martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Ferreiro: "Estamos valorando dispersar as barracas, aínda que eu non son partidaria"

Maite Ferreiro, nos xardíns da Praza Maior. SEBAS SENANDE
Maite Ferreiro, nos xardíns da Praza Maior. SEBAS SENANDE
Co San Froilán ás portas, Ferreiro analiza as posibilidades que deixa a pandemia e marca as liñas xerais da que será a política cultural e de promoción turística os próximos dous anos

É, XUNTO CON Rubén Arroxo, quen marca o paso do BNG no goberno municipal. A iso engade a cota de poder que lle outorga ser tamén a responsable de cultura na Deputación, polo que pode dicirse que a Maite Ferreiro hai poucos en Lugo que lle tusan. O último en facelo foi o voceiro popular Ramón Carballo, que cun comentario desafortunadamente machista desatou a ira e os insultos da concelleira de cultura na reunión da comisión de festas.

Sen casetas, sen grandes concertos e, seguramente, sen barracas, o obxectivo é que o San Froilán non acabe igual que a comisión de festas, en verbena. Mentres, esta política mantén fixo un rumbo baseado nunhas conviccións máis persistentes que o son das gaitas que acompaña a Lugo dende a súa chegada ao goberno local.

Os insultos a Carballo foron tan contundentes como se conta?
Para min non foi insulto, foi unha contestación merecida a unha actitude machista que hai que cortar. E, sobre todo, que se saiba que esas actitudes aínda seguen existindo e eu, como muller, nunca me manterei calada ante elas.

Quizáis foi dar tamén coa menos axeitada, porque ten vostede fama de temperamental.
Eu sei onde estou, nunha contorna machista, e moitas mulleres con cargo na política temos que vivir nun mundo feito por e para homes. Creo que debemos ter claras as cousas e non permitir a máis mínima actitude machista, por nós e por todas esas mulleres que non son tan visibles e padécenas no día a día.

Eu recoñezo que son moi vehemente, porque todo o meu traballo tento facelo con paixón e dalo todo; si é certo que ás veces a miña vehemencia non se corresponde coa miña maneira de ser e se cadra dá ás veces sensación de agresividade, cando non é así. Pero tamén é certo que precisamente no mundo en que vivimos, para que non che afecten algunhas actitudes diarias, é unha maneira de dicir que iso non o consinto. Non vou permitir que unha persoa con cargo público se comporte coma se estivese na barra dun bar.

Non vou permitir que unha persoa con cargo público se comporte coma se estivese na barra dun bar

Acúsana de falta de diálogo, de querer impoñer os seus criterios, de tratar só cos seus...
Será porque son muller? É unha pregunta.

Non o sei. Vostede que opina?
Na área de cultura escoitamos e recibimos a todo o mundo que nos vén ofrecer propostas, pódeo testemuñar calquera persoa, eu sempre estou no meu despacho. E con respecto a que a oposición sexa agresiva contra a concelleira de cultura, creo que o PP representa esa franxa ideolóxica á que non lle importa moito a cultura, porque non dá votos e ademais é perigosa, porque fai ás persoas e aos pobos libres.

Está a dicir, entendo, que a cultura é un ámbito de xestión que se presta máis fácil á ideoloxización política. Esa é, precisamente, unha das principais críticas que se lle fai, unha liña de programación que favorece aos artistas máis próximos a súa ideoloxía, a "os seus".
Creo que si. A dereita non entende unha cultura que sexa aberta, libre, que sexa crítica e esperte conciencias. E sorpréndeme que digan que só contratamos aos "nosos", porque non sabía que tiñamos tantos "nosos"; eles deben de ter as listas de afiliación de todos os grupos e artistas da provincia de Lugo, nós aquí non lle pedimos o carné a ninguén.

Neste momento, primamos a calidade, a variedade e, loxicamente, que sexan grupos locais. Tratamos de facer actos culturais para todo tipo de público. Eu pregúntome: os do PP van a algunha actividade cultural das que se organizan desde o Concello? Saben que facemos?

Non só é o PP, tamén hai moitos cidadáns que botan de menos máis cultura de masas. Polo que acaba de dicir, non é a súa prioridade.
Neste momento non, temos moi en conta a situación sanitaria. O ano pasado viñeron grupos importantes de música e tivemos ocasión de escoitar os traballos de grupos de Lugo, que hai moitísimo talento, e trouxemo a outros grupos de fóra sabendo que non queriamos atraer a un gran público, e este ano imos nesa liña.

Ten xa pechadas algunhas actuacións para o San Froilán?
Non están todas pechadas porque estabamos a esperar a que se presentasen alternativas na comisión de festas. Só nos chegaron as propostas do PP, o mércores. Agora valoraremos tendo en conta os cachés e se se adaptan aos tres escenarios que estamos a preparar para garantir os protocolos que hai agora e con posibilidade de ampliar ou reducir dependendo da situación na que esteamos a primeiros de outubro.

Reprochóuselle que non presentase informes sobre a posibilidade de instalar barracas. É unha decisión tomada ou estase a revisar?
Comprometémonos a que se ía a revisar e estámolo facendo. Queremos facelo rápido porque tampouco queremos xerar falsas expectativas.

Maite FerreiroSen polbo e quizáis sen barracas. Houbo suficiente previsión?
Creo que si. Na comisión de festa de xullo nós levamos un prego para as casetas do polbo, no que se reflectían tres modelos para escoller o que se adaptase mellor ao momento da instalación. Un prego necesita dous meses de preparación. Deuse o visto bo e sacamos o prego, aínda que o resultado foi o que sabemos. Estivemos a agardar ata o último momento para sacar os pregos de produción e iluminación, tendo en conta os prazos do proceso, e sacámolos a semana pasada.

O ano pasado a oposición acusounos de facer contratos menores para os equipamentos técnicos, pero é que non puidemos facelo doutra maneira porque non había prazo. Este ano anticipámonos precisamente por iso, e xa son contratos maiores.

Están aínda dentro do prazo se se decide instalar barracas?
Non, a estas alturas non podemos asegurar os protocolos sanitarios tal e como son as barracas en Lugo. Estamos a valoralo porque PP e Cs propuxéronnos instalalas noutros espazos, separar as barracas por distintos puntos da cidade. Estamos a valorar se economicamente é posible: se hai espazos pechados, controlar aforos, contratar seguridade...

Esta opción de dispersar o feiral foi debatida cos barraquistas?
Nós tivemos unha reunión coa asociación de feirantes en xuño e eles entenderon perfectamente a situación e tampouco tiveron un empeño especial en que se sacase o prego. O que pasa é que nesa asociación non están todos os barraquistas, algúns van por libre, que son os que están a chamar. Pero en ningún momento pediron unha entrevista conmigo, non sei quen son eses señores.

Eu enténdoos, son a primeira á que lle gustaría un San Froilán con barracas, pero non sabemos se lles gusta esa proposta ou non. Eu non son partidaria de distribuír as barracas por todo Lugo, pero é a miña opinión persoal. Nin sequera sei se facéndoo somos capaces de cumprir os protocolos, ter varios recintos pechados e con controis de acceso.

Falaba vostede antes das críticas polo uso de contratos menores, que segundo a oposición son usados para eludir os controis, para dalos "a dedo".
Non. Os contratos menores están na lexislación e teñen os mesmos controis que un contrato maior. Iso é chamarnos corruptos directamente, e choca que o faga precisamente un partido que está condenado por corrupción. Son unha fórmula xurídica legal para facer contratacións cando non hai tempo material para facer un prego, o que pasou na situación de pandemia do ano pasado.

Tamén é certo que a contratación na actividade cultural non é o mesmo que en servizos nos que adoitan ser investimentos dunha cantidade moi importante. Por exemplo, cando fixemos o Muralleando pedímoslles presupostos a todos os grupos de Lugo e a todas as empresas de Lugo que se dedican á produción. Todos eses contratos déronse ás pequenas empresas de produción de Lugo.

Sempre que hai un contrato menor solicítanse polo menos tres presupostos e elíxese o máis barato, é imposible dalo a dedo. Sempre tivemos en conta priorizar os grupos de Lugo. Desde a cultura móvense moitos postos de traballo e é unha maneira de fomentar que os que se dedican á cultura non teñan que marcharse de aquí, porque nós estamos por fomentar o emprego, non por dar subvencións. Pódese ofrecer cultura na rúa e xerar emprego e traballo dignos.

Niso podería axudar bastante que se abrise o novo auditorio, non?
Co auditorio estamos nun proceso de adaptación e cando nolo pasen a cultura xa se verá. Depende de patrimonio do Concello, non podo dar prazos porque non o sei, non teño capacidade de decisión.

Cre que se abrirá este ano?
Espero que si. Creo que será unha boa noticia para ampliar a oferta cultural e conseguir un dos nosos fins: que a xente veña a Lugo a ver actividade cultural, como parte do turismo.

O novo auditorio depende de patrimonio do Concello, non podo dar prazos. Espero que se abra este ano

O turismo, outra das súas responsabilidades, experimentou este verán un incremento exponencial en Lugo. É só mérito do Xacobeo?
Non sei se é mérito do Xacobeo ou da pandemia. Teremos que facer unha valoración. Segundo a nosa información, o perfil dos visitantes é de xente maioritariamente de Madrid, Cataluña, País Vasco e Andalucía, e grupos familiares. O que nos comentan desde as oficinas de turismo é que a xente vén a Lugo escapando da masificación do turismo habitual ata o de agora e descubre Lugo, porque si que queda sorprendida do bonito e o pouco coñecido que é.

Desde turismo levamos un ano promovendo Lugo como destino en distintas campañas no resto do Estado; espero que esa campaña tamén influíse algo. Non podemos pensar que o deste ano vai ser igual daquí en diante, temos que traballar para que eses visitantes volvan, primando ese turismo de calidade e de 365 días do ano.

O incremento do turismo Puido ser pola pandemia. Non se pode pensar que a afluencia vai ser igual daquí en diante

Atopou o Santo Graal do turismo?
Estamos a traballar para que Lugo deixe de ser esa cidade escura e triste que moitos cren que é. E estamos creando unha axenda cultural estable todo o ano para que os visitantes saiban en calquera momento que é o que se van a atopar.

Hai que fidelizar as actividades para que veñan tamén por iso, ademais de gozar da gastronomía e o patrimonio cultural e natural. Queremos tamén presentar Lugo como punto de saída a lugares marabillosos que están a menos de cen quilómetros.

Ferreiro: "Estamos valorando dispersar as barracas, aínda que eu...
Comentarios