Un estudo do Campus Terra demostra que se pode cultivar árnica

A investigación estivo coordinada por Rosa Romero e Manel Vera e tivo o seu epicentro nuns bancais situados no concello de Cospeito
Rosa Romero y Manel Vera. EP
photo_camera Rosa Romero y Manel Vera. EP

O Campus Terra, a través dunha investigación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria da USC, vén de evidenciar a posibilidade de cultivar árnica, na súa modalidade montana L. "nas condicións edafoclimáticas presentes en Lugo".

Isto, segundo os autores do estudo, podería ter un dobre efecto positivo: "dunha banda axudar á conservación das poboacións naturais, moi mermadas pola sobreexplotación e o cambio de uso do territorio e, por outra, podería ser unha fonte de ingresos para agricultores locais diversificando as súas producións", sinala a profesora Rosa Romero Franco, da Área de Produción Vexetal, que coordina a investigación xunto a Manel Vera Rodríguez, da Área de Xenética.

"En Galicia", explicou Romero, "non hai ningún tipo de lexislación restritiva á recollida e comercialización desta planta, malia a que a presión sobre a súas poboacións en moi intensa, dado que o quimiotipo ibérico ou español é o máis demandado por resultar menos alerxénico que o centroeuropeo. De ahí que o cultivo se antolle como unha alternativa á perda definitiva das poboacións naturais", apunta.

O estudo realizouse ao abeiro do convenio existente entre a USC e a Deputación Provincial de Lugo, que en 2021 destinou 18.000 euros ao estudo desta planta.

Os bancais habilitados nuns terreos da parroquia de Xermar, no concello de Cospeito, permitiron constatar que é viable domesticar con éxito a árnica montana L, ao tempo que demostraron que os rendementos produtivos desta árnica cultivada son superiores ás das poboacións silvestres.

A árnica montana L. é unha planta de uso habitual en farmacia, homeopatía e cosmética, debido ao contido de diferentes compostos bioactivos, responsables das actividades medicinais da planta. O abastecemento dos mercados (a demanda anual é ao redor das 50 toneladas de flor seca) faise fundamentalmente a partir de material procedente das poboacións naturais.

Esta extracción intensa e continuada xunto cos cambios de uso do territorio, levou a unha diminución de moitas das súas poboacións, ata comprometer a súa supervivencia ou mesmo desaparecer, nalgúns casos.

Comentarios