Fabiola García: "Lugo contará cun dos mellores centros de atención a maiores de Europa"

Barreiro destaca que o barrio da Residencia "vivirá a maior transformación experimentada nos últimos 50 anos"

Fabiola García, durante a reunión cos veciños da Residencia. EP
photo_camera Fabiola García, durante a reunión cos veciños da Residencia. EP

A conselleira de Política Social, Fabiola García, reuniuse este xoves cos veciños do barrio da Residencia para coñecer o novo proxecto que está a desenvolver a Xunta nos terreos do antigo Hospital Xeral.

A conselleira informou de que se destinarán máis de 33,8 millóns para o proxecto integral que se desenvolverá no barrio e que inclúe "o primeiro Centro Integral de Saúde (CIS) de toda Galicia, unha Oficina de Emprego e Formación, un Centro de Emprendemento centrado na industria aeronáutica, unha central de Biomasa e o centro público de atención integral ás persoas maiores", no que está a traballar a Consellería de Política Social da man da Fundación Amancio Ortega.

 Neste sentido, Fabiola García salientou que no novo barrio da Residencia, "Lugo contará cun dos mellores centros de atención ás persoas maiores de Europa". "Trátase dunha residencia de primeirísimo nivel, na que se investirán 12 millóns de euros, contará con 12 prazas públicas e que creará 115 postos de traballo no sector dos coidados", apuntou a conselleira .

En relación cos proxectos para o barrio da Residencia, José Manuel Barreiro, candidato ao Senado, declarou que "a da Residencia vai ser a maior transformación experimentada por Lugo nos últimos cincuenta anos e débese exclusivamente ao esforzo inversor da Xunta".

DOWN LUGO. Durante a súa visita a Lugo, a conselleira tamén pasou polas instalacións da asociación Down Lugo. Alí, García lembrou que "o mellor reflexo do compromiso do Partido Popular con todas as persoas con discapacidade son os orzamentos".

Comentarios