, esas "experiencias da vida" sérvenlle para dar renda solta á súa creatividade.

Transforma as vivencias en frases con rimas e logo grávaas en madeira. Ten unhas 180 táboas e parte delas poden verse ata o día 18 no Vello Cárcere, nunha exposición que leva xa varias semanas e pola que pasaron moitos coñecidos.

Hai frases dedicadas á cidade, a algúns deses problemas sociais e a outros que tocan moito á provincia, como a desindustrialización da Mariña. "O noso mar está chorando contemplando o que á súa filla mariña lle está pasando. A mariña está a chorar, vendo as súas empresas marchar. A mariña só pide que as súas xentes sigan a traballar. A mariña do norte é moi forte e non vai quedar á súa sorte. E eu choro bágoas de esperanza e emoción pensando na mariña, porque a mariña tamén é miña".

Como a pirografía non esixe moitos medios nin condicións, Manuel crea a calquera hora e en calquera lugar, di. Moitas veces, nalgún momento de descanso durante o reparto.

O arte tamén lle serviu na mocidade para gañar os seus primeiros cartos. Foi cando facía a mili en Melilla, onde se afeccionou a pintar cadros en cristal que logo lles vendía aos compañeiros de filas. Eses "cartiños" axudáronlle a mercar o seu primeiro camión, un vehículo que estaba para desfacer e que el foi arranxando pouco a pouco. "Algunha vez hóubenme de matar con el", lembra, porque no fondo era un transporte con moitas eivas.

Atentado. Nunha ocasión salvou a vida por minutos, pero nese caso a culpa non foi do camión senón dunha bomba que estalou nun banco da Fonte dos Ranchos a cuxo carón el acababa de aparcar e que lle foi atribuída ao grupo terrorista Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceibe.

Non percibiu ningunha indemnización por iso e tivo que gastar de novo cartos e traballos en arranxar o camión, pero grazas a el acabou traballando para Gadis. E iso que nunha ocasión lle chegaron a ofrecer por el tres veces máis cartos do que lle custara. "A vida son casualidades", sentencia.

Comentarios