A exdirectora xeral de Familia Amparo González liderará Cáritas

O bispo, Alfonso Carrasco Rouco, reuniu este luns o persoal, os párrocos e os voluntarios para presentar nun acto público a esta economista que substituirá a Ginés Plaza á fronte da ONG
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera De esquerda a dereita, Mario Vázquez, Amparo González, Alfonso Carrasco e Ginés Plaza. XESÚS PONTE

A dirección de Cáritas en Lugo cambia de cara. Ginés Plaza —que levaba ao fronte da ONG catorce anos— deixa o posto de director que pasará a ser ocupado, desde xa, pola exdirectora xeral de Familia e Inclusión Amparo González Méndez. A nova directora foi presentada onte polo bispo, Alfonso Carrasco Rouco, nun acto público ao que estaban convocados empregados, párrocos e voluntarios na sede da Avenida das Américas.

Unha xuntanza que resultou moi emotiva para Ginés Plaza quen, nun momento dado, viuse na obriga de sacar o pano para limpar as bágoas tras a proxección dun vídeo onde se resumiu o seu traballo na entidade. Labor que, por outra parte, foi loada polo bispo quen dixo que Ginés Plaza sempre lle dera "tranquilidad por su franqueza" na dirección de Cáritas.

Alfonso Carrasco fixo un percorrido pola historia de Cáritas en Lugo, que data de hai 50 anos, e lembrou "el embate tecnológico" destas últimas décadas que supuxo todo un desafío, ao que se sumou "la obligación de profesionalizarse".

Neste sentido, apuntou que o encheu de orgullo a consecución, por parte de Cáritas Lugo, do certificado de calidade "por lo bien que se hacía el trabajo", indicou. Destacou, ademais, o carácter de diocesana de Cáritas "por su acercamiento a la diócesis, a la gente".

O bispo anunciou, por outra banda, que se mellorará a infraestrutura de Cáritas este ano e tamén se dirixiu aos presentes para dicirlles: "Habéis trabajado mucho estos años".

O vicario da diocese, Mario Vázquez, recordou que a súa carreira estivo vencellada a Cáritas desde os comezos. "Fun voluntario desde os 16 anos e estreeime como crego nas colonias de verán", afirmou.

Vázquez dixo da nova directora que é "unha amante dos servizos pobres" e que "estudou para servir mellor aos pobres". A este respecto, lembrou que Amparo González é licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e posúe un máster en Xestión de Empresas. "E se non hai empresas, non hai traballo. E se non hai traballo, hai pobres", concluiu o vicario.

Mario Vázquez engadiu que Amparo González tamén estivo na Consellería de Traballo, entre os anos 2012 e 2015, e despois foi directora xeral de Familia e Inclusión, entre 2015 e 2020. Agora mesmo, a nova directora de Cáritas Lugo traballa na empresa privada. En concreto, en GSI Dotación Industrial, unha firma radicada en Lalín, onde exerce de directora de Operacións.

O vicario da diocese rematou a súa intervención lembrando que "o cargo de director en Cáritas é un voluntariado máis". 

Reto
 

Amparo González, pola súa banda, comezou o seu discurso agradecendo a Cáritas esta oferta e manifestando que aceptaba o reto que se lle presentara.

"Acepto o reto con moita ilusión. Espero traballar polas persoas en situación de vulnerabilidade que necesitan a nosa axuda", sinalou a nova directora de Cáritas en Lugo.

González tamén destacou o traballo que fixo a ONG todos estes anos, que coñecía de preto especialmente polo cargo que desempeñou, nos últimos anos, na Xunta á fronte da Dirección Xeral de Familia.

Engadiu tamén que coñecía a implicación de Ginés Plaza, de quen dixo que aínda conserva unha imaxe da Virxe de Fátima coa que a agasallou e que a acompaña, de traballo en traballo, á beira do seu ordenador. 

Anos de ilusión e compromiso
O que foi director de Cáritas en Lugo durante os últimos catorce anos, Ginés Plaza, tomou a palabra e resumiu esa etapa á fronte da entidade como "catorce años de ilusión y compromiso".

Agradecementos
Tamén aproveitou para agradecer a toda a xente de Cáritas o traballo feito na entidade. Pero, en especial, fixo fincapé en cinco persoas: "Mónica, la secretaria general; Carmen y Paula, administradoras que lograron dar solvencia a Cáritas; Antón, el delegado, por asesorarme continuamente, y don Alfonso, por confiar en mí", dixo.

Comentarios