A emigración lucense a Cataluña centra unha mostra en Hospitalet

A Rede Museística homenaxea así as mulleres do rural que chegaron a traballar a Barcelona ao longo do pasado século
Asistentes á inauguración da mostra no Museo de L'Hospitalet de Llobregat. EP
photo_camera Asistentes á inauguración da mostra no Museo de L'Hospitalet de Llobregat. EP

O Museo de L'Hospitalet de Llobregat acolle dous proxectos expositivos cos que a Rede Museística homenaxea as mulleres da provincia que enmigraron de Lugo a Barcelona ao longo do século XX. Os proxectos -que levan por título Proximidade Llunyana e "Recolectoras: Memoria e Terra", coordinados pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago- expóñense ata o próximo 15 de febreiro.

Proximidade Llunyana recolle a historia de 26 mulleres das comarcas da Montaña que emigraron a Barcelona entre os anos 40 e 70 para visibilizar un éxodo silenciado, a migración rural feminina. Un panel fotográfico do Shanghái -o tren que facía o traxecto entre Galicia e Cataluña-, as maletas que portaban as migrantes e composicións realizadas con documentación achegada por elas e as súas familias que viviron o éxodo rural da posguerra -fundamentalmente cartas e fotografías- forman a mostra, que pretende dignificar e visibilizar un proceso migratorio que afectou, dun modo ou outro, ás seguintes xeracións ata a actualidade.

"Para unha muller, unha rapaza, de calquera parte da provincia en plena posguerra, a viaxe a Barcelona na procura dun traballo supoñía traspasar calquera liña coñecida: a da seguridade da casa e da familia, a da proximidade, a do idioma. Por iso, as interminables horas de ferrocarril que separaban Galicia de Cataluña marcaron un antes e un despois en cada vida", explica Encarna Lago.

Trátase de fotografías con composicións determinadas polos relatos das protagonistas, serigrafías e pezas cerámicas que as participantes realizaron acompañadas polas artistas, que lles facilitaron os recursos e as indicacións técnicas, e inspiradas nas súas traxectorias vitais, vinculadas ao rural. Historias dun total de 26 mulleres que, na súa maioría, emigraron ao longo dos anos 60 a Barcelona dende Monforte, Navia, A Fonsagrada, O Incio, As Nogais, Sarria ou Baleira, entre outros lugares.

Memoria e Terra

Comisariada por Alexandra R. Rey, o proxecto Recolectoras: Memoria e Terra recolle as creacións realizadas por 69 mulleres que viven no rural en obradoiros e encontros coas artistas María Gar, artista gráfica e instalativa; Ana Gesto, artista visual e perfomance; Isabell Seidel, pintora, e Andrea Torres, en diferentes emprazamentos, desde os propios domicilios das participantes ata espazos cedidos por outros colectivos.

Comentarios