A NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL

Felipe Rivas: o concelleiro da conciliación e dos mitóns

Forma parte da corporación municipal dende 2019, cando acadou a quinta acta do BNG, e dende o ano pasado tamén é o responsable da formación nacionalista na cidade. Exerce con discreción, vive na parroquia de Piugos e gústalle a bricolaxe e os grupos musicais "que fan bastante ruído".
Felipe Rivas Jorge. XESÚS PONTE
photo_camera Felipe Rivas Jorge. XESÚS PONTE

Felipe Rivas Jorge naceu hai 39 anos en Lugo, dende hai catro é concelleiro de Edudación e Difusión do Coñecemento e dende o ano pasado tamén responsable local do BNG. Por idade, á fronte nacionalista podería ter chegado a través de Galiza Nova, pero non foi así. Deu o paso xusto cando outros marchaban, tras a fractura de Amio. 

Á política institucional, Rivas chegou cando o BNG recolleu os restos do frustrado experimento de Lugonovo. Por esta e por outras razóns, a formación nacionalista subiu aos cinco concelleiros e el foi o último en entrar na corporación, tanto en 2019 como este ano. Viña da empresa privada, de ir encadeando un traballo con outro, sempre no eido da electrónica e sempre como asalariado. Foi técnico de impresoras, repartidor e instalador de electrodomésticos, antenista e técnico de telecomunicacións, a súa última ocupación.

Baixo a súa responsabilidade no Concello están os comedores escolares e as escolas infantís, por iso hai quen á súa área lle chama a concellería de conciliación. "Non son competencias propias dos concellos, pero que sería de todas as familias sen estes servizos", sinala. E aproveita para manifestar que lle gustaría máis máis colaboración e mellor tono da Xunta. "Xa que  prestamos estes servizos, polo menos que non moleste", di.

Tamén os conserxes, figura indispensable nos colexios para o seu funcionamento e moitas veces tamén como enlace coas familias, dependen do Concello. E nas últimas semanas volveron a ser nova pola falta deles nun par de centros. Leva tempo sucedendo por xubilacións e porque as substitucións tardan máis do que deberan, pero como é un trámite que depende da área socialista do goberno, a Rivas e ao BNG este conflito pásalle polo lado, como moitos outros. "As substitucións sempre son complicadas e cada grupo de goberno ten as súas prioridades. Pero nunca percibín mala baba por parte de ninguén", asegura, diplomático.

Fóra do Concello, Rivas é un home con afeccións e habilidades variadas. Vive na parroquia de Piugos e gústalle a bricolaxe. "O último que fixen foi un pequeno estante", conta. Traballou seguramente cos seus inseparables mitóns, que usa para protexer as mans e para, por que non, marcar estilo, di. Con eles tamén toca a guitarra, a clásica e a eléctrica. Gústalle o folk pero tamén o metal nórdico, "os grupos que fan bastante ruído", di. Xusto o que el evita na política.

Comentarios