Elías Trabada: "A natalidade crece con mellor emprego, garderías e vivenda"

Este sociólogo lembra que o crecemento das cidades nas sociedades postindustriais pasa pola inmigración exterior
Elías Trabada. AEP
photo_camera Elías Trabada. AEP

Este sociólogo especializado en demografía e urbanismo lembra que o crecemento das cidades nas sociedades postindustriais pasa pola inmigración exterior.

Que análise fai do comportamento demográfico de Lugo?
Non hai crecemento demográfico se non hai chegada de estranxeiros porque o crecemento natural é moi baixo ou está en declive. Lugo crecerá na medida en que a súa actividade económica e o seu mercado de traballo sexan capaces de atraer inmigrantes. No anterior ciclo económico, as poboacións galega e española creceron grazas a esta achega, logo veu a crise e os fluxos esgotáronse, e agora que levamos un ou dous anos de maior dinamismo e creación de emprego, volven a aumentar.

Nunha cidade como Lugo, con poucos e modestos motores económicos, o crecemento por esta vía será limitado...
Depende de como enfoque a actividade económica. Se se tira polo turismo, por exemplo, a poboación inmigrante pode ter cabida en ámbitos como a hostalaría. A construción tamén e o sector primario tamén mobilizan bastante inmigración, que vén cubrir actividades que, por teren salarios máis baixos ou seren de menor cualificación, ás veces os españois non queren. Lugo non é Málaga ou Alicante, onde hai poboación estranxeira que ten segunda residencia para pasar a etapa final da vida.

Mellores comunicacións co resto de Galicia facilitarían asentamento de poboación. Que peso teñen na evolución das urbes?
Axudan cando hai unha carencia importante e se dá un salto, pero non son determinantes, o que máis inflúe é a economía. Ao longo da AP-9 xerouse un continuum urbano, pero está máis relacionado coa existencia de grandes empresas. Habería que preguntarse ata que punto a A-8 puido xogar ese mesmo papel no transcantábrico.

E a dispoñibilidade de vivenda como inflúe? En Lugo hai vivenda baleira, pero vella. A oferta de vivenda nova é escasa e creceron algunhas urbanizacións en concellos próximos.
Creo que Lugo ten suficiente vivenda. En 2011, o 20% das vivendas censadas estaban baleiras. A cuestión é como se poden mobilizar. Sería necesario promover a vivenda de aluguer social e privada con renda asequible.

Que outras accións poden levar a cabo as administracións para favorecer o crecemento e o reequilibrio demográfico?
Para favorecer a natalidade débese actuar en tres dimensións complementarias: aumentar a estabilidade laboral e a remuneracion salarial, promover a vivenda de aluguer social e privada con renda asequible, e xeneralizar o acceso a prazas públicas de garderías.

Comentarios