Elena Candia ve "prioritario" redeseñar o carril bici

Quere consensuar un trazado que permita recuperar boa parte das prazas de aparcamento perdidas ► A candidata do PP defende unha mobilidade sostible que concilie o reforzo do transporte público cunha circulación fluída e un estacionamento cómodo
Elena Candia presenta as súas propostas de mobilidade en Conde Fontao
photo_camera Elena Candia presenta as súas propostas de mobilidade en Conde Fontao

Elena Candia considera "prioritario" abrir un debate coa sociedade luguesa para consensuar con ela o trazado do carril bici municipal, o que implicará adoptar as modificacións que sexan precisas para volver habilitar a maioría das prazas de estacionamento suprimidas ao tempo que se fomenta o uso deste tipo de vehículos.

Tamén no eido da mobilidade, a popular comprométese ao redeseño integral do sistema de transporte público, o que inclúe unha reorganización profunda das liñas de autobuses actuais para favorecer a existencia de máis paradas, máis frecuencias de paso e máis enlaces para transbordos. Ademais, creará unha nova tarifa plana sen límite de viaxes, ao tempo que establecerá a gratuidade dos autobuses urbanos para persoas menores de 18 anos, xubiladas, pensionistas e familias con escasos recursos.

As novas peonalizacións deben vir precedidas de diálogo e acordos coas persoas veciñas e comerciantes

Novas solucións de estacionamento e de circulación
Implantación dun sistema de rotación gratuíto de aparcamento de vehículos en determinadas zonas e controlado por unha APP ou coche lector de matrículas para garantir maior dispoñibilidade de prazas.

Creación de novos aparcadoiros en superficie con convenios con particulares e con solucións innovadoras: estacionamentos en altura ou robotizados segundo o promovido polo CIFP das Mercedes, que podería levarse a cabo en Fontiñas, cun miradoiro con zona verde, un parque infantil e biosaudable na cuberta.

Impulso de novas zonas de carga e descarga, ampliación de horarios e posta en marcha de solucións eficientes para a distribución, especialmente en áreas peonís, co uso de vehículos silenciosos de pequeno tamaño.

Dotación de puntos de recarga para vehículos eléctricos en todo o municipio.

Regulación do uso de vehículos de mobilidade persoal (bicicletas, patíns…) para garantir a seguridade e comodidade dos usuarios e dos peóns.

Posta en marcha dun servizo de taxi a demanda para reforzar a cobertura da zona rural.