O fío que nos prende dunha aldea amazigh

A luguesa Aurora Neira xa é parte do lugar de Toughza, situado na cordilleira do Alto Atlas en Marrocos, e co que busca formas de colaborar a través das alfombras que elaboran as mulleres como parte do seu patrimonio cultural
Mohamed, Hafsa, Aurora, Kadhija e Fanna. EP
photo_camera Mohamed, Hafsa, Aurora, Kadhija e Fanna. EP

Para chegar a Toughza, na rexión do Drâa-Tafilalet, a luguesa Aurora Neira tivo que buscar, nas rúas de Marrakech, un escribán. A policía pídelle sempre un escrito, conforme deposita a súa total confianza en Mohamed Aarab para que a acompañe polo país por calquera medio de locomoción. Dende a capital, o taxi demora sete horas ata esa aldea do Alto Atlas da que el é oriúndo. No camiño, sempre sube algún viaxeiro. Pero só eles chegan ao destino ao que non se achega ningún turista. Á extrañeza da paisaxe térrea venceu a familiaridade dun lugar que semellaba estar agardando por ela. Iso pensou a primeira vez que fixo ese recorrido, no ano 2020. No mes de setembro será a cuarta. Un fío prendeuna.

Todo comezou no ano 2019, cando Aurora foi co seu marido e as súas fillas a Marrakech. No hotel estableceron boa relación co traballador e agora amigo que a acompaña na viaxe. Cando regresaron a Galicia, seguiron o contacto por WhatsApp, e as conversas comezaron a fiar as historias. As da aldea, as dos traballos, as das dificultades, as da falta de oportunidades, as da felicidade dos afectos, as das familias, que dun lado e outro ían poñéndose rostro e nomes. Aos poucos meses, Aurora reunía material para a escola da aldea, que enviou a través duns amigos. En menos dun ano, ela mesma levaba outras tantas caixas. Era a primeira vez que viaxaba soa. "Nin eu sei como cheguei ata alí, foi unha viaxe do corazón", di, para explicar ese impulso.

En Toughza, a Aurora apenas lle serve o francés para comunicarse, pero cada vez pode dicir máis cousas en tamazight, a lingua que falan nesta aldea amazigh, esa cultura coñecida como bereber para os que a din dende fóra, e que cruza o continente africano até Exipto.

Como explicar esa intimidade que ten con Fanna, a nai de Mohamed, sen poder apenas intercambiar palabras mentres dan forma ao queixo ou recollen o tomiño? "Aínda en culturas distintas, todas somos irmás, fillas, nais, amigas... e recoñecémonos neses vencellos, que alí son moi fortes", comenta Aurora.

ALFOMBRAS. Mentres os homes das 25 familias que viven na aldea saen a traballar fóra, as mulleres fano na casa, ocúpanse dos coidados, atenden os animais e encárganse do campo onde, logo da sequía dos últimos anos, apenas resiste o cultivo da cebada. Unha desas tarefas diarias é a do tear, onde as mulleres lavan, pintan e tecen as alfombras con lá de ovella. "As casas bereberes non teñen mobiliario, pero as alfombras cobren cada recuncho. Non se pode concibir unha casa sen alfombra. Elas dan calor ao espazo, en todos os sentidos. Sobre elas descánsase, cómese, faise a vida", conta Aurora. "Cando hai unha celebración especial, tamén se agasalla unha alfombra, e todas as veciñas axúdanse para facelas", engade, mentres repasa as cores e as formas nas que se escribe con fíos de lá parte do patrimonio cultural deste pobo tan vencellado ao pastoreo e á transhumancia.

Un fío prendeu a Aurora da familia de Fanna e Said, de Mohamed e os seus nove irmáns, de todos os veciños de Toughza. Con ese fío quere tecer agora unha historia de colaboración, que as alfombras e os coxíns elaborados polas mulleres da aldea entren nas nosas casas e abran nas súas algunhas portas de futuro. "Eu non quero cambiar nada, pero si me gustaría apoiar na medida das miñas posibilidades, porque as dificultades alí son moitas, sobre todo para as nenas. Iso si, a aldea é unha comunidade, todos axudan e colaboran se alguén así o precisa". Vese, logo, que Aurora, xa forma parte dela.

Comentarios