A escisión de En Marea pode provocar que se presentes tres fórmulas distintas nas municipais

A falta de confirmación podería haber as candidaturas: de Podemos, encabezada por Josito Pérez, de Esquerda Unida con Carlos Portomeñe como referencia e Lugonovo, marea afín á En Marea de Villares

Josito Pérez, Carlos Portomeñe e Xosé Chorén. EP
photo_camera Josito Pérez, Carlos Portomeñe e Xosé Chorén. EP

As diferentes escisións de En Marea durante os últimos meses poden provocar una situación curiosa no Concello de Lugo de cara ás próximas eleccións municipais do 26 de maio. A falta de confirmación, podería haber tres candidaturas diferentes: a de Podemos, encabezada por Josito Pérez, a de Esquerda Unida con Carlos Portomeñe como referencia e Lugonovo, marea afín á En Marea de Villares. Pola súa banda, Anova decidiría non presentar candidatura na capital lucense.

Non é o único o caso da cidade amurallada, senón que Ourense e Pontevedra atópanse na mesma situación. En Ourense tamén se dá por feito que haberá tres candidaturas diferentes xurdidas do universo da chamada unidade popular: Ourense en Común, encabezada por Martiño Xosé Vázquez co respaldo de Anova; Ourense Mellor, afín a En Marea, e a candidatura na que traballan Podemos e Esquerda Unida, aínda sen pechar.

En Pontevedra tamén haberá dúas candidaturas do mesmo espazo político. Marea de Pontevedra, con Luís Rei como alcaldable e co respaldo da dirección do partido instrumental, competirá nas urnas coa lista de Podemos e EU, que aínda negocian con Anova a poucas horas do peche o prazo para rexistrar coalicións.

A CORUÑA E SANTIAGO. Compostela Aberta e Marea Atlántica, as candidaturas municipalistas que aspiran a revalidar os gobernos de Santiago e A Coruña o próximo 26 de maio, acordaron desligarse da marca paraugas acordada polas direccións de Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia; polo que as mareas de Martiño Noriega e Xulio Ferreiro non se presentarán ás eleccións municipais baixo a candidatura instrumental SON En Común.

Así o trasladaron a Europa Press fontes das direccións dos partidos que subscriben o acordo, que ten por obxectivo sumar votos a través da marca paraugas Son En Común de cara a gañar representación nas deputacións provinciais. Con todo, as mareas de Santiago e A Coruña decidiron rexeitar esta marca como xa ocorreu no ano 2015, cando tanto Compostela Aberta como Marea Atlántica non acudiron á cita coas urnas baixo a marca SON, pactada por Anova e EU.

Agora, esta marca paraugas amplíase coa participación de Podemos, que se presenta por primeira vez ás eleccións municipais. Así as cousas, segundo sinalaron a Europa Press fontes do partido morado, "entre 40 e 50" candidaturas municipalistas acóllense ao acordo de coalición, que presenta "particularidades adaptadas" a cada concello. Por exemplo, no Concello de Teo, a candidatura, articulada como partido e baixo o nome Son de Teo, estará mayoritariamente integrada por membros de Anova, organización nacionalista que goberna o municipio limítrofe coa capital galega e na que foi alcalde, antes de dar o salto a Santiago, o actual rexedor compostelán, Martiño Noriega, de Compostela Aberta.

MAREA DE VIGO E FERROL EN COMÚN. Marea de Vigo e Ferrol en Común -que goberna a cidade naval desde 2015- si aceptaron concorrer baixo o paraugas SON En Común, que supón a continuación da coalición de EU e Podemos para as xerais, ás que non se presenta Anova após de fracasar as negociacións. Mentres na marea viguesa si se integran Anova, EU e Podemos, non ocorre o mesmo en Ferrol en Común, xa que o partido morado decidiu non presentarse ás municipais por desconformidade cos postos que ofrecía Jorge Suárez para a integración dos seus candidatos.

Por tanto, o próximo 26 de maio volverán confrontar nas urnas os proxectos xurdidos após a división de En Marea, escenificada nas eleccións xerais do 28 de abril. Por unha banda, as candidaturas municipalistas que se aliñan co partido instrumental de Luís Villares -como Marea de Ferrol, Ourense Mellor ou Marea de Pontevedra- e, en fronte, os que se sitúan ao lado de EU, Anova e Podemos -como Marea de Vigo ou Ferrol en Común-. Con todo, o mapa da chamada esquerda rupturista diversificouse máis que en 2015, a pesar de que un dos obxectivos fixados hai catro anos eran minimizar a existencia de varias candidaturas municipalistas dentro dun mesmo concello.

En Marea acudirá con Compromís aos comicios europeos
O portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou este venres que a formación concorrerá ás eleccións europeas do próximo 26 de maio no número dous da coalición impulsada por Compromís, Compromiso por Europa, na que participan unha decena de formacións autonomistas.

"Hoxe asinaremos con Compromís un acordo que será magnífico para representar os intereses de Galicia no Parlamento Europeo e permítenos unha segura representación", apuntou Luís Villares nunha rolda de prensa ofrecida na sede da formación rupturista en Santiago de Compostela.

Comentarios