Enrico Onofri dirixirá a Real Filharmonía en Lugo

O recoñecido director e violinista italiano moverá a batuta da agrupación galega este mércores no Círculo desde as oito da tarde
Enrico Onofri. ENRICO DE LUIGI
photo_camera Enrico Onofri. ENRICO DE LUIGI

O recoñecido director e violinista italiano Enrico Onofri dirixirá por segunda vez esta temporada a Real Filharmonía de Galicia. Un concerto que terá lugar este mércores no Círculo de las Artes de Lugo desde as 20.00 horas dentro do programa Sons adormecidos.

Os asistentes terán a ocasión de gozar da abertura da ópera Leonora, de Ferdinando Paër; a Ciaccona en do menor, de Antonio Sacchini, seguida da Sinfonía en do menor, de Josef Martin Kraus. Pola contra, despois de expandir as fronteiras do coñecemento musical e restaurar o prestixio destes autores, na segunda parte do concerto será posible escoitar a Ludwing van Beethoven e a súa Sinfonía número 4 en Si bemol Maior, op. 60.

A actuación forma parte do programa Sons adormecidos, que pretende redescubrir obras e compositores que acabaron esquecidos e da temporada de abono Migracións da Real Filharmonía de Galicia e que o levará este xoves ata o Auditorio de Galicia de Santiago a partir das 20.30 horas. As entradas para o concerto en Lugo, organizado pola Sociedad Filarmónica de lugo, poden adquirirse nas oficinas do Círculo de las Artes.

Director destacado

Onofri é un director que adoita explorar o repertorio do século XVII ao XX imprimindo a súa linguaxe persoal a todos os proxectos nos que participa. Usa o seu coñecemento das praxes históricas como fonte de inspiración tanto para novas ideas como para novos panoramas de interpretación.

Ademais da súa recoñecida destreza diante dunha orquestra, está considerado como un dos máis destacados e influentes violinistas barrocos da actualidade. "Cuanto más te adentras en el pasado, más tienes que aprender para entender las partituras. Las técnicas clásicas son fundamentales, sin ellas no que pueden entender los siglos posteriores", sinalou nunha entrevista recente para Efe na que se definiu como un artista "historicista".