O San Froilán aposta pola música, con máis de 170 actuacións

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou o programa das festas, que inclúe máis de 200 actos, do 4 ao 12 de outubro
Maite Ferreiro presentou o programa das festas. SEBAS SENANDE
photo_camera Maite Ferreiro presentou o programa das festas. SEBAS SENANDE

O BNG, que volve asumir a organización das seculares festas patronais de Lugo –as máis importantes do outono en Galicia–, aposta este ano pola música. Ao longo dos nove días que van durar haberá 170 actuacións.

A concelleira de cultura, Maite Ferreiro, que presentou este xoves o programa de festas que se pode consultar na páxina www.sanfroilan.info, definiuno como "completo", con "máis de 200 actos" para "todos os gustos e todas as idades".

A edil, que rematou a súa intervención facendo un chamamento "a que non chova" xa que son unhas festas que se disfrutan na rúa, salientou que se pechou o programa das patronais "a pesar do pouco tempo" de que dispuxo a organización, "co verán por medio", segundo precisou.

Aínda que as festas arrincan o venres da semana que ven, haberá dous actos previos para ir "quentando motores" para o San Froilán. Este domingo celebrarase unha sesión vermú na Praza Agro do Rolo amenizada por Rachel & The Blue Batons y Malditos Pendejos. E o próximo xoves a Asociación Autónomas de Lugo organiza unha nova edición da Noite Aberta, na que decenas de céntricos comercios abrirán as súas portas ata a medianoite.

O San Froilán terá este ano como pregoeiros, o día 4, uns personaxes directamente vencellados a estas festas, Os Pelúdez, que naceron hai 111 anos da man deste xornal.

Entre os concertos salientan os de La Habitación Roja e Def con Dos, o día de San Froilán; Don Patricio, o venres 11, e Los Enemigos, o sábado 12.

O xoves 10 o centro da cidade pode estar a reventar debido a que coincide, cunha hora de diferencia, o concerto de Javier Gurruchaga, Miguel Costas e Cómplices, entre outros, na Praza Horta do Seminario, co de El Combo Dominicano, na Praza Maior, a carón da Casa do Concello. O día anterior outra das grandes orquestras galegas, París de Noia, actuará na Praza de Augas Férreas.

PUNTOS LILAS. Maite Ferreiro dixo que esta é a edición "máis social" do San Froilán. Triplicaranse os puntos lilas, onde especialistas en materia de igualdade ofrecerán pautas para evitar situacións de violencia machista e atenderán no caso de que acontezan. Ademais, por primeira vez, o recinto feiral contará cun posto antirruido, en colaboración coa asociación Raiolas Lugo, para que os nenos con trastorno do espectro autista poidan desfrutar das festas.

Os máis pequenos tamén terán actividades todos os días no patio do Seminario Menor dentro do San Froilán Miúdo, con obradoiros, títeres, monicreques, bailes ou xogos tradicionais. "É unha programación variada para as nosas crianzas", afirmou a concelleira de cultura.

O día 3 abrirán as barracas e as casetas do polbo
Aínda que desde o pasado martes está prohibido aparcar no entorno do Parque Rosalía de Castro para que se poidan instalar as barracas e as atraccións de feira, estas non empezarán a funcionar ata o xoves da semana que ven, día 3, e continuarán ata o 13 de outubro.

As catro casetas do polbo (Aurora do Carballiño, La Palloza, Nadela e Torre de Núñez) e os outros tantos caldeiros permanecerán do 3 de outubro ao 3 de novembro.

Mesmos prezos. O polbo mantén os mesmos prezos que o San Froilán pasado. A ración, de 250 gramos, custará 12 euros —en 2018 subira catro euros a petición dos hosteleiros porque se disparara o importe do cefalópodo nos mercados—. A botella de viño, de tres cuartos, valerá 4 euros e as racións de cachelos e de pan, 1,50 euros cada unha

Comentarios