sábado. 29.01.2022 |
El tiempo
sábado. 29.01.2022
El tiempo

Ferreiro presentará en Fitur un video promocional da campaña 'Lugo Km 100'

Maite Ferreiro, en Fitur. EP
Maite Ferreiro, en Fitur. EP

Turismo continuará coa iniciativa estreada en 2020

O Concello continuará coa campaña Lugo Km 100 na feira internacional de turismo Fitur, que se celebrará en Madrid a mediados de xaneiro. Avanzouno a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, quen salientou que esa iniciativa "está a destacar os potenciais turísticos de Lugo e a consolidarnos como o centro do turismo de proximidade".

"Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo, e ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a catedral, a muralla e o Camiño Primitivo", lembrou a edil, que engadiu "isto fai de Lugo un atractivo de primeira orde dentro do turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir". E iso nun momento no que, segundo apuntou, "o turismo sostible e de proximidade está a mostrarse como un dos eixos de saída da crise económica provocada pola covid".

Lugo estará presente en Fitur con material promocional da cidade e coa proxección dos vídeos turísticos elaborados pola área de Cultura.

A campaña Lugo Km 100 foi presentada na edición 2020 de Fitur, para poñer en valor a cidade e o seu patrimonio histórico e cultural. Está acompañada de diversas accións para promocionar Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 quilómetros mínimos que se requiren para obter a Compostela.

A presentación de Fitur contará tamén coa presenza da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que dará a coñecer iniciativas para a mellora de Lugo.

Os números do turismo en 2021
Ferreiro constatou que no ano que acaba de rematar o número de turistas que se achegaron a Lugo nos primeiros meses do ano, cando as restriccións de mobilidade eran máis severas, "foi moi baixo, pero coa tempada de verán a cidade posicionouse como un destino estratéxico á hora de visitar Galicia, situación que continuou ata o final do ano".

Puntos de información
Os dous puntos de información turística do Concello de Lugo atenderon 50.692 persoas, un notable aumento con respecto ás 44.408 de 2019, antes do inicio da pandemia.

Salas museísticas municipais
Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron números similares aos de 2019, e o MIHL pechou o ano con 16.118 visitas, multiplicando por tres a cifra de 2019.

Ferreiro presentará en Fitur un video promocional da campaña 'Lugo...
Comentarios