"A FP é unha boa opción para saír da situación de incerteza laboral"

Fani Villasante Vázquez acaba de recibir o Premio Nacional de grao superior de FP en 2017
Fani Villasante Vázquez. EP
photo_camera Fani Villasante Vázquez. EP

A palense Fani Villasante Vázquez acaba de ser recoñecida, grazas ao seu expediente de 9,85 de nota media, co premio nacional de Formación Profesional de Grao Superior correspondente ao ano 2017.

Un recoñecemento que lle chega cun certo atraso por mor da crise sanitaria derivada do covid-19 e que obrigou ao Ministerio de Educación a resolver de forma conxunta os expedientes dos anos 2017, 2018 e 2019.

Que supón para vostede este recoñecemento?

Unha sorpresa e unha grande alegría. Sobre todo porque non só se valora o expediente académico, senón tamén outros apartados como experiencia no estranxeiro, nivel de idiomas, traballo ou prácticas relacionadas co ciclo.

Que rama estudou de FP?

Fixen Márketing e Publicidade no CIFP As Mercedes de Lugo. Antes cursei Filoloxía Hispánica pero deixeina polas escasas perspectivas laborais e, aínda que xa estaba a traballar nunha empresa, decidín irme para abrime novas portas laborais a través da FP.

Conseguiuno?

Durante o ciclo tiven a oportunidade de facer un Erasmus en Bélxica nunha empresa de loxística do aeroporto de Amberes e o segundo ano estiven en Praga facendo prácticas nunha empresa de publicidade, na que aprendín moitísimo. Agora, por circunstancias, estou afectada por un Erte, pero desde logo abriume moitas portas.

Recomenda entón aos estudantes decantarse por un ciclo de FP antes que por un grao universitario?

A FP ten a vantaxe da súa vertente máis práctica, polo que se sae máis preparado para entrar con maior rapidez no mercado laboral. Pero este tipo de ciclos non só recoméndollo aos estudantes senón que creo que é unha excelente opción para moitos traballadores que se atopan nunha situación de incerteza nun mundo tan cambiante como é o actual.

Comentarios