martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

Fernández Naveiro: "Sempre digo que a Filosofía é máis importante para os de Ciencias"

Juan Carlos Fernández Naveiro
Juan Carlos Fernández Naveiro
É catedrático de Filosofía no IES Lucus Augusti, coordinador do grupo Doxa e o único representante galego, integrado ademáis na Comisión de Educación, na Red Española de Filosofía, que lidera a defensa desta disciplina como materia obrigatoria no ensino secundario

A RED ESPAÑOLA de Filosofía (Ref) aglutina a loita das facultades de Filosofía, profesores de ensino secundario e máis de 50 asociacións filosóficas contra o recorte de contidos filosóficos no ensino secundario. O presidente da Ref, Antonio Campillo, compareceu o día 17 ante a Subcomisión para o Pacto Educativo, e acadou un consenso sobre a necesidade de reintroducir a Filosofía no currículum do ensino secundario. A mesma representante do PP admitiu que reducir a súa presenza na Lomce fora un erro.

O cambio de tornas trala comparecencia de Campillo é capital, porque na Lomce practicamente se borrou esta materia, non?

No ciclo de asignaturas filosóficas había tres materias, unha en cuarto de Eso, unha en primeiro de Bac e outra en segundo. Desas, coa Lomce desaparece a de cuarto de Eso e a de segundo de Bac convértese en optativa paras as modalidades de Humanidades e Ciencias Sociais. É verdade que, por outro lado se ofrecen Valores Éticos como alternativa a Relixión, algo no que as asociacións filosóficas nunca estiveron de acordo porque se propón o ensino da ética como unha opción ante a relixión. Xa hai uns meses que os representantes da Red percibieron un cambio nos representantes do PP, que se fixo explícito o outro día.

De feito, tras a reunió, a deputada Sara Moneo dixo que a súa postura será defender a súa introdución como común e obrigatoria...

Esta cuestión era o centro da reivincidación: que Historia da Filosofía fose común e obrigatoria en segundo de Bac como sempre foi. Ese cambio do PP, por ser o máis maioritario, é decisivo. Estase vendo unha oportunidade para un cambio no modelo educativo que inclúa a recuperación da Filosofía como asigntatura común. O que se busca é que forme parte dun ciclo de tres anos, como pasa con Matemáticas ou Lingua, para que teña unha unidade e unha presenza máis clara.

"O programa 'Filosofía para nenos' de Mathew Lippman fíxose hai corenta anos e estase estendendo cada vez máis"

Na comisión tamén se propuxo introducir en primaria o programa Filosofía para Nenos, que leva funcionando 40 anos en Estados Unidos, pero non parece que a idea fora acollida con entusiasmo...

Parece ser que foron receptivos, de feito foi case o tema máis novedoso, aínda que nos círculos filosóficos non é novo, porque hai corenta anos que se fixo o programa Filosofía para Nenos de Mathew Lippman. Parece ser que se está estendendo cada vez máis e que se demostra que o coñecemento de Filosofía en idades temperás é beneficioso para a adquisición de coñecementos noutras áreas. Trátase de adquirir destrezas operativas que son aplicables a outros ámbitos: argumentativas, de análise...

Campillo expuxo ante a comisión o resultado dun estudo no Reino Unido que demostrou que os nenos educados con este método tiñan mellores resultados en materias como Matemáticas...

Si, porque realmente os procesos de razoamento son comúns. Os contidos dunha materia ou doutra poden variar, pero as estruturas formais son as mesmas e iso é o que se traballa nese método. A filosofía pretende aplicar ferramentas de análise que valen para as Ciencias, para a Historia, para a Lingua, para calquera disciplina.

 "Este é o primeiro ano que sairá dos institutos unha promoción de Ciencias sen dar nada de Historia da Filosofía"


De feito, apunta que nesta dicotomía entre Letras e Ciencias, a Filosofía sería unha ponte entre as dúas e non unha materia de Letras, como se identifica...

Efectivamente, a Filosofía recoñécese como de Letras popularmente, pero dentro da cultura filosófica iso non se sostén. Eu sempre lles digo aos rapaces que é máis importante a Filosofía para os de Ciencias que para os de Letras porque os de Letras, ao fin e ao cabo, van acabar vendo contidos filosóficos por outros lados, polo lado da Literatura ou da Historia. Os de Ciencias senón reciben una formación filosófica complementaria non o van recibir en asignaturas de Ciencias nin en ningunha outra. O cultivo das Ciencias sen o acompañamento filosófico, que foi historicamente permanente ao lado das Ciencias, é unha carencia, creo que grave, desde o punto de vista da formación dun científico. Este é o primeiro ano que vai saír dos institutos unha promoción de rapaces de Ciencias sen ter dado nada de Historia da Filosofía. O ano que vén seguirá sendo así porque non haberá tempo de modificar, pero parece ser que a vontade dos grupos parlamentarios é modificar iso. E aínda que o PP teña vontade, a oposición tamén ten algo que dicir e hai incertidume sobre as posicións que vai adoptar o PSOE, nun proceso case de refundación.

E cando se reintroduza, tamén o propio gremio ten un debate interno sobre os contidos. Hai voces que reclaman máis campo para a contribución da muller á Filosofía, por exemplo...

Si, totalmente, pero aí tropézase coa inercia da Administración, que son difíciles de alterar. A tendencia curricular nos últimos anos foi engadir contidos reducindo horas e a práctica docente da Filosofía vaise diluíndo e é verdade que son contidos moi tradicionais, que habería que actualizar e facer máis fincapé na Filosofía contemporánea. É un proceso pendente e esperemos que, se se leva a cabo o pacto educativo, os políticos chamen a profesionais antes de poñerse a artellar os cambios legais. Hai que introducir unha perspectiva de xénero, e tamén seguramente multiculturais, aínda que isto tamén está sometido a moita discusión, porque a tradición filosófica que se estuda é a tradición occidental, cristiana, e tamén habería que contextualizala e completala con outras tradicións.

Fernández Naveiro: "Sempre digo que a Filosofía é máis importante...
Comentarios