Fóra da política tamén hai vida

Facer conservas, ir a clases de canto, coidar o primeiro fillo, estar a carón dunha nai enferma ou debater na radio con outros expolíticos son algunhas das ocupacións dalgúns dos edís que deixaron de selo o pasado xuño, tras as eleccións municipais
undefined
photo_camera Álvaro Santos amosando os produtos colleitados. XESÚS PONTE/EP

Por decisión propia ou imposta, dos 25 concelleiros que formaron a corporación de Lugo durante os últimos catro anos, cinco aparcaron a política. Moitos deixan a porta aberta a volver, pero mentres tanto non se aburren.

Álvaro Santos, exconcelleiro de Urbanismo (PSOE)


"Coido a familia e estes días recollo os froitos da horta e fago conservas"

Álvaro Santos dirixiu o PSOE en Lugo, foi vicepresidente da Deputación e edil de Medio Ambiente e Urbanismo en Lugo, pero en 2022 deuse de baixa do partido e en maio deixou a política. Ve o PSOE carente de ideoloxía e non semellaba cómodo con decisións que tomaba o goberno do que formaba parte, por iso non bota de menos "absolutamente nada" o exercicio da política, di.

Segue os asuntos da cidade e do partido "moi por riba" e percibe que, cando se está fóra da política, "a xente exprésache as sús opinións con máis naturalide e máis matices".

Leva meses moi dedicado ao coidado da familia -dun avó dependente, un pai enfermo e un neno pequeno- e estes días recolle os froitos da horta que nunca deixou de traballar en Friol, na casa familiar.

Trouxo de Chile semente de millo choclo que se lle deu de marabilla e estes días asa e pela pementos para conservas. O futuro xa se verá. "Teño algunha cousa en mente, pero de momento teño moita esixencia na casa", zanxa.

Silvia Alonso exedil de Muller e Igualdade (PSOE)


"En política fun de perfil baixo, pero no resto das facetas son moi diva!"

A socialista Silvia Alonso asumiu a concelleira de Muller e Igualdade a metade de mandato e recoñece que tivo "un perfil baixo" pero que en cambio ten outras facetas nas que é "moi diva!".

É profesora de Humanidades, canta, toca varios instrumentos, fala varios idiomas e cultiva orquídeas. E ten dous nenos. Conta que o paso pola política lle resultou "moi interesante" e que "para nada" di "desta auga non volverei beber", pero de momento ten máis tempo libre para a súa paixón.

                      No sentido das agullas do reloxio, aparecen Álvaro Santos amosando os produtos colleitados, Juan Vidal Pardo paseando ao seu bebé coa súa parella, Olga Louzao nun faladoiro radiofónico, Silvia Alonso ensaiando na casa e Rafael Pérez xogando a partida nun bar.
Silvia Alonso ensaiando na casa. EP

"Estudei Hispánicas por presión familiar, pero a miña vocación é a música. De nena estudei piano e gaita, despois os graos profesionais de canto e violín e coa tese descubrín a relación da música e da literatura", explica. A súa especialidade é a ópera, acude a clase de canto e dedícalle tempo á música todos os días. "Dáme equilibrio", di.

Pretende recuperar o costume de gozar unha vez ao ano dunha ópera no Teatro Real. "Boteino moitísimo de menos", confesa unha muller á que lle interesa "o mundo do espectáculo en xeral".

Olga Louzao exvoceira municipal de CS


"Estou a estudar porque quero aproveitar o ritmo de traballo e o que aprendín"

Olga Louzao, exvoceira de Cs no Concello, bromea e di que non se explica como é que non segue sendo edil, á vista de que, catro meses despois das eleccións, media cidade segue louvándolle o papel que facía no Concello.

Entrou en política en 2015 e sempre a compatibilizou co despacho de seguros que ten cunha socia, pero poucos concelleiros, e menos na oposición, se teñen tomado tan en serio a acta como ela, como lle recoñecen ata os adversarios.

Olga Louzao. XESÚS PONTE
Olga Louzao. XESÚS PONTE

Deixala custoulle, pero despois dun verán de liberdade coa familia e os amigos cargou a pila e afronta novos retos. Non quere que o que traballou e aprendeu como concelleira quede en balde e decidiu seguir estudando. É un desafío máis persoal que profesional, pero quen sabe se lle serve para volver a unha administración local algún día.

Sobre o papel segue a ser a coordinadora de Cs en Galicia e, aínda que segue vendo necesario un proxecto de centroesquerda, insiste en que non ten apetencias fóra de Lugo.

A ela o que lle gusta é a súa cidade e este outono non escudriña a conta xeral do Concello, pero goza falando da cidade e da política nas tertulias radiofónicas nas que participa, con outros expolíticos como José López Orozco, Joaquín García Díez e Branca Rodríguez Pazos. E en breve sumarase á nómina de colaboradores deste xornal.

Juan Vidal Pardo exconcelleiro de Cs


"Recuperé tiempo, aunque ahora duermo menos por la llegada de Tomás"

Juan Vidal Pardo, o segundo concelleiro de Cs entre 2019 e 2023, tamén compatilizou a política coa súa profesión, a avogacía, o que fixo que a miúdo andivera "con la lengua fuera", di. Para el a política é proposición e xestión pero tamén debate, e dende esa perspectiva seguirá gozando dela porque se alternará con Louzao nalgunha desas tertulias radiofónicas.

                      No sentido das agullas do reloxio, aparecen Álvaro Santos amosando os produtos colleitados, Juan Vidal Pardo paseando ao seu bebé coa súa parella, Olga Louzao nun faladoiro radiofónico, Silvia Alonso ensaiando na casa e Rafael Pérez xogando a partida nun bar.
Juan Vidal Pardo paseando ao seu bebé coa súa parella. EP

Da política sorprendeulle a gran cantidade de tempo que se dedica a acudir a actos institucionais e sociais -"muchas veces por la semana llegaba muy tarde a casa por eso"-, por iso agradece o tempo que gañou ao non ter esas obrigas.

Permitiulle volver a volcarse noutra das súas responsabilidades profesionais, o centro de formación Paso a Paso, que abriu hai sete anos coa súa irmá. Aínda que se hai algo que dende hai unha semanas o mantén ocupado é Tomás, o seu primeiro fillo, nado en agosto. "Duermo menos, pero es una experiencia muy chula". É, seguramente, o exconcelleiro que encara o outono con máis ilusión pola vida.

Rafael Pérez exconcelleiro do PP


"Fíxenme socio do Círculo e teño máis tempo para ir pescar e para o mus"

A Rafael Pérez, veterinario e xefe do servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Xunta en Lugo, foi o seu amigo e compañeiro Ramón Carballo quen lle deu a oportunidade de ser concelleiro.

                      No sentido das agullas do reloxio, aparecen Álvaro Santos amosando os produtos colleitados, Juan Vidal Pardo paseando ao seu bebé coa súa parella, Olga Louzao nun faladoiro radiofónico, Silvia Alonso ensaiando na casa e Rafael Pérez xogando a partida nun bar.
Rafael Pérez xogando a partida nun bar. EP

Da política sacou cousas positivas, di, como acceder a lugares e coñecer persoas coas que doutro xeito seguramente non cadraría, pero tamén sentiu impotencia por non poder levar a cabo accións nas que cría e, como calquera político, viu como a vida familiar se resentía.

En recuperar a vida e as afeccións de antes, como a pesca, é no que anda agora, aínda que engadiu algunha máis. "Ás poucas semanas de deixar o Concello fíxenme socio do Círculo. Gústame ir por alí conversar e xogar ao mus", conta.

Beatriz Vázquez exconcelleira do PP


"La transición fue fácil porque nunca dejé de dar clase y de estar en el coro"

Beatriz Vázquez é profesora de varias materias de ciencias dos alimentos en Veterinaria e en Nutrición Humana e Dietética, actividade que mantivo durante os catro anos que foi concelleira, polo que tanto a incorporación como a saída da política resultáronlle sinxelas, di.

Iso si, cre que todo o mundo debería pasar por ela, para saber que é o que se pode e o que non se pode facer, aínda que supoña sacrificios, como no seu caso foi perder algúns momentos importantes cos seus fillos, aínda menores de idade, conta.

A maior disponibilidade de tempo é o aspecto que máis destaca agora. Segue a cantar no coro Solo Voces e está volcada na promoción da dieta atlántica, un proxecto dentro do seu eido laboral.

Macamen López exconcelleira do PP


"Fue un honor, pero ahora puedo estar más con mi madre, que está malita"

Macamen López Silva entrou en política en 2019 e saíu en 2023, aínda que antes xa fora directora asistencial da xerencia de Atención Primaria na provincia. Compatibilizouna co seu traballo de médica no centro de saúde da Praza de Ferrol e niso segue, botando unha man a compañeiros, di, nunha época de moita esixencia debido á falta de doutores.

Destaca que para ela foi unha honra ser edil, que lle permitiu aprender "cómo funcionan las cosas por dentro" e coñecer moitas persoas e actividades culturais e sociais da cidade como representante do PP.

Segue participando da axenda sempre que pode, pero agora as horas que lle deixou libre a política dedícaas a estar coa súa nai, cuxa saúde empeorou. "Si hubiese seguido en política me sería muy difícil compatibilizar", recoñece.

Outros edís: Poy, Abades e Sánchez seguen
Tres concelleiros do PP deixaron de selo pero seguen activos na política. A Sagrario Sánchez, o paso polo Concello, aínda que fora na oposición, serviulle de plataforma. Catro anos despois de dar o salto á política acaba de ser nomeada xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación.

Política na familia

Cristina Abades
tamén saltou do Concello ao Congreso en catro anos, ao recuperar o PP a terceira acta en xullo. Tamén o seu pai fora candidato por Alianza Popular e alcaldable de Palas por Coalición Democrática, ademais de delegado provincial de Sanidade.

Poy, no partido

O ex edil máis amigo de confrontar, sobre todo nas redes, traballa agora para o partido na sede provincial.

Comentarios