Candia propón impulsar "un Lugo economicamente máis dinámico" para convertelo no motor da provincia

A candidata a alcaldía céntrase nos obxectivos de crear emprego, fixar poboación e reter talento ► A popular pretende apoiar a contratación de persoal coa bonificación de taxas municipais
Elena Candia presenta as súas medidas diante duns 250 representantes do empresariado lugués. EP
photo_camera Elena Candia presenta as súas medidas diante duns 250 representantes do empresariado lugués. EP

A candidata do PP á alcaldía de Lugo, Elena Candia, defendeu esta semana o seu compromiso de impulsar “un Lugo economicamente máis dinámico” grazas á transformación do Concello nun aliado para os promotores de calquera iniciativa empresarial da man da creación dun equipo técnico municipal que os asesore e acompañe.

Esta estrutura de expertos desbloquearía tramitacións e licenzas e tamén axilizaría a instalación de novas actividades coa elaboración dunha Ordenanza de Simplificación Administrativa e de reactivación económica que lle sirva como apoio ao persoal do Concello, “un piar imprescindible”, como subliña Elena Candia.

"O Concello ten que ser unha administración colaboradora e áxil, que xere seguridade xurídica e confianza para atraer investimentos"

Ademais, Elena Candia anuncia que, se é elixida alcaldesa, rebaixará impostos como o ICIO ou o IBI, suprimirá a plusvalía, estudará bonificar ata o 95% das taxas e reducirá o recibo do lixo para empresas que apenas xeran residuos, coma ximnasios ou despachos profesionais.

Máis medidas para un ecosistema empresarial activo

  • A posta en marcha dun Polo de Emprendemento que funcione de xeito coordinado cos outros viveiros que xa ten o municipio, coma o da Fundación CEL.
  •  A implantación de plans de formación específicos para as persoas desempregadas da man das demandas dos distintos sectores empresariais.
  • A creación de bonos comercio para estimular o consumo de proximidade e reforzar o seu atractivo.
  • A mellora na seguridade, o mantemento e os servizos dos polígonos industriais, coa entrada en funcionamento das cámaras de videovixilancia, a renovación da rede de abastecemento do Ceao ou a creación de puntos de apoio á conciliación familiar (gardaría, ocioteca e ludoteca) neste polígono e tamén no das Gándaras.
  •  A legalización de zonas industriais coma A Louzaneta, A Campiña ou a contorna da Estrada de Santiago para facilitar que a ampliación ou o cambio de actividades destas construcións.
  • A reivindicación dunhas mellores infraestruturas, coma o corredor de mercadorías, a restitución das frecuencias de tren suprimidas por mor da pandemia ou a conexión con Santiago de Compostela co remate da A54.