Entra en funcionamento o novo alumeado público da Fonte dos Ranchos

Continúa a renovación de máis de 60 luminarias, que permitirán reducir ata o 50% o consumo eléctrico

Visita de Arroxo ao alumeado da Fonte dos Ranchos. EP
photo_camera Visita de Arroxo ao alumeado da Fonte dos Ranchos. EP

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, informou este xoves dos avances realizados na actuación de renovación do público na zona da Fonte dos Ranchos, Doutor Ochoa e do primeiro treito da Avenida das Américas. "Os traballos continúan a desenvolverse na zona, e algunhas das luminarias xa instaladas comezaron a funcionar", explicou o edil nacionalista. As luminarias que entraron xa en funcionamento son as ubicadas na contorna da Fonte dos Ranchos.

A actuación licitouse por 268.934 euros e un prazo de execución de tres meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior.

Arroxo lembrou que "no último ano e medio realizamos un investimento de 2.450.000 euros adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético".

Arroxo avanzou que "xa iniciado o procedemento de contratación da renovación das luminarias do Grupo da Paz e de varias rúas do barrio da Residencia". As empresas poderán presentar ofertas para realizar estas actuacións ata o 6 e o 4 de maio, respectivamente.  "En todas as actuacións que realizamos temos en conta a perspectiva de xénero para incrementar e mellorar a visibilidade e a seguridade das rúas", explicou.

Comentarios