sábado. 18.01.2020 |
El tiempo
sábado. 18.01.2020
El tiempo

Un foro avoga por que os empresarios sigan o exemplo de Antonio Fernández López

Descubrimento do busto ás portas da facultade de Ade. VICTORIA RODRÍGUEZ
Descubrimento do busto ás portas da facultade de Ade. VICTORIA RODRÍGUEZ
A xornada organizada polo Foro Peinador homenaxeou ao fundador de Zeltia e o colexio Fingoi e salientou os avances do congreso de 1925

Os participantes no Día da Galeguidade Empresarial coincidiron este mércores en salientar que Galicia precisa de empresarios comprometidos co país como Antonio Fernández López, a quen merecidamente se lle adicou esta xornada, e que aínda están vixentes propostas para o desenvolvemento socioeconómico desta comunidade autónoma feitas hai case un século no primeiro Congreso de Economía de Galicia, celebrado en 1925 en Lugo, no que participou este patrono nado en Barreiros (Sarria).

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo: "Necesitamos acadar a vertebración do territorio e rematar en Galicia coa dobre velocidade"

A xornada, organizada polo Foro Peinador, coa colaboración do Grupo El Progreso e a USC, que tivo como escenario a facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, arrincou coa inauguración ás portas deste centro universitario dun busto en memoria de Antonio Fernández López, que é obra do escultor olívico José Molares.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística: "Non se limitou aos negocios prósperos e concibiu Galicia como unha sociedade estruturada na economía de futuro"

Antonio Fernández, que era fillo de Antón de Marcos, fundou Zeltia, Frigsa, Cementos del Noroeste e Caja de Ahorros Provincial de Lugo, entre outras empresas, e institucións docentes como a Granxa Barreiros e o colexio Fingoi, das que os seus primeiros directores foron Avelino Pousa Antelo e Ricardo Carballo Calero, respectivamente.

Siña Fernández, filla do homenaxeado: "Coas súas actividades procuraba contribuír ao desenvolvemento económico de Galicia, cun profundo interese social"

Unha das súas fillas, Siña Fernández, que o definiu como un persoeiro "estritamente austero ao que non lle gustaban os convencionalismos" —mesmo non acudiu a recoller o seu título de fillo predilecto da provincia de Lugo—, asegurou que coas súas actividades empresariais procuraba "contribuír ao desenvolvemento económico de Galicia, cun profundo interese social".

Antonio López, rector de USC: "Antonio Fernández López foi un empresario galeguista e republicano na difícil época que lle tocou vivir"

Despois do descubrimento da escultura, celebrouse un acto que abriu o reitor compostelano, Antonio López, que puxo de manifesto que foi un empresario "nacionalista e republicano na díficil época que lle tocou vivir". Salientou que estaba "comprometido coa formación (Granxa Barreiros e colexio Fingoi) e coa cultura", como un dos impulsores da editorial Galaxia e da fundación Penzol.

Ana González Abelleira, deputada provincial: "Foi un grande mecenas para o Museo Provincial de Lugo, sempre desde a sombra, porque era humilde"

O reitor compostelano, que estivo acompañado pola vicerreitora de coordinación do campus lucense, Montserrat Valcárcel, lembrou que o congreso celebrado en 1925, no que participaron Antonio Fernández, Paz Andrade ou Rof Codina, entre outros, foi o primeiro no que se debatiu sobre cara onde debía ir Galicia e se diagnosticou que tiña "un perfil rural en transformación", ao que, segundo dixo, "segue respondendo" hoxe en día.

Blanca García Montenegro, presidenta de El Progreso: "O presente e o futuro de Galicia precisan este tipo de referentes. Galicia ten condicións axeitadas para medrar"

MODELO A SEGUIR. A presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, considera que "o presente e o futuro de Galicia precisan este tipo de referentes" e que se inculquen os seus valores nas novas xeneracións. "Galicia conta con condicións axeitadas para medrar", afirmou a editora, que engadiu: "É posible que en Lugo agromen empresas se entre todo facemos que Galicia sexa un espazo social e económico dinámico". García Montenegro insistiu en que o Grupo El Progreso ten "o compromiso e a responsabilidade" de apoiar este tipo de iniciativas.

Un foro avoga por que os empresarios sigan o exemplo de Antonio...
Comentarios