A educación, a análise nun foro

Estas xornadas, que constan de catro charlas telemáticas, abranguen desde a educación de 0 a 3 anos ata a universitaria ► O encontro está organizado por El Progreso, coa colaboración da concellería de educación e difusión do coñecemento de Lugo
Os organizadores, xunto aos ponentes que van participar nas xornadas, diante da sede do xornal El Progreso. SEBAS SENANDE
photo_camera Os organizadores, xunto aos ponentes que van participar nas xornadas, diante da sede do xornal El Progreso.

Dise que desta crise imos saír máis fortes. A educación tamén? Un foro organizado polo xornal El Progreso, coa colaboración da concellería de educación e difusión do coñecemento do Concello de Lugo, vai analizar, entre outros aspectos, cara onde debe camiñar o ensino despois da pandemia.

As xornadas, das que a súa presentación se fixo este xoves, coa presenza do tenente de alcalde Rubén Arroxo, arranca esta mañá coa primeira charla, que será vía telemática, coa mestra do colexio da Ponte da capital lucense Mari Blanco como convidada.

Esta docente que imparte clases en primeiro de primaria a alumnos de cinco e seis anos colaborou hai unha década nun proxecto solidario no Nepal coa ONG Vicky Sherpa, xa desaparecida.

Mari Blanco avoga pola implicación do profesorado e das familias para inculcar aos escolares, desde etapas temperás, valores como a igualdade ou o respecto. Considera que o paso da educación infantil á primaria é un dos saltos máis grandes que viven ao longo da súa formación académica.

Esta mestra de primaria non comparte que teñan tanto protagonismo as novas tecnoloxías no ensino nesta situación de emerxencia sanitaria.

A segunda charla será o día 16 a cargo de Ramsés Pérez, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, que desde hai 20 anos coordina os programas de educación medioambiental na asociación ecoloxista Adega.

Ramsés Pérez incide en que se promova a educación ambiental tanto nos centros de ensino como nas administracións públicas, medios de comunicación social, sindicatos ou ONGs.

O día 23 intervirá María Luisa Rey, que preside a asociación socioeducativa Antonio Gandoy, que falará sobre a importancia dos xogos na educación. Este colectivo é desde 2013 o herdeiro de Preescolar na Casa, que durante 35 anos foi un referente en Galicia.

María Luisa Rey coincide con Mari Blanco na "relevancia da implicación das nais e os pais no proceso educativo" dos nenos porque "ás veces se identifica educación con escolarización" e na necesidade de que se faga xa desde os cero ata os tres anos porque "é o futuro".

O foro que organiza El Progreso coa colaboración da concellería de educación e difusión do coñecemento rematará o día 30 coa participación da vicerreitora de coordinación Monserrat Valcárcel, que abordará a oferta educativa no campus de Lugo da USC.

"UN CAMPUS VIVO". Monserrat Valcárcel sostén que o de Lugo é "un campus vivo moi vencellado co territorio e co sector produtivo, sobre todo o agroalimentario, no que moitas empresas fan a innovación a carón nosa".

A vicerreitora lembrou onte, durante a presentación destas xornadas, que o Campus Terra incrementou este curso a súa oferta académica cos grados de Bioquímica e de Empresa e Tecnoloxía, que, segundo salientou, teñen «moita demanda», como xa sucedera o pasado co novo de Robótica. E para o 2021-22 está previsto que se incorpore outra titulación, a de Xestión Cultural.

"O foco deste campus é a sostibilidade, non só ambiental, senón económica e social", afirmou Monserrat Valcárcel.

O edil de educación do Concello de Lugo, Felipe Rivas, que asistiu á presentación das xornadas, dixo que na pandemia se está a facer "moita incidencia na loxística, mentras que a parte educativa parece que quedou nun segundo plano". Este concelleiro considera que se debe abrir un debate sobre como debe ser a educación na pospandemia e defende que se aposte por incorporar unha visión feminista e ambiental.

Comentarios