"Rafael de Vega foi un médico que revolucionou a sanidade e xerou envexas"

Rafael de Vega, o médico fusilado en Lugo en 1936, cobra vida en Sentencia, unha novela de José Francisco Rodil que se presenta este xoves, ás sete e media, no Vello Cárcere, cando se fan 86 anos da súa morte. Unha hora antes, descubrirase unha placa no busto do doutor, na rúa que leva o seu nome
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera José Francisco Rodil Lombardía. EP

O que iba ser un encargo para facer a biografía de Rafael de Vega convertiuse, ao final, na segunda novela histórica que publica o xornalista e exdirector da Televisión de Galicia José Francisco Rodil Lombardía. Tanto lle impresionou a traxectoria vital deste insigne médico que tivo Lugo que, ao final, decidiu narrar, en primeira persoa, a historia da súa vida e da súa morte en ‘Sentencia’.

Esta é xa a súa segunda novela histórica tras a primeira, La noche de las luminarias. Ambas están ambientadas no Lugo da República e da Guerra Civil, aínda que vostede é asturiano. De onde lle vén ese interés por Lugo?
Eu son de Santa Eulalia de Oscos pero, desde neno, tiven moita relación con Lugo. Meu pai iba comprar alí e cando ibamos a Ourense pasabamos por Lugo para coller o tren ou o autobús de La Directa. E, despois, cando marchei para Madrid, para ir á casa, viña ata Lugo e despois colliamos a estrada da Fonsagrada hacia Oscos.

Por que decidiu escribir este libro sobre Rafael de Vega Barrera?
Fora xa un personaxe que saíra na outra novela, ‘La noche de las luminarias’. E, a raíz deste libro, entrei en contacto co seu neto Rafael Pérez de Vega, que recuperou moita documentación sobre o seu avó e que me pediu que fixese unha biografía. Adentreime un pouco na figura de Rafael de Vega e vin que era un home moi complexo, que requería máis que unha biografía porque había moita información. Foi, entón, cando decidín facer unha novela e poñerme eu na pel do protagonista e contar así a súa vida. Por iso, empezo a novela desde o cárcere, onde estivo antes de ser fusilado.

Que nos pode dicir do doutor Rafael de Vega?
El era dun pobo de Burgos, de Zazuar. Estudou Medicina en Valladolid e fixo o doutorado en Madrid, onde opositou para a praza de director do Hospital Municipal de Lugo, que gañou, e que estaba no convento das Agustinas. Veuse para Lugo en 1916 e, desde que chegou e viu como era ese hospital, a súa obsesión foi montar un hospital moderno na cidade. El destacou enseguida porque era dos mellores cirurxáns que había en España daquela. Foille tan ben que acabou montando unha clínica privada, primeiro na Avenida da Coruña e despois en Montero Ríos, onde tamén construiu cinco chalés, un para cada fillo. Era un médico que defendía o dereito á sanidade universal e, á xente que non tiña diñeiro, non lles cobraba nada na consulta. Despois, en 1930, abriuse o novo hospital, o de Santa María, onde foi director. Foi un médico que revolucionou a sanidade en Lugo e iso xerou moitas envexas entre outros médicos mediocres que, ao final, testificaron contra el no Consello de Guerra ao que foi sometido e que provocou o seu fusilamento o 21 de outubro de 1936.

Quen foron eses médicos que lle tiñan tanta envexa?
Houbo tres compañeiros do hospital que testificaron en falso contra el no Consello de Guerra, acusándoo de que permitira acubillar a uns homes armados de Monforte no hospital que viñeran a Lugo para defender o Goberno Civil e o alcalde das tropas franquistas. Foron:Marcelino Fuente Cela, José Lomas Díaz e Casto González Méndez. Este último foi recompensando con algún cargo.

Foron as envexas ou foi a súa participación política o que acabou coa morte de Rafael de Vega?
El metérase, primeiro, na Izquierda Republicana, e despois, na Unión Republicana e fora diputado a Cortes en 1931. Para os golpistas, o feito de ser republicano xa era sinónimo de traizón á patria. Así que aproveitaron esa circunstancia para acusalo en falso. O día que chegaron eses homes armados ao hospital el estaba fóra de Lugo e o médico de garda deixoulles estar porque recibira a orde do Goberno Civil pero, cando se enterou, Rafael de Vega protestou por isto ao Goberno Civil, on de lle deron a orde de acollelos alí. Non contento, respondeulle que quedasen no patio. Pero, ao final, acusárono de protexelos.

Como reaccionou o pobo de Lugo ante o seu fusilamento?
Nese tempo, a xente estaba atemorizada porque había un rexime de terror alimentado co fusilamento das cabezas visibles da sociedade: o gobernador civil, o alcalde e un médico moi coñecido. Houbo xente que se achegou á porta do cárcere pedindo que o perdoasen antes do seu fusilamento, pero non foi nada. Era unha persoa moi coñecida e moi querida pola súa valía como cirurxán pero tamén polo seu compromiso coa sanidade e coa provincia, para a que reclamaba mellores comunicacións.

Que pasou coa súa familia? Seguiu vivindo en Lugo?
Non, embargáronlles os chalés e o sanatorio e a viúva, Teresa, e os seus cinco fillos marcharon para León, deixando Lugo.

Comentarios