Dulce Pontes

A voz do fado

Coa publicación de 'Lágrimas', quedou patente a súa excelencia para interpretar fado, ao que non só lle devolveu a vida, senón que tamén revitalizou. Conferiulle un carácter máis universal ao incorporar novos e modernos instrumentos ás composicións e mesturándoas con estilos doutros países
Dulce Pontes. AEP
photo_camera Dulce Pontes. AEP

Con 30 anos de traxectoria, Dulce Pontes é unha das voces que fixo rexurdir o fado nunha época na que estaba cada vez máis esquecido. E non só volveu poñer de moda o fado en Portugal, senón que o levou alén da súas fronteiras.

►Dulce Pontes actuará este domingo ás 22.00 horas no escenario da Praza Horta do Seminario

A súa traxectoria comezou ben cedo, cando de nena comezou coas clases de piano na Academia de Música de Santa Cecilia de Lisboa. A súa carreira como vocalista non arrancou ata anos máis tarde, cando con 18 anos gañou un concurso de canción na súa localidade natal (Montijo). No 1988 tamén probou a interpretación e a danza participando nas obras Enfim sós e Quem tramou o comendador, no Teatro Maria Matos. Dous anos despois formou parte do espectáculo Licença para jogar no Casino de Estoril e no programa de televisión Regresso ao passado, onde gañou popularidade entre o público portugués.

Máis tarde, no ano 1991, gañou o festival nacional de música coa súa canción Lusitana paixão, que a levou a representar ao seu país no Festival de Eurovisión daquel ano, no que quedou na décima segunda posición. Dende entón, a carreira musical de Dulce Pontes foi moi prolífica. O seu primeiro álbum, Lusitana, publicouse no 1992, cun estilo moi pop. Ao ano seguinte, co lanzamento do seu segundo traballo, Lágrimas, quedou patente a súa excelencia e sensibilidade para interpretar fado, ao que non só lle devolveu a vida, senón que tamén o revitalizou. Conferiulle un carácter máis universal ao incorporar novos e modernos instrumentos ás súas composicións e mesturándoas con novos ritmos e estilos doutros países.

Quizais sexa por iso que non se defina como fadista, senón como compositora de música do mundo. Tamén ten que ver con que o fado só e un dos múltiples estilos nos que se sumerxe, facendo incursións en múltiples estilos, como jazz, tango ou flamenco, e converténdoa nunha artista que escapa das etiquetas.

Foi en Lágrimas onde publicou a súa peza máis famosa, e probablemente tamén a canción portuguesa máis coñecida en todo o mundo: Cançao do mar. Este tema non foi composto por ela, pero a súa reinterpretación foi un éxito, converténdose nun pasaporte cara o seu recoñecemento arredor do globo. Dende entou, Pontes seguiu publicando discos cos que acadou maior fama e o favor da crítica musical.

Durante a súa carreira viuse acompañada de múltiples artistas internacionais, cos que levou a cabo moitas colaboracións. Carlos Núñez, Kepa Junkera, Estrella Morente, Elefthería Arvanitáki, Caetano Veloso ou Cesária Évora son algúns deles. Pero quizais a súa colaboración máis sonada foi a que levou a cabo co gran mestre de orquestra Ennio Morricone, e que deu lugar ao disco Focus (2003). Algunhas das pezas son clásicos do compositor, pero outras foron creadas por Morricone co único fin de ser interpretadas pola cantante lusa.

30 ANOS DE TRAXECTORIA. Dende o ano pasado, a artista portuguesa emprendeu unha xira internacional na que conmemora o seu 30 aniversario sobre os escenarios. En España visitou cidades como Madrid, Valencia, A Coruña ou Badajoz, onde tocou temas clásicos da súa carreira e cancións do seu último disco, Peregrinaçao, gravado en castelán e portugués no 2017.

Agora fará unha parada en Lugo para dar un concerto nas festas de San Froilán, despois de 15 anos da súa última actuación na capital lucense. A data deste evento non foi escollida ao azar. Dulce Pontes será a cabeza de cartel no Domingo das Mozas, un día de reivindicación feminista na que as artistas principais serán elas. Actuará ás 22.00 horas no escenario da Praza Horta do Seminario.

Comentarios