Ermitáns en San Xoán de Pena

O 150 aniversario do traslado e reconstrución da igrexa de San Xoán de Pena e o interese veciñal por limpar os restos do antigo templo foron o pretexto para excavar no Adro Vello, onde se localizaron achados prerrománicos moi suxestivos
undefined
photo_camera Arqueólogos traballan no xacemento xunto a igrexa de San Xoán de Pena. ENGOBE ARQUEOLOXÍA-XUNTA DE GALICIA

Cando se xuntan o interese dos cidadáns e o das administracións públicas (de funcionarios e de políticos) e a historia está de parte prodúcense marabillas como a que acaba de acontecer na parroquia de San Xoán de Pena, a dez quilómetros escasos da cidade. No lugar de Adro Vello, nome xa evocador, localizáronse restos dunha igrexa de entre os séculos VIII e IX, da que había referencias documentais pero non imaxes gráficas. Sobre ela teríanse construído outros templos ao longo dos séculos.

Como se os astros se aliñaran, os achados producíronse no mes de San Xoán e cando se cumpren 150 anos da construción da actual igrexa parroquial. congratúlase o director da excavación arqueolóxica, Roberto Bartolomé Abraira, de Engobe Arqueología. Precisamente o templo no que rezan na actualidade os veciños foi trasladado dende ese lugar e reconstruído no actual, a aproximadamente un quilómetro, no ano 1872.

Os restos arqueolóxicos destapados agora están sobre un promontorio rochoso que nalgún momento foi aplanado pola man humana e que ten unha espectacular vista sobre o río Miño, cun muro de contención duns tres metros de altura. As características da estrutura fan pensar no espazo como unha especie de "eremitorio", no que comezarían rezando anacoretas e co tempo se consolidaría como lugar de culto. Sobre esa igrexa prerrománica localizada agora construiríanse outras en época medieval ou moderna. Da máis recente aínda hai muros, pero estaban tapados por silveiras e por lixo ata que este ano, con motivo da efeméride da construcción da igrexa actual, os veciños decidiron limpar a zona.

O que ía ser un pequeño acondicionamento do lugar para deixar á vista pedras dunha igrexa sobre a que moitos veciños escoitaran falar aos seus ancestros acabou sendo unha excavación arqueolóxica cando a Xunta, apoiada nas referencias que había sobre o lugar e en traballos previos realizados nos anos setenta, decidiu implicarse e investir uns 12.000 euros para facer unha prospección máis ampla.

antecedentes. Sobre a tradición relixiosa do Adro Vello hai referencias documentais no arquivo da catedral de Lugo, no Inventario Artístico de Lugo y su Provincia (1983) e en actas do Congreso Nacional de Arqueología que se celebrou en Lugo en 1977. Neste foro, o profesor dos Maristas Ricardo López Pacho presentou un traballo no que falaba da excavación que el mesmo, xunto a varios estudantes, levara a cabo uns anos antes, no marco do programa de TVE Misión Rescate. Era un espazo que involucraba a escolares de toda España na localización e recuperación de restos arqueolóxicos.

Nese contexto foi no que se viu por primeira vez unha ábsida semicircular, excavada na rocha, ademais de ladrillos e pezas escultóricas de granito e mármore. Entre elas destacan dous capiteis de follas de acanto, unha basa e un posible canzorro, e tamén restos de pinturas. O material está depositado na actualidade no Museo Provincial de Lugo e no Museo Diocesano. Algún tamén se aproveitou na igrexa nova de San Xoán de Pena, como un espectacular capitel de mármore, posiblemente de orixe visigótico, para unha pila bautismal.

A existencia desta igrexa primitiva, que estaría datada entre os séculos XVII e IX, posiblemente estaría en relación co proceso de poboamento e cristianización do territorio lucense entre a antigüidade tardía e a alta idade media, algo do que tamén dan mostra outros achádegos localizados nesta zona xeográfica, como os de Esperante, Conturiz e mesmo o santuario de Santa Eulalia de Bóveda, explica Bartolomé Abraira.

Ata hai unhas semanas, o Adro Vello estaba cuberto de arborado e vexetación, polo que non era fácil valorar os restos, como o gran muro de cachotería de lousa que pertencía á igrexa que foi traslada a finais do século XIX.

Visitas. A idea non só é preservar os achados, que nunhas semanas seguramente serán tapados, senón que a Xunta tamén quere impulsar visitas a este novo punto de referencia do patrimonio histórico lugués, no que se colocará un panel con información relativa ao xacemento.

Os veciños da parroquia teñen rastreada xa moita historia deste lugar e saben, por exemplo, que este impresionante mirador sobre o Miño foi motivo de preocupación hai séculos pola súa perigosidade. Por esa razón, en 1803 ordenouse levantar un muro para darlle seguridade á zona. Tratábase de evitar riscos porque a fachada da igrexa que nese momento aínda había no lugar estaba a só catro metros da caída cara ao río.

Para os veciños, o achado reforza a riqueza patrimonial da parroquia e ata lendas que rodean a orixe da igrexa, como a que conta que alí se apareceu San Xoán, nun abrigo cercano a unha rocha.

Outros achados: restos óseos que estuda a USC
A excavación no Adro Vello de San Xoán do Pena tamén aportou restos óseos en tumbas construídas in situ, algunhas en terra e outras en pedra. Foron trasladados á Universidade de Santiago para o seu estudo. Son probablemente de época moderna.

Mesa redonda

O resultado dos traballos exporase hoxe nunha mesa redonda que se celebrará ás doce na igrexa. Participarán Abraira; o xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena; o responsable do Arquivo Diocesano, Óscar González, e o xornalista Luis Pérez como moderador.

Comentarios