"Falar de prioridade peonil é falar de democracia, unha cidade de todos"

Pontevedra é un referente de como deben medrar as urbes respectando o seu patrimonio histórico e natural, ata o punto de que foi recoñecida por Nacións Unidas. O seu rexedor municipal falará mañá en Lugo sobre o modelo de cidade nun acto do seu partido, o BNG
Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores

Desde que hai 16 anos colleu o bastón de mando do Concello da Cidade de Lérez, un dos principios que aplica Fernández Lores (Vilalonga-Sanxenxo, 1954) é que "as rúas son dos peóns, pero non só as do casco histórico, tamén as do resto da cidade".

Como mudou Pontevedra nos últimos anos?

Partimos da base dunha cidade caótica, chea de coches -entraban case 150.000 vehículos diarios sen ningún tipo de restrición-, con aparcamento indiscriminado no casco histórico, ruidosa, tiña a ría contaminada, o 70 ou 80% dos verquidos residuais ían ao río... Nós invertimos a tendencia cuns criterios: facer unha cidade habitable, segura, tranquila, agradable, recuperar o seu patrimonio histórico e natural... Ao mes seguinte de tomar posesión peonalizamos o centro histórico, sacamos 500 coches que estaban aparcados en rúas que non teñen nin sete metros de ancho. Eliminamos a Ora en toda a cidade. Estimulamos que se instalen terrazas públicas. Non se fixo ningunha grande superficie comercial -somos a cidade que menos ten-. Potenciamos o comercio de proximidade. Nós aprobamos en 2010 velocidade limitada a 30 quilómetros por hora en toda a cidade e parte do rural. Non hai ningunha no mundo. Desde hai tres anos non poñemos multas por exceso de velocidade porque as rúas están ocupadas polos peóns ou hai pasos elevados e rotondas restritivas que calman o tráfico. Temos resultados irrisorios de accidentes mortais. Por contra favorecemos a carga e descarga e o acceso de vehículos aos garaxes. Reducimos o ruído e a contaminación de forma brutal, 500 quilos de dióxido de carbono por habitante.

Pero ademais de ter vontade política para transformar a cidade cómpre o respaldo dos cidadáns, moi propensos antes a demonizar as peonalizacións.

Cando estamos a falar de prioridade peonil estamos a falar de democracia, equidade, dunha cidade para todos, do débil (nenos, vellos, discapacitados...) fronte ao forte (o adulto que conduce). Partimos da base de que eliminar os privilexios aos que os teñen, sexan cales sexan, é moi complicado, pero ao final a xente enténdeo perfectamente. Fixémolo moi participativo. Onde había unha asociación de veciños moi forte falábamos con ela e onde non facíamos asembleas. Cando quitamos os coches do centro eran os propios veciños os que chamaban por teléfono á Policía Local para dicir que había un vehículo aparcado. Guindastre e acabouse. Normalmente eran coches de alta gama con esa idea de que ‘yo voy a Santa María -que é a igrexa chip de Pontevedra- y tengo que lucir el Mercedes’.

Mañá presenta o seu modelo de cidade en Lugo, algún consello?

Non. Todas as cidades son transformables na liña de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns. Indiscutiblemente tes que calmar e reducir o tráfico de vehículos privados, eliminar barreiras arquitectónicas, facer a accesibilidade universal... Esas son cuestións fundamentais, pero logo cada cidade ten a súa dinámica para aplicalas e non me atrevo.

Xunto con Orozco é o alcalde das grandes cidades galegas que máis mandatos leva, catro. Coida que o 24-M se vai producir un cambio electoral coas chamadas mareas ou haberá poucas modificacións?

Cos datos que temos, o BNG vai ser a forza máis votada en Pontevedra. Teño 60 anos e levo desde os 17 predicando o evanxeo do nacionalismo e do dereito a tomar decisións propias no país, opoñéndome a Maastricht, á Unión Europea, á Constitución Española e ó Estatuto de Autonomía. Non nos serven. Respecto a opinión de todo o mundo, pero a min ninguén me vai vir agora a dar clases. Non vai haber unha tendencia global de forzas emerxentes.

O BNG vaise recuperar ou continuará o seu descenso?

Cando estes días o PP di que non comunica ben, claro que comunica ben, o que fai é fastidiar os cartos e a calidade de vida aos cidadáns. Pero no caso do BNG, ás veces non comunicamos ben. Nós somos os que historicamente fomos do non, críticos co sistema e non fomos capaces de transmitir que somos a alternativa a este goberno capitalista que non defende os intereses da rúa. Se de repente alguén di o que nós levamos toda a vida dicindo e se leva o gato á auga, ao mellor estamos facendo algo mal. Eu creo que hai que seguir nesta liña correcta e defender o país por riba de todo.

E reeditarán os pactos de goberno co PSdeG-PSOE que os levou a gobernar nas principais cidades?

Desde o punto xenérico véxoo moi difícil, pero puntualmente é posible se a maioría social o permite e o desexa. Nas últimas municipais xa non foron homologables os acordos que houbo.