Cambio de rumbo: a Formación Profesional deulles o empuxón que precisaban

O camiño profesional está cheo de cruces sen sinalizar. A veces hai que dar un rodeo para chegar ao destino
Carlos Fernández e Andrés Díaz, cun dos seus profesores do CIFP Politécnico. GUILHERME DA SILVA
photo_camera Carlos Fernández e Andrés Díaz, cun dos seus profesores do CIFP Politécnico. GUILHERME DA SILVA

A formación profesional non era a súa primeira opción, pero foi a correcta. Tomaron esa senda tras tropezar noutros camiños académicos ou laborais e hoxe saben que van na dirección acertada. Atoparon unha formación que os motiva e unha saída profesional coa que se senten realizados.

Sen mirar o seu currículo pódese asegurar que Adrián Martínez, Isabel Río, Ana Arias, José Manuel Castro, Antonio Sánchez, Andrés Díaz, Carlos Fernández e Manuel Goyanes son bos estudantes. Teñen o necesario para selo: ilusión e ganas de aprender.

Desde o básico

Adrián Martínez

Adrián Martínez fala con franqueza e explica que "de adolescente era un desastre nos estudos. A Eso non a levei ben porque tiña a cabeza noutro mundo. Chegou un momento no que tiña que decidir se me poñía a traballar ou se intentaba formarme por outro lado. Optei por unha FP básica de Electricidade que nin sabía se me ía gustar e enganchoume. Gústame cada vez máis e xa non volvín ter problemas cos estudos, ao contrario, teño boas notas".

Este alumno do CIFP Politécnico de Lugo afirma que a formación "é moi visual, axiña lle ves aplicación ao que aprendes. Tenche que gustar porque non son simples estudos, é o que vas facer o día de mañá", pero iso axuda a saber se vas na dirección correcta. "Se non che gusta podes cambiar, nunca é tarde", asegura.

E isto dío con convencemento tras reflexionar sobre o asunto. "Ás veces sentes que tes perdido o tempo por non estudar na Eso, pero sempre se pode rectificar. Estou contento de ter iniciado a formación profesional porque se non estaría facendo calquera traballo que posiblemente non me gustase e agora sei que isto é o meu", comenta.

Adrián Martínez empezou polo ciclo básico, continuou no medio e está agora no ciclo superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados. Espera rematalo o ano que vén e aínda non ten claro o que fará a continuación. "Sei que me quero dedicar a isto. Pode que faga algún curso de especialización, pero tamén teño un proxecto para emprender pola miña conta", explica coa determinación de quen vai no camiño correcto.

Alternativa laboral

Isabel Río. XOÁN ARIAS

Isabel Río estudou cinco anos de FP pola rama Administrativa que lle permitiron traballar nunha asesoría durante 30 anos. "Aos 57 anos quedei no paro e bastante farta dos números. Apetecíame cambiar de sector e decidín matricularme no ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia", explica. 

Vive en Guitiriz e optou pola formación a distancia no CIFP Politécnico. "Hai unha plataforma onde van poñendo as unidades. Ti estudas, fas as tarefas que che marcan e podes asistir a foros e titorías. O único presencial son os exames. A opción a distancia tamén inclúe prácticas en empresas", explica.

Isabel Río colleulle gusto ao tema e cando rematou ese ciclo matriculouse noutro. "De Farmacia e Parafarmacia. Pensei que se ía traballar con persoas maiores me viría ben unha formación complementaria neste ámbito", comenta.

"Estou moi contenta. Aprendín moito e conseguín abrir outra saída laboral porque estaba saturada de números. Empezar a estudar con 57 anos metíame medo porque custa máis memorizar, non tes o hábito de estudo e non dominaba esas ferramentas informáticas, pero axiña me fixen coa plataforma e non me resultou difícil", explica.

Cre que a clave foi "collelo con moitas ganas". A ilusión move o mundo e ela ten moita. "Estou desfrutando de aprender", asegura, e apunta que se non fai un ciclo superior é "porque é presencial e eu non podo ir todos os días a Lugo". Neste sentido valora especialmente a modalidade de formación a distancia porque "permite compaxinar o estudo con obrigas familiares ou laborais".

Considera tamén moi útil a bolsa de emprego do instituto. "Ti apúntaste e as empresas que necesiten traballadores saben onde buscar. A min xa me chamaron algunha vez, pero era para traballar lonxe da casa e non aceptei. A ver se mentres remato o ciclo de Farmacia aparece algo máis cerca", comenta ilusionada.

Aprender engancha

Ana Arias

Ana Arias tampouco tiña pensado estudar FP cando encamiñou os seus estudos cara a rama sanitaria. "Fixen o bacharelato coa intención de estudar Enfermería na universidade, pero a nota das probas de acceso non me chegou para entrar. Decidín repetir os exames e matriculeime no ciclo superior Sanitario para facer algo mentres esperaba, pero a idea foime cambiando", explica.

É de Vilalba e desprazouse a Lugo para estudar FP. En canto pasou o primeiro curso repetiu as probas de acceso á universidade e conseguiu subir a nota, pero xa cambiara de opinión. "Gustábame o que estaba estudando, estaba moi contenta e motivada. Tiña ganas de traballar e non me apetecía meterme catro anos polo menos na universidade", comenta.

Estudou o ciclo de administración sanitaria e fixo prácticas nunha clínica. O gusto pola formación foi superior á ansia que tiña por traballar e cando rematou o primeiro ciclo matriculouse noutro, neste caso de Procesos e Calidade na Industria Alimentaria. "Non sabía nin que existía, pero encántame. Abarca moito. Hai unha carreira relacionada con esta rama que non descarto facela cando remate. Convalidan moitas asignaturas e gustaríame compaxinala co traballo", apunta.

Aventura no descoñecido

José Manuel Castro

Algo parecido lle pasou a José Manuel Castro. Suspendeu Matemáticas en segundo de bacharelato e tivo que repetir o curso só por esa asignatura. "Tiña 45 minutos de clase á semana e matriculeime nun ciclo medio de Mecanizado para aproveitar o ano". Aí empezou todo. "Non coñecía este mundo. Solicitei praza en catro ou cinco ciclos e colléronme neste. Gustoume tanto que aquí quedei", comenta.

Tras o ciclo medio continuou co superior de Programación da Produción en Fabricación Mecánica. "Agora sei que o camiño é este. No sector hai moito traballo, necesítanse operarios para case todo", afirma. 

Ten esperanza en atopar traballo cando remate, pero tamén quere continuar coa formación. "Quero traballar para ter experiencia, pero gustaríame tamen facer un curso de fabricación con máquinas en 3D para ampliar coñecementos", apunta.

Valora a vertente práctica dos estudos de FP. "Os profesores do Politécnico axudan moito a aprender o oficio. Ademais, cando remate os estudos terei seis meses de experiencia en empresas. Iso valórase moito á hora de buscar traballo. Por outra parte, ese tempo de prácticas permite comprobar que o oficio che gusta", razona.

Abrir portas

Antonio Sánchez

Antonio Sánchez tamén ten claro o camiño, pero non sempre foi así. Estuda un ciclo de FP dual de Proxectos de Edificación. "Estudié bachillerato de Ciencias, pero sin una idea clara de lo que iba a hacer. Me gustaba dibujar y mi padre me propuso este ciclo de FP. Me pareció buena idea porque si me convencía podía continuar y en caso contrario iría mejor preparado para la universidad", explica.

Nestes momentos está realizando as prácticas correspondentes ao segundo curso do ciclo e ten comprobado que "el dibujo técnico es lo mío". A empresa para a que traballa ofreceulle a posibilidade de continuar, pero aínda non ten decidido o seu futuro. "Al principio tenía claro que me quería quedar, estoy contento en la empresa y con lo que hago, pero no lo he decidido todavía porque también me apetece estudiar Arquitectura Técnica. El ciclo convalida varias asignaturas de la carrera y me parece una buena opción", comenta. 

De momento, optimiza cada día da súa experiencia de traballo e non pecha ningunha porta, nin formativa nin laboral.

Un equipo gañador

Andrés Díaz e Carlos Fernández traballaron man a man na edición deste ano de Spainskills, unha competición considerada a olimpíada da formación profesional. Programaron un brazo robótico e lograron a medalla de prata.

CARlos fernandez
Carlos Fernández

Colléronlle gusto ao tema e os dous teñen en mente continuar coa súa formación. Queren saber máis. Tal vez compaxinen estudos e traballo, pero o que teñen claro é que atoparon o camiño profesional que lles gusta.

Carlos Fernández estudou bacharelato e accedeu á universidade para estudar Robótica. "Non me foi moi ben, buscaba algo máis práctico" e optou polo ciclo superior de Automatización e Robótica Industrial. Aí encontrou "un enfoque diferente da mesma materia. A carreira é máis teórica e na FP vas máis ao práctico, ves rendemento e aplicación do que estudas", explica.

Xa está no último curso, facendo prácticas nunha empresa. "No Politécnico prepárante moi ben, non tes problema para asumir o traballo, aínda que nas prácticas tamén aprendes cousas novas", comenta.

Andrés Díaz
Andrés Díaz

A piques de rematar o ciclo superior, Carlos Fernández confía nas opcións de emprego da súa rama, pero tamén quere seguir formándose. "Eu quero traballar, pero tamén teño intención de rematar a carreira que deixei. Quero compaxinar o traballo coa universidade", afirma.

Comparte esta ansia de saber co seu compañeiro de equipo, Andrés Díaz, que tras acabar un ciclo superior de Electricidade e Electrónica embarcouse nun curso de especialización en ciberseguridade e xa está pensando noutro para o ano que vén. "Elegí el de ciberseguridad porque estaba más relacionado con mi área de formación, me ofrecía un complemento, pero había otro de fabricación inteligente, un tema que me gusta y que puede que haga el próximo curso", avanza.

Andrés Díaz non descarta traballar ao mesmo tempo. De momento ten todas as portas abertas e a seguridade de que todas o van levar na dirección correcta.

Como na casa

Manuel Goyanes web

Manuel Goyanes fala xa desde a experiencia. Estudou o ciclo superior de Deseño e Amoblamento, rematou hai dous anos e desde entón compaxina o traballo nun almacén de carpintería da súa familia e nun laboratorio da universidade relacionado coa madeira e as estruturas.

Cando iniciou os estudos non sabía o que quería. Optou polo bacharelato para non perchar ningunha porta e fixo as probas de acceso á universidade, pero finalmente non chegou a matricularse.

Manuel Goyanes pensou na FP para continuar coa empresa familiar, pero ata que estivo inmerso nos estudos de Deseño e Amoblamento non se convenceu de que era unha boa elección. "Tíñao na casa, pero non o vía, había que poñerse. Ás veces é máis fácil que cho ensinen desde fóra", comenta este profesional.

Adrián Martínez, Isabel Río, Ana Arias, José Manuel Castro, Antonio Sánchez, Andrés Díaz, Carlos Fernández e Manuel Goyanes atoparon o seu camiño na formación profesional. Non foi a súa primeira opción de estudo, pero si a acertada, na que se senten cómodos e realizados. Eles falan desde a experiencia e din que nunca é tarde para aprender.