Eu quero ser bombeira

Unha boxeadora e unha traballadora de emerxencias competirán con 309 persoas por unha das doce prazas que oferta o Concello

Tania Ledesma, coas súas luvas de boxeo. SEBAS SENANDE
photo_camera Tania Ledesma, coas súas luvas de boxeo. SEBAS SENANDE

Antía Rodríguez. J. VÁZQUEZO Concello de Lugo iniciará nos próximos meses os exames para cubrir doce prazas de bombeiro e, se nada se torce, alomenos dúas mulleres competirán con outras 309 persoas -as inscritas-por unha das doce prazas que se convocan. Antía Rodríguez xa é bombeira, en realidade, posto que ten praza no Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Monterroso. Tania Ledesma vende pasteis nunha tenda de Lugo e é boxeadora -o ano pasado foi prata no campionato galego elite feminino-. As dúas son nais -Antía dende hai cinco meses- e as dúas amosan respecto polas probas e os contrincantes aos que se enfrontarán pero tamén confianza nas súas posibilidades.

Antía cre que vai ser determinante a data na que se celebren os exames, porque o seu corpo aínda está "volvendo ao seu sitio" tralo embarazo e o parto. Non pasou esas etapas vendo a tele, bromea procurou coidarse e xa se reincorporou ao traballo e retomou a actividade física, pero aínda non está ao 100%, sinala. Na súa opinión, as probas do Concello de Lugo están "na liña" das que se fan no resto de España. Son esixentes, pero acordes cos postos para as que se requiren, di. "Non é un traballo de oficina, hai que dalo todo, o 120% ou o 150%", afirma coa experiencia que lle dan moitos anos traballando na extinción de incendios e noutros servizos de emerxencias. Esa experiencia tamén lle di que nun bombeiro é tan importante a cabeza como o corpo. "Tes que estar equilibrada fisica e emocionalmente e ter os protocolos e os coñecementos moi asimilados. Tes que ter todo moi asegurado, non podes parar a pensar as cousas, tes que facelas automaticamente", explica.

Antía ten 36 anos, é do Grove, "sempre" foi voluntaria de Protección Civil e comezou a traballar nos lumes cando veu a Lugo a estudar Maxisterio, na especialidade de Educación Física. Hai quen serve copas ou quen coida nenos para pagar os estudos, pero a ela - que "non é que quixera ser bombeira dende pequena", matiza- tiráballe máis o traballo físico, no exterior e de axuda aos demais. As campañas estivais contra os incendios forestais reunían esas tres condicións e foi dese xeito como se iniciou e se enganchou ao mundo das emerxencias. De aí pasou ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (Grumir) do Grove, no que traballou varios anos, aínda que tamén é tecnica de actividades físicas e deportivas e foi monitora de piragüismo. Paralelamente empezou a formarse na Academia Galega de Seguridade (ten case todos os cursos da rama), onde seguiu actualizándose tras obter a praza no GES de Monterroso. Neste enfróntase a distintos tipos de emerxencias, dende lumes a accidentes de tráfico, como fan os bombeiros de Lugo, e ningunha é igual que outra, asegura.

Obter praza no parque da capital suporía superar un novo reto e achegarse ao seu lugar de residencia. Xa o intentou hai case dez anos, na anterior convocatoria. Daquela non o conseguiu, pero cre que a experiencia adquirida neste tempo pode axudarlle.

Para Tania, esta será a primeira vez. A motivación é parecida. Gústalle o servizo público e esixirse "moito" fisicamente. A súa talla non lle permite optar a outros corpos de "alto rendemento", por iso, con 23 anos cumpridos, opta polo servizo de extinción de incendios da cidade que a acolleu hai máis dunha década.

Empezará a traballar cun preparador físico e teórico nos próximos días, aínda que o boxeo -afección que acabou sendo algo máis- supón unha axuda importante, cre. "Se non tes unha base creo que é moi complicado chegar aos mínimos, e cos mínimos é moi difícil entrar, porque hai moita competencia e moito nivel", opina.

O boxeo é unha axuda dende o punto de vista físico pero tamén mental, asegura, porque, igual que Antía, opina que para ser bombeira precísase corpo e cabeza. "Tes que ter moito autocontrol e saber manexar a mente. Xogas coa mente e co físico", di.

Esta veciña de Portugal explica que o boxeo supón moita esixencia mental. "Tes que ter a mente libre, limpa, saber autocontrolarte, ver as situacións de risco, non bloquearte cando ves un compañeiro no chan con sangue", explica.

Trece anos e traxectorias vitais distintas separan a estas mulleres, que quen sabe se acaban unidas polo lume en Lugo. E de paso se coverten nas primeiras bombeiras da cidade.