"A edificabilidade máis alta de Lugo está no Carme pero é irrealizable"

Ramón Cabarcos, arquitecto e director da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, estudou o urbanismo de Lugo no século XX e por que o privilexiado barrio do Carme segue sen desenvolverse. Explicarao o xoves na Deputación, ás oito da tarde, nun acto promovido polo Colexio de Arquitectos. Participarán tamén o arquitecto Alberto Alonso e a xornalista Marta Veiga
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Ramón Cabarcos. AEP

Estudou os planeamentos urbanísticos de Lugo. Cal foi o primeiro?
O primeiro que eu localicei foi o de 1946, de José Fonseca, un home vinculado ao réxime político que veu axudar as autoridades locais porque a cidade crecía a vontade dos veciños. É curioso porque había problemas que aínda o son hoxe. Pero este planeamento apenas tivo influencia porque fíxoo un urbanista moi ilustrado nas experiencias de posguerra en Europa e en Sudamérica que veu coa idea de tirar todo o que estorbara.

Que problemas se manteñen?
El tiña a idea de que a cidade tiña que crecer na liña A Coruña-Madrid, na que o territorio é mais amable, sen moitas pendentes. Estaba en contra do emprazamento que tivera a estación de tren e opúxose a que a de autobuses tamén estivera alí. A ubicación actual é por iniciativa del. E aínda hoxe estamos a voltas coa intermodal e a conveniencia de trasladar a estación de autobuses.

Porén, a cidade si acabou crecendo de xeito concéntrico.
Creceu contra o seu criterio. Fonseca chegou a unha cidade cunhas pendentes dificílisimas, unha muralla romana..., todo eran problemas. Tentou levar as súas iniciativas adiante e non puido porque eran desmesuradas. Pretendía que a medida que nos afastábamos do centro se foran facendo bloques cada vez máis altos e anchos. Eu estimo que gardaron o seu traballo nun caixón. Contactaron con outro arquitecto, Jacobo Rodríguez, da Coruña, que, polo contra, tentou satisfacer a todo o mundo. Pero tampouco tivo influencia porque en realidade non propoñía nada, só permitir moitas alturas no centro, que era o que pedían os veciños. E así chegou o plan de 1969, que foi o único que tivo impacto. Encargóuselle a unha consultora de Madrid e era xente moito máis preparada. 

As peonalizacións illadas poden dar problemas e complicar o tráfico diario non fai que se reduza a contaminación

Que propoñía?
Propoñía un crecemento radial. Entendía que o crecemento non podía espallarse polas vías de comunicación. A xente aproveitaba que había unha rúa e edificaba,  había baleiros no medio e faltaban vías radiais. Entendeu moi pronto a valía da Ronda da Muralla, sobre a que tería que pivotar o crecemento, en aneis concéntricos. Un segundo anel foi a Ronda do Carme e de Fingoi, propoñía un terceiro e aínda o planemento actual os considera todos. Cría que a cidade tiña moito espazo baleiro no interior para crecer, que non facía falta espallala. E cal era o maior espazo e aínda segue sendo hoxe? O Carme. É a materia pendente dun plan tras outro. As previsións demográficas que facían os distintos plans son curiosas. O de 1953 prevía unha cidade de 250.000 habitantes; o de 1969, de 150.000 e o de 1992, de 90.000

Como explica a parálise do Carme sendo unha zona tan céntrica?
Foron unha concanetación de circunstancias. A principal foi a construción da Ronda do Carme sen ter en conta os viais que conectaban o barrio. O Carme era unha zona con vida, había unha fábrica de peines, aserradeiros de madeira, industrias de forxa… E era o punto polo que se accedía á cidade dende o río. A Ronda cortou tan abruptamente a zona que nun primeiro momento nin se podía cruzar, logo colocaron unha rampiña e unhas escaleiras. Afogaron o Carme e ademais abriron unha rúa pola marxe, Poeta Noriega Varela, co cal a xente deixou de acceder ao barrio. O plan tiña unha absoluta fixación por que o tránsito rodado fose rápido, igual que agora temos a teima da peonalización. Démoslle a volta á tortilla, e penso que non hai por que prescindir dun dos obxectivos para conseguir o outro. Se nos movemos polos mantras sociais de cada momento aparecen os modelos extremos.

Cre que peonalizamos por moda? Os gobernos sosteñen que é tamén case unha imposición da UE para reducir contaminación.
O incremento de vehículos na cidade é un problema que hai que resolver, iso é inevitable, porque non é como en 1908, que había un censo de catro automóbiles e dez carruaxes, pero non pode impoñerse un modelo sobre o outro porque ralentizamos a economía. Temos uns obxectivos de aforro enerxético e de baixas emisións que ninguén discute, pero complicar o tráfico diario non fai que se reduza. Se damos máis voltas sabemos o que ocorre. A solución pasa polo transporte colectivo.

Cre que as peonalizacións prexudican a economía?
Estamos na época do comercio a distancia, da provisión de servizos aos domicilios, os desprazamentos non van desaparecer, alguén ten que transitar por esa rúa e non o vai facer andando. Se non se estuda o modelo en conxunto e se fan peonalizacións illadas, como estamos vendo, pode suceder como no Carme, no que varias intervencións que non tiveron que ver entre si causaron un problema importante. O estudo da mobilidade urbana ten que ser prioritario. Estamos nun momento de moita incertidume, de moitos movementos forzados pola situación económica, ambiental, enerxética... Imos ter que darlle unha pensada outra vez. O planeamento actual o que propón, que tamén non sei como tendo un planeamento en vigor non se atende a el, é unha Ronda da Muralla con dous carrís, un para os autobuses. E propón que os peóns compatibilicen o uso das zonas de carga e descarga por franxas horarias. O que temos que ter claro é que non se pode seguir aparcando en superficie en todas as partes que queiramos, pero hai alternativas. Hai aparcadoiros en superficie con moitas plantas, dos que non temos tradición aquí. E se teñen que estar afastados ten que haber un bus permanente, pero directo, que non dea voltas.

Di que o Carme e ó resultado de varias decisións illadas. Cales foron as outras?
O plan de 1969 deuse conta de que O Carme era un espazo tan grande que precisaba un plan especial e os propietarios recibiron unha mensaxe moi potente de que alí non se podía facer nada porque se ía facer todo de novo. Esa era a intención, e axiña se redactou un plan que reparcelaba as propiedades e propoñía edificación aberta. Pero a diferencia cos ensanches de Acea de Olga ou Augas Férreas era que alí había propietarios maioritarios e o do Carme era un parcelario fragmentadísimo con moitos propietarios aos que era moi difícil poñer de acordo. Puxéronlle pedras no camiño dende o principio. 

En 1908 había catro coches e dez carruaxes e o plan de 1953 proxectaba unha cidade de 250.000 habitantes

Tiñan expectativas maiores...
Por un lado había desconfianza. A un propietario antigo sóalle moi raro iso de que eu teño o meu terreo aquí e disme que por aquí igual vai pasar unha rúa e que vou ter un piso nun bloque acolá. E logo, a compensación económica non sei ata que punto era inxusta, pero estaba moi contestada. Parecíalles un expolio. O Carme podería ter sido unha especie de Acea de Olga, cun espazo verde central, que é unha fixación de todos os planeamentos, mesmo do actual, como se houbera mala conciencia de estar actuando onde non se debe. O caso é que chegamos ao plan de 1992, que é continuista, pero o que pasou é que conviviu co boom inmobiliario.

E construímos en zonas máis fáciles..
Iso é, non hai que darlle máis voltas. Pero, ademais, con ese plan deuse licenza para edificios ao outro lado da Ronda do Carme porque se considerou que eran soares. Cando aos propietarios deste lado da Ronda lles dixeron que non porque era unha bolsa de solo para a que había un plan especial foron ao xulgado, gañaron e houbo que indemnizalos.

E chegamos ao plan vixente.
Segue prevendo un plan especial e unha das máximas edificabilidades da cidade, pero é irrealizable, e iso sábeno todos os que estudaron este asunto, porque cos condicionantes de protección que ten o terreo, esa edificabilidade non colle. O plan actual ten moito interese en que o tránsito rodado na cidade sexa fuído, non é unha cousa que desprece, e tamén en completar a trama urbana e en vincular a cidade co río.

De que maneira facelo entón no Carme? Que suxire vostede?
É tanto o vestixio arqueolóxico e o patrimonio cultural que ten que eu creo que fai falta un instrumento como o do casco histórico, un Pepri, porque ofrece unha protección engadida aos bens que hai aí. Creo que hai que manter a zona residencial consolidada, a da Rúa do Carme, pero que o resto ten que ser de uso colectivo. Aí xa non pega ningún tipo de edificación residencial. En Lugo non estamos nada sobrados de solo dotacional colectivo. O ben que históricamente sen dúbida máis rendiblidade tivo en Lugo foi o parque Rosalía de Castro. Por que non un parque no Carme? Pero tamén pode ser un uso comercial, deportivo, mesmo se pode considerar unha zona de aparcadoiro.

Ubicar poboacións en perímetros urbanos crea guetos de clases baixas ou altas"
Que opina do proxecto de barrio ecolóxico da Garaballa?
Non ten sentido. Creo que non é preciso expandir a cidade e que situar poboacións fóra do perimetro urbano o que vai promover son guetos poboacionais, de clase moi baixa ou moi alta, porque senón non lle interesa a ninguén. Ninguén vai querer vivir moi afastado para ter unha casa como pode ter en calquera outro sitio. O que fai é un desequilibrio. Temos uns barrios moi degradados e imos ter un barrio novo moi afastado da cidade. Tamén é pouco positivo porque vai incrementar moitísimo as canalizacións e os servizos: liñas de buses, tráfico urbano, internet, todo tipo de conducións…

Cre que é materializable un barrio como o que se pretende?
Non o sei.

O goberno local defende este proxecto non só para desenvolver esa zona e aumentar a capacidade residencial da cidade senón, sobre todo, como modelo dun desenvolvemento urbano máis sostible.
O edificio máis ecolóxico que hai é o que xa está construído. E mire que non temos edificios que están a caer a cachos. O outro é unha falacia. Imos gastar recursos, hipotecar non só o diñeiro de agora senón o do futuro, porque imos ter que manter todas esas infraestruturas, para unha poboación residencial nunha zona que vai ser privilexiada ou o contrario. Eu non me podo permitir arranxar a miña cidade e ocórreseme facer outra afastada? É un pensamento do novo rico.