Fernández Rocha: "Hai que devolver a confianza na política e no Concello"

Consulte as respostas do candidato de Lugonovo á alcaldía lucense ás preguntas dos lectores de elprogreso.es
Santiago Fernández Rocha, durante el encuentro digital
photo_camera Santiago Fernández Rocha, durante el encuentro digital

O candidato á alcaldía de Lugonovo ("todo xunto"), Santiago Fernández Rocha, afirma que a súa candidatura ten o "compromiso" de "dignificar a institución municipal e que volva a confianza da xente na política e no Concello". O alcaldable desta formación foi o segundo participante nos Encontros Dixitais promovidos por El Progreso cos candidatos á alcaldía de Lugo nas eleccións municipais do próximo 24 de maio.

Fernández Rocha respondeu ás variadas preguntas dos usuarios da web durante unha hora. Reiterou que a súa formación non pactará nin co PP nin con imputados (en alusión directa ao socialista José López Orozco), considerou lóxica a súa evolución dende o CDS ("progresista e fondamente comprometido pola cidadanía"), pasando por Compromiso por Galicia ata unha marca que abrangue mesmo a Podemos. E insistiu en que a súa proposta de renda básica, que podería beneficiar a uns 17.000 lucenses en risco de exclusión, pode financiarse reducindo á metade o gasto en edís e asesores.

Tamén tivo tempo para responder a temas que xeraron ultimamente moito interese entre os trolls. Así, defendeu a limpeza das eleccións primarias nas que saíu elixido cabeza de lista e considerou que a  aversión que xeran iniciativas como as mareas cidadás, Podemos ou Lugonovo débese a que "van directamente á liña de flotación dos representantes da vella política".

Meira10: Que pensa da xente que dá carné de esquerdas e de demócratas sen ler os programas?

Que está confundido de espazo ideolóxico.

Indignada: Por que algúns membros do seu partido, hai ben pouco, condeaban as manifestacións cidadás levadas a cabo en Lugo e de repente fanse chamar plataforma cidadá e dicen reivindicar as causas que antes ninguneaban? A que parte da cidadanía representan?

Non teño constancia de que ningún membro da miña plataforma puxese en tela de xuízo a libertade de expresión e de manifestación, nin eu tampouco o fixen a título persoal.

Racionalizando: Que pensa das subvencións que deron o Concello de Lugo e maila Deputación ao CD Lugo a fondo perdido? En caso de que non estea dacordo, por que José Ángel Lage Suarez, membro da súa candidatura, formou parte da directiva até hai uns días?

Son decisións institucionais, pero en todo caso eu nunca fun moi partidario de dar subvencións a sociedades anónimas e menos a fondo perdido. Trátase de diñeiro público e considero que as institucións públicas teñen que ter como misión fundamental potenciar o deporte de base e crear todas as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento do deporte na nosa cidade en igualdade de condicións. Sobre o señor Laxe, entendo que nada ten que ver coa decisión das institucións, porque non ten responsabilidade política nin na Deputación, nin no Concello, e a súa traxectoria de apoio ao CD Lugo, de todos coñecida, é unha actividade estritamente persoal.

PielRoja: Boa tarde, Santiago. Vostede vén do centrodereita (CDS), milita nun partido (CxG) que vén de pactar nas eleccións europeas con CiU e PNV (Dereita etnicista) e sen embargo promete lexislar e gobernar para a maioría social. Por que os traballadores e traballadoras deben confiar nunha veleta que hoxe é de dereitas e mañá por modismos di ser de esquerdas? É vostede o novo Lerroux? Grazas.

Primeiro, o CDS era un partido progresista que contou con militantes tan destacados coo Mayor Zaragoza, Eduardo Punset ou Raúl Morodo. Ademais, tiña un compromiso social inequívoco. En consecuencia, desde o punto de vista ideolóxico sigo sendo progresista e fondamente comprometido coa cidadanía. En todo caso, se houbo un cambio na miña traxectoria foi o asumir dende o principio dos noventa un compromiso que hoxe segue sendo innegociable cos valores do galeguismo e a defensa dos intereses de Galicia. Por esa razón, dende os anos noventa milito na CIG e, ademais, en todos os meus artigos de prensa e revistas non poderá ler nada escrito por min que non estea en galego.

Meira10: Boas tardes. Podería dicirme de onde vai sacar os 750.000 euros anuais para a renda minima?

Reducindo o 50% o orzamento de gastos de ediles e asesores. Concretamente, eliminando unha porcentaxe significativa de asesores e dedicacións exclusivas, que son neste intre 17 asesores e once cargos políticos.

Pajarraca Digital: Por que cre que o proxecto de Podemos, as mareas cidadás ou Lugonovo xera tanta aversión e fobias enfermizas nalgúns ambentes, en especial en internet?

Porque van directamente á liña de flotación dos representantes da vella política e, polo tanto, eso sempre conleva unha grande resistencia ao tratarse dunha ameaza para o bipartidismo.

Alberto Ribera: ¿Lugo Novo? ¿Lugonovo? ¿LugoNovo? ¿Cómo se escribe? Porque en Facebook ustedes usan los dos últimos indistintamente. ¿Significa eso que les vale igual A que B, un imputado que un no imputado, un sociata que un pepero?

Escríbese Lugonovo, todo xunto. Temos manifestado reiteradamente o noso compromiso de que no próximo goberno municipal non haxa ningún imputado, nin membros dunha formación política do PP, xa que a consideramos paradigma da corrupción.

Adalberto de Rivera: ¿Qué tiene que decir de las sospechas lanzadas en internet sobre las elecciones primarias de Lugonovo donde Vd. fue elegido candidato?

Ninguén presente nese proceso pode dubidar da súa limpeza e da súa transparencia. Así quedou de manifesto na posterior asamblea de Lugonovo.

Lugante: Imaxinemos que gaña Orozco e necesita os seus votos para gobernar. Aceptarían entrar nun goberno bipartito? Cales serían as liñas roxas que poderían frenar o pacto?

A liña roxa é que o señor Orozco non será alcalde de Lugo co noso apoio pola súa condición de imputado.

Xan Rivas: É realmente definitiva a decisión de Lugonovo de non pactar nin co PP, nin co PSOE? ¿Por que razón?

No caso do PP é definitiva, e co PSOE teríamos posibilidades de negociar sempre que non nos propoña ningún candidato imputado para gobernar Lugo. O noso compromiso é dignificar a institución municipal e que volva a confianza da xente na política e no Concello.

Luis Castro: Que melloras nas políticas de servizos sociais está a propór Lugonovo?

A renda mínima de inserción para familias e unha mellor coordinación entre os servizos de emprego e os servizos sociais, a simplificación dos trámites burocráticos para acceder ás axudas, un Lugo libre de desafiuzamentos e o compromiso do Concello de que a ningunha familia se lle corta a luz ou a auga por impago.

Lucense Dudoso: ¿Eso de la renta básica no le parece una propuesta populista? ¿Cómo la aplicarian en Lugo? ¿Saben si el Ayuntamiento tiene fondos para eso, no teme el efecto llamada y que se nos llene Lugo de gente que solo viene para eso? Gracias.

A concesión desta renda básica ten unha serie de requisitos, como estar empadroado en Lugo, non ter ningún ingreso e que os parados da familia en idade de traballar estean inscritos no servizo de desemprego. É evidente que se trata dunha renda de emerxencia social, dirixida a ese amplo colectivo de lucenses, uns 17.000, en risco de exclusión.

Indeciso: ¿Por qué después de tantos encuentros no se llegó a acuerdos co EU? ¿Por qué en alguna entrevista de un periódico digital tras la afirmación del periodista de que EU está también en Lugonovo no la desmiente? ¿No se podría entender eso como un intento de confundir al electorado?

Non houbo diálogo porque unha das partes, neste caso Esquerda Unida, non o considerou oportuno, sen que coñezamos as razóns da súa decisión.

Pablo: Jorge Dorribo acusa a un dos membros da súa candidatura, Xosé Anxo Lage, de ter recibido sobres para a campaña electoral cando foi candidato á alcaldía polo BNG de Lugo. Pode garantir de verdade que a súa lista para as municipais está limpa de corruptos? Non parecen estar libres de sospeita...

A credibilidade do señor Dorribo non é digna de ser tida en conta, nin houbo ningunha investigación sobre esa calumnia.

Lucense Nova: Vostede pertence á dirección local de Compromiso por Galicia. Por qué ocultan que a súa candidatura está formada en grande parte pola executiva local do seu partido? Cómo é que pretenden cambiar a política do Concello se moitos dos membros da súa lista xa formaron parte del? Non sería máis honesto o nome de Lugo Vello? Podería considerarse que Podemos está apoiando á casta en Lugo?

Na nosa plataforma electoral, aínda que ten o apoio de distintos partidos, só deciden as persoas a nivel individual, que adoptan os seus acordos na asamblea, que é soberana.

Augusta: Dicir que son unha plataforma cidadá estando rexistrados como unha coalición de partidos (CxG e Anova) ante a xunta electoral, non é mentir directamente aos cidadáns?

Houbo un erro de índole administrativa ante a xunta electoral, que xa está subsanado, e tivemos que usar esa fórmula para poder concorrer ás elecciones ata que se arranxase o problema. Ante Podemos fixemos un acta notarial no que facía constar ese erro e o seu arranxo.

Queremos Saber: Hai un ano vostede fixo campaña por CIU e PNV; ambos, partidos da dereita nacionalista. Que cambiou nun ano para que faga unha viraxe no seu discurso de 180 graos ideolóxicos adoptando o de Podemos? Podería especificar por favor de forma clara a orixe política dos integrantes da súa formación? A que partidos/organizacións pertencen?

Foi unha decisión de Compromiso por Galicia ir en coalición con CiU e o PNV,  pero iso non ten nada que ver con Lugonovo. Tamén outros partidos da esquerda nacionalista firmaron coalicións electorais con estes partidos.

Comentarios