Os ecosocialistas e Anova din que en Lugonovo falta transparencia

Membros destas formacións piden máis pluralidade e desde a dirección da plataforma aseguran que son "acusacións sen base"

 

 

Un grupo de membros de Anova e Espazo Ecosocialista, dúas formacións fundadoras de Lugonovo, denuncian nun comunicado que esta plataforma constituída para concorrer ás eleccións municipais de 2015, hoxe en día, "adoece da transparencia, a pluralidade e a participación cidadá que figuran nos seus principios fundacionais".

O comunicado, que chega logo de que catro membros de Podemos abandonaran a coordenadora de Lugonovo, engade que dito órgano "non foi capaz de realizar a necesaria autocrítica de cara a examinar os erros cometidos que fixeron mermar a pluralidade e transparencia que caracterizaron esta alternativa política". 

Este grupo de críticos cree que "resulta inútil" dicir que Lugonovo é unha organización aberta "se non se arbitran os mecanismos axeitados para que a cidadanía luguesa poida participar nas decisións colectivas da plataforma", polo que piden que se afronten as "eivas" e se dean pasos de cara á súa solución, pois do contrario Lugonovo non poderá considerarse un proxecto de unidade popular.

Pola súa banda, desde a dirección da plataforma política rexeitábanse este xoves estas denuncias e asegurábase que eran "acusacións sen base", polo que instaban aos firmantes a participar nas reunións da coordinadora xa que aseguran que son abertas.

Comentarios