'Eu tamén son local', a iniciativa para dinamizar o comercio de proximidade en Lugo

Tamén busca favorecer a integración e a inclusión das persoas migrantes que viven na cidade ► Repartiranse caixas con ata 50 euros en vales para gastar en establecementos
Caixas que se repartirán pola cidade. EP
photo_camera Caixas que se repartirán pola cidade. EP

A Asociación Axel fixo público un comunicado este mércores no que anuncia o lanzamento da campaña Eu tamén son local. Trátase dunha iniciativa destina a dinamizar o comercio de proximidade en Lugo.

Entre os seus obxectivos tamén están favorecer a integración e a inclusión das persoas migrantes que viven na cidade. Eles serán os encargados de deixar en distintos sitios da cidade, que teñan un significado especial na súa vida, unhas caixas decoradas coas bandeiras dos seus países de orixe.

Estas caixas conterán vales de ata 50 euros para gastar en establecementos da cidade. A persoa que as atope encontrará xunto co vale do agasallo unha fotografía da persoa que deixou a caixa acompañada dun texto que lle axudará a coñecela un pouco máis.

A través das redes sociais da Asociación Axel daránse pistas sobre a localización das caixas.

Os establecementos que participan na campaña son: Pollo Crujiente, Locutorio Camiño Real, Cervecería La Base, A Costureira, Floristería As Camelias, Miky roupa infantil, Ferretería Elías, Mundoabuelo, Cafetería Milano, Xoiería Ónix, Óptica Milagrosa, Mercería Olalla, Electrodomésticos Loal, Peluquería Lety, Corsetería Montreal e Lucus Carnicería

Esta campaña está encadrada dentro das actividades cofinanciadas polo Concello de Lugo coas subvencións ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro para a dinamización económica do exercicio 2021.