Dositeo Veiga: "Cada imaxe dá para unha longa conferencia"

Responsable do proxecto ‘Ceos galegos’, que presenta un calendario este sábado na librería Trama

Dositeo Veiga
photo_camera Dositeo Veiga

En que consiste o proxecto Ceos Galegos?
É o segundo ano que o facemos. É un calendario de gran formato editado profesionalmente con imaxes dos mellores fotógrafos galegos da noite ou feitas en festas de Galicia. Son 14 páxinas de paisaxes típicas, fenómenos atmosféricos singulares, ceos estrelados e algunha imaxe astronómica de ceo profundo. É un proxecto de divulgación científica que en Nadal materialízase nun calendario.

Preséntano hoxe na librería Trama, verdade?
Así é. A presentación será a partir das 12.30 horas. Cada imaxe dá para unha longa conferencia, pero resumiremos e falaremos uns cinco minutos de cada unha. A nosa idea é charlar sobre ciencia a medida que imos presentando as imaxes e demostrar que o mito de que en Galicia sempre hai nubes non é do todo certo.

É un proxecto que engloba a moita xente.
Si, é algo colectivo. Eu son o editor, produtor e o creador dos textos que acompañan ás imaxes, que son de 12 fotógrafos diferentes. Gran parte do proxecto finánciase a través do calendario.