Lunes. 18.12.2017 |
El tiempo
Lunes. 18.12.2017
El tiempo

"En primavera bailabamos o peón e rulabamos as bólas"

Xogando ás bólas
Xogando ás bólas
O día 12, Día Mundial contra o Traballo Infantil

Os nenos e as nenas criabámonos a mogollón no barrio, nos Chaos neste caso, en Monforte na rúa da Estrela, e había unha parte moi rural, escura ao lado do regato, un río que tiñamos alí, e os grandes contábannos contos de medo, de tal xeito que eu cando era de noite e regresaba a casa non tiñamos luz. A escaleira era unha escaleira escura e eu tiña medo de subir. Eu quedábame no portal ata que chegaba meu irmán, ao mellor á unha da mañá, porque el ía a un bar, alí había moita comunicación, cantábase moito nos bares, e eu estaba alí encollidiño e non podía subir as escaleiras porque me aparecía algo, ao mellor unha ánima, ao mellor algo que eu non podía controlar, incluso coa fantasía que tes de neno.

Lois Diéguez Vázquez / Monforte de Lemos

Os meus recordos son: a banda infantil do Moco Verde, da rúa San Froilán, e os rillotes que se citaban na muralla como desafío maiúsculo. O solemne exame de ingreso no instituto Feminino, Nosa Señora dos Ollos Grandes, aos nove anos, preludio dos sete cursos nel estudados, os seis do bacharelato mais o Preuniversitario, con inmellorábel recordo de moitos dos seus profesores e profesoras.

Pilar García Negro / Lugo

Monforte é ir ao campo de Saco, toda unha excursión rúa arriba, máis ben unha expedición comandada pola madriña Encarna cos catro irmáns seguíndoa, para ir merendar á casa de dona Heminia e don Pedro Saco o bocadillo de manteiga con azucre. É deslizarme polo pasamáns de cemento da escada exterior, onde deixaba a xiróns os lazos das braguiñas de perlé, nun tempo no que os nenos podían mancarse con toda a naturalidade.

Encarnación Rivas / Monforte de Lemos

No verán estabamos ata as once da noite na rúa xogando ás esquinas, xogando a Liloloveo, aliloveo, a policías e ladrón.

Carlos Francisco Nuevo Cal / Viveiro

Curiosamente sempre estudei alén de Lugo, estudei en Maristas, que está máis ou menos no centro, fóra de murallas, pero cara ao outro lado da cidade. Logo no instituto feminino, coa primeira promoción de mozos que entramos alí e que tamén era alén da cidade. Sempre tiven máis relación e máis amigos dese lado da cidade que do meu propio barrio. Durante a adolescencia, fixen a vida de Lugo, de cidade pequeniña, moi felices e pasándoo moi ben e moito tempo na rúa.

Luis Tosar / Lugo

Tamén recordo as competicións de regatas -como se foramos os promotores do deporte agora de moda nos veráns de Mallorca- con barcos feitos con cartuchos, un dentro do outro para que non lle entrara auga e fora a pique, cunhas regras nunca escritas, pero que todos sabiamos. Outro entretemento era elaborar chifres con casca verde de castiñeiro que lograbamos separar da madeira con moita pacencia. Incluso chegamos a ter na aldea varias orquestras, que non tocaban, por suposto, pero que tiñan unha boa posta en escena. Evidentemente, a batería estaba composta polas potas vellas da casa ás que xa non se lles daba uso na cocina; as guitarras, de madeira labrada para facerlle a forma, e as cordas, de sedal de pescar. Inxeniabámolas para entreternos, aínda que o fútbol e as carreiras eran unha parte básica do menú lúdico.

Tito Diéguez / O Saviñao

Me acuerdo de la señora Generosa, que por las noches nos contaba cuentos de crímenes y de aparecidos. Después, subir las escaleras para irse a acostar era un trayecto duro y difícil.

Agustín Fernández Paz / Vilalba

Á miña xeración, polo menos no lugar onde eu vivía, foi á primeira que non lle tocou xogar á billarda. A distancia en idade entre os últimos practicantes e os que non collemos a remuda non pasaba quizais dos catro anos, pero o caso é que a miña xeración inclinouse máis polas apandas e polos xogos de balón. No outono e no inverno xogábase ademais ao cravo e en primavera bailabamos o peón e rulabamos as bólas. Polo medio xogabamos ás quedas e ás escondidas, coas súas diferentes variantes: pino plantado, bote, etc. A mariola, o brilé, a corda e mais a goma semellaban ser xogos destinados ao xénero feminino e estaba mal visto que os rapaces participásemos neles, pero eu confeso ter xogado aos catro e pasalo moi ben, sobre todo ao brilé.

Isidro Novo / Lugo

E ao pouco tempo ousabamos visitar barrios notablemente alonxados do noso, chegando mesmo á barriada da Estación, con tantas connotaciós para un neno coma min que do que máis alardeaba era de ter un avó maquinista que desde ben pequeno me levaba no seu tren. Pero a conquista máis excitante era perdernos no monte de San Vicente, onde pretendiamos emular aos heroes dos tebeos ou das películas de aventuras que viamos no cine.

Carlos Martínez Buján Pérez / Monforte de Lemos

Marina estaba toliña e xogaba con nós á baralla. De cando en vez arreábanos unha labazada que sempre nos pillaba de sorpresa. Dábaas moi fortes e atinaba moi ben, pero a nós pegábanos o riso. Só lle obedecía ao Xoán Xosé, aos outros non nos facía caso ningún, e el ía procurala cando fuxía da casa.

Xabier Docampo / Castro de Ribeiras de Lea

Jugábamos en la calle, especialmente en la de Queipo de Llano que pertenecía al Agro do Rolo y como se estaba construyendo la iglesia de la Milagrosa, extendíamos hasta allí nuestra zona de juegos. Estuve en Hogar Carlos Azcárraga porque todo el mundo pertenecía a la Falange para poder jugar al ping pong, al billar...

Manuel Julio Reigosa Martín / Lugo

Polo tempo propicio ía eu, con outros rapaces, coller amorodos entre os fieitos que beireaban a estrada de Mondoñedo. Parábame ás veces na Volta grande, situada na altura que domina Lourenzá, antes de chegar a Arroxo. Gustábame albiscar desde alí os mouros brazos das torres abaciais -un graciosamente toco-, que medraban entre os reliados de pizarra. Polo común, os meus xogos decorrían no cantón e en descampados vecinos.

Francisco Fernández del Riego / Vilanova de Lourenzá

Todos los chicos de San Roque, los Ojeda, García de la Mata... jugábamos dentro de las verjas de mi jardín, porque la familia estaba más tranquila. Hay que pensar que por la parte de atrás, lo que da a Fontiñas, todo eran huertas. Nos dedicábamos a robar la fruta de las huertas. Nos gustaba más robarla que entrar por la puerta, pero era una época muy buena. Niños y niñas jugábamos juntos. Después ya se hicieron partijas y la casa le tocó a un tío. Allí vivió Manuel Portela y después todo acabó bajo la piqueta.

Pilar Iglesias Osorio / Lugo

Xogabamos cunha pelota que faciamos nós cun trapo. Imaxínate como acababa o que poñiamos de porteiro. A pelota pegáballe na cara, ou onde fose, e empapábao. Era unha cousa terrible.

Alfredo Labajjo Grandío / Lugo

"En primavera bailabamos o peón e rulabamos as bólas"