Felipe Arias: "Non deberan reconstruír os cubos da muralla"

O profesor Ad honorem de Humanidades estrea este xoves, no Vello Cárcere, o ciclo de conferencias Pasado desenterrado cun percorrido histórico dos estudos sobre a orixe de Lugo feitos o século pasado

Felipe Arias Vila. SEBAS SENANDE
photo_camera Felipe Arias Vila. SEBAS SENANDE

DESDE OS primeiros estudios históricos feitos a consciencia polos lucenses Manuel Amor Meilán e Manuel Vázquez Seijas ata as consecuencias da declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade da Unesco, en 2000, para aprender a darlle ao monumento o valor que se merece. Un dos grandes coñecedores da historia lucense, Felipe Arias Vila, analizará estes pasos que, durante o século XX, permitiron desentrañar o pasado de Lugo. Será este xoves, ás oito da noite, no Vello Cárcere.

Que aportacións fixeron Amor Meilán e Vázquez Seijas ao coñecemento sobre a historia de Lugo?

Non foron os primeiros que estudaron a historia de Lugo. O conde Pallares, por exemplo, xa o tiña feito. Desde o século XVII empézase a falar do Lugo romano pero Amor Meilán e Vázquez Seijas dan máis datos. Eran uns eruditos locais e manexaban moita información. Vázquez Seijas fixo tamén unha investigación pioneira sobre as inscricións romanas e os epígrafes de Lugo.

Houbo outro estudioso da historia de Lugo a principios do século XX, o inglés Richmond...

Si. En 1931, este inglés editou un libro sobre as cinco murallas romanas tardías que había en España, entre elas a de Lugo. Foi un traballo descoñecido durante 40 anos pero tivo a súa relevancia porque foi o primeiro estudio que contextualizaba a muralla de Lugo con outras como as de Barcelona, Zaragoza, Astorga e León.

Non obstante, a maioría dos estudios son a partir dos anos 70...

Si, a miña tese de licenciatura foi sobre a muralla e fíxena en 1971. A partir de aí, contextualízase a muralla na España romana e na parte occidental do antigo Imperio Romano.

A operación Muralla Limpia, que derrubou as casas pegadas ao monumento, supuxo un revulsivo para a fortaleza?

Foi un momento clave. Levei o control arqueolóxico e houbo a oportunidade de ver a cimentación, o tipo de macizado interior, os sillares das portas e as bases dos cubos que se perderan e que se reconstruíron.

Cantas bases de cubos había?

Entre doce e quince, todas elas entre as portas de San Pedro e A Nova. Quizais non deberan reconstruír os cubos da muralla. Hoxe optaríase por deixar a ruína tal e como estaba.

Que máis aportacións históricas houbo nos 70?

A celebración do bimilenario, en 1976, reuniu en Lugo a expertos —algúns deles franceses—, que revisaron a epigrafía romana da provincia.

Tamén se fixeron traballos sobre as termas?

Si, rebaixouse o piso e quedaron como se ven agora.

E en Santa Eulalia de Bóveda, avanzouse algo?

Moito, coñécese moito máis agora deste monumento prerromano que o que se sabía cando se descubriu, en 1927. Precisamente, o Museo Provincial abre mañá (por este xoves) unha exposición das acuarelas sobre o monumento que pintou Elías Segura cando se descubriu. Non se avanzou tanto na xestión do mesmo, na conservación das pinturas murais e na interpretación das diversas teorías sobre a súa orixe. A conservación das pinturas é un reto continuo. Hai que decatarse que as pinturas non foron feitas para que durasen máis de 2.000 anos! Pero, aínda así, duraron máis que outras recentes.

Os aparcadoiros subterráneos en 1986 favoreceron os estudos?

Apareceron moitos achádegos pero tamén se destrozou a necrópole que apareceu na Praza da Constitución! Non facía falta facer estas obras para saber que Lugo era un xacemento romano pero, iso si, fíxose unha lei que obriga a escavar antes de facer unha obra.

A declaración como Patrimonio da Humanidade da Unesco valeu de algo?

Si, porque antes diso había quen dicía que a muralla era un estorbo para a cidade. A declaración deulle, sen dúbida, unha transcendencia turística e económica a Lugo.

Comentarios