O edil Mauricio Repetto afíliase ao PSOE e só Olga López queda de independente

Repetto é o actual responsable da área de Desenvolvemento Local e Emprego
Mauricio Repetto. AIDA SOENGAS
photo_camera O edil Mauricio Repetto. AIDA SOENGAS

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, que formou parte da candidatura de Lara Méndez como independente, afiliouse ao PSOE. O expresidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo xa asistiu ao congreso que o partido celebrou en xullo para renovar a executiva provincial. Repetto explicaba hai uns días neste xornal que sempre tivo inquedanzas e que non lle resultou difícil tomar a decisión de entrar en política, unha vez que Méndez llo propuxo.

Coa afiliación de Repetto só queda unha independente no equipo da alcaldesa, Olga López, concelleira de Benestar, Inclusión e Terceira Idade. Así, a maioría dos membros do grupo socialista municipal non só son membros do PSOE senón que algúns teñen responsabilidades orgánicas.

Ana González, coordinadora da área de Cohesión Social e responsable de Muller, Igualde e Xuventude, é a secretaria da agrupación local do PSOE, mentres que Miguel Couto, concelleiro de Urbanismo, entrou como vicesecretario xeral na executiva provincial tralo congreso que se celebrou a finais de xullo. A propia Lara Méndez foi nomeada presidenta de honor.

O grupo municipal ten así tres representantes na nova dirección provincial, á fronte da cal se situou a burelesa Patricia Otero, tras gañar as primarias que se convocaron a raíz da dimisión do anterior secretario, Álvaro Santos, agora concelleiro en Lugo.

Comentarios