domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

Xa se coñecen as catro propostas finalistas do XXI Premio Aresa

Un momento da reunión do xurado. EP
Un momento da reunión do xurado. EP
EFA Fonteboa, Arnigal, A Carqueixa e unha estratexia de loita ecolóxica fronte á rata toupa son as escollidas

O xurado do XXI Premio Aresa, un tribunal presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e do que tamén forman parte o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez-Franqueira, e a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso Fernández, reuniuse este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e, de seguido, dar a coñecer os nomes das catro propostas finalistas da vixésimo primeira edición do Premio Aresa: Centro de Formación Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e a Estratexia de loita ecolóxica fronte á praga de rata toupa, unha iniciativa presentada polo docente e investigador da USC Pablo Sánchez Quinteiro.

O xurado, dacordo coas premisas establecidas nas bases do XXI Premio Aresa, valorou con especial atención as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, crearan un novo proxecto ou axudaran a outros, sen esquecerse da finalidade esencial do galardón, que é "recoñecer entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúen de forma decisiva a crear riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro".

A xeración de postos de traballo de calidade no rural, a posta en valor dos produtos da terra, a recuperación de subsectores agrícolas ou gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e a innovación en produtos e métodos produtivos, son outros dos criterios que ten en conta esta convocatoria.

Unha vez determinados os catro finalistas que optan ao XXI Premio Aresa, os membros do xurado adiantaron asemade que o gañador desta edición do galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, coñecerase o vindeiro 11 de febreiro, no marco dunha sesión programada para as 12.30 horas e que poderá seguirse por streaming.

Xa se coñecen as catro propostas finalistas do XXI Premio Aresa
Comentarios