E para oratoria, Lugo

A provincia lucense foi gañadora absoluta do certame de debate Parlamento Xove ► O IES de Becerreá gañou, por cuarta vez, o premio de BAC; o Ceip San José, o de Eso e Maristas foi finalista. Ademais, seis das nove mencións individuais viñeron para Lugo

O equipo de BAC de San José (de pé) e o de Eso, co cheque do premio, entre as profesoras Mónica Méndez (esquerda) e Amparo Tejeda. V. RODRÍGUEZ
photo_camera O equipo de BAC de San José (de pé) e o de Eso, co cheque do premio, entre as profesoras Mónica Méndez (esquerda) e Amparo Tejeda. V. RODRÍGUEZ

A ORATORIA E A capacidade de persuasión dos lucenses empezan a ser lendarias. Na pasada edición do certame Parlamento Xove, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, a meirande parte dos premios foron para equipos de Lugo e algún deles, concretamente o do IES de Becerreá, é xa a cuarta victoria que suma. O centro educativo da montaña impúxose na categoría de bacharelato, mentres que os alumnos do Colexio San José da capital provincial gañaron en ensino secundario.

No IES de Becerreá atribúenlle gran parte do mérito a Xulio Teixeiro, profesor de Filosofía que prepara aos alumnos nas lides da oratoria e a retórica desde o ano 2008. Teixeiro, pola súa banda, sinalaba nada máis coñecer este novo premio o "esforzo, traballo e dedicación" dun centro con bastante tradición no estudo da oratoria. Silvia López, unha das integrantes do equipo, amosou o seu convencemento de que a capacidade de expresarse correctamente, debatir e argumentar "axuda moitísimo a desenvolverte en moitos ámbitos e serve na vida diaria". Silvia non só gañou –xunto cos seus compañeiros Nerea, María e José Manuel– na categoría de BAC, senón que nesta edición, a segunda na que participa, recibiu unha das nove mencións especiais que o xurado concedeu aos oradores que lle pareceron máis brillantes. Outra destas distincións foi para o seu compañeiro de aulas Xoel Rodríguez.

O outro equipo gañador, o do colexio San José de Lugo, ten menos tablas nesta competición, pero os resultados tamén foron excepcionais. O equipo de estudantes de ESO formado por Miguel Silva, Sandra Torres, Paula Parente e Cristina Ouro impúxose na súa categoría e, ademais, Paula foi seleccionada como unha das mellores oradoras, unha mención que tamén recibiu, por segundo ano consecutivo, Saúl Corredoira, membro do equipo de BAC xunto con Lucía Fernández, Jessica Álvarez e Alejandro Varela. Eles quedáronse en cuartos de final.

Es algo voluntario, pueden decir que no, sobre todo porque siempre supone una sobrecarga a mayores de lo que es el ritmo del cole, especialmente en BAC

A profesora de Lengua Española e Lingua Galega Amparo Tejeda puxo en marcha os equipos de oratoria o ano pasado. Este ano, como pasaron a fase clasificatoria, tivo o apoio da profesora Mónica Méndez, que foi a que traballou co grupo de Eso. Para formar os grupos, sinala, os docentes valoran que alumnos poden ter boas dotes fan un sondeo e propóñenlles participar. "Es algo voluntario, pueden decir que no, sobre todo porque siempre supone una sobrecarga a mayores de lo que es el ritmo del cole, especialmente en BAC", explica. Esta docente insiste en que o mérito é dos rapaces porque os profesores son coordinadores dos equipos, supervisan e asesoran, pero "la mayor parte del trabajo es suyo, ellos hacen la búsqueda de información, la analizan y sintetizan", apunta.

No certame, os equipos traballan sobre un mesmo tema, pero non saben ata o momento do debate que postura lles tocará defender, se a favor ou en contra. Ademais, teñen que designar un introductor, que é o que fai a presentación da tese e dos argumentos; dous refutadores, que responden ás argumentacións dos contrarios, e un conclusor, que pecha a intervención.

Na última fase, os equipos tiveron que debater sobre se debería existir un plan de financiamento europeo para sufragar un ano sabático preuniversitario..

Detrás da victoria hai moito tempo empregado e moito esforzo. Miguel Silva, do San José, explica que desde o momento en que coñeceron o tema, dedicaron arredor de catro horas á semana a preparalo. Parte do traballo fíxoo cada un na súa casa, pero tamén pediron horas escolares para poder practicar como grupo, xa que o funcionamento e a cohesión do equipo tamén se valora.

A práctica da oratoria e a persuasión tamén axuda a ter unha perspectiva do tema e saber como pensas, engade Cristina Ouro

Saúl Corredoira, que leva participando no certame catro anos, explica que "non se trata só de chegar a unha meta, tamén se desfruta do camiño, apréndese a respetar outros puntos de vista, a traballar en equipo...". A práctica da oratoria e a persuasión tamén axuda a "ter unha perspectiva do tema e saber como pensas", engade Cristina Ouro, ao tempo que Paula Parente sinala que "é importante ter a plasticidade mental de defender unha cousa e tamén a contraria". Miguel Silva destaca, ademais, que o certame é unha excelente oportunidade para coñecer xente.

Os dous equipos gañadores obtiveron 5.000 euros para facer unha viaxe e agora tócalles debater cal será o destino.

SUBCAMPIÓNS. Entre os finalistas tamén houbo lucenses. O equipo de cuarto de Eso do colexio Maristas La Inmaculada foi subcampión, un posto que xa acadou o ano pasado. Os oradores, coordinados polo profesor Manuel Barreiro, foron María Fernández, Nerea Mon, María Pedreira e Yago José Cabrera. Este último, ademais, tivo mención pola súa calidade oratoria.

O colexio mandou varios equipos e en cuarto de Eso tiveron que facer selección para compoñer o grupo a partir das avaliacións do profesorado e dos propios alumnos. Levan xa varios anos participando en Parlamento Xove e, de feito, Saúl Corredoira iniciouse con eles.

Neste plantel de excelencia hai que incluir tamén a Sabrina Pérez, de Monforte, outra das participantes destacadas entre os mellores oradores. Só tres distincións quedaron fóra de Lugo nunha competición na que participaron máis de 1.500 estudantes.