Un documental elaborado polos alumnos do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo rememora en media hora de duración un escuro episodio da cidade: os abusos e a dor vividos na desaparecida Casa Cuna, o orfanato anexo ao hospital San José -hoxe edificio do propio centro formativo- que pechou a comezos da década dos oitenta.
O Pazo de San Marcos acolleu a estrea desta peza audiovisual nun acto no que participou o presidente da Deputación, José Tomé; o alumnado que creou a curtametraxe, os profesores coordinadores e dúas das protagonistas de No se oye, o nome que recibe o filme. Son Élida Ares Edrosa, que busca unha filla á que deu a luz no ano 1962, e Amelia García Rozas, que busca unha irmá que estivo na Casa Cuna.
Tamén estiveron presentes Xosé Edrosa Leal, xornalista que investigou este tema e que é familiar da propia Élida Ares; Marisa Teijeiro Pérez, que traballou como matrona no hospital San José desde 1968; Sabela Gayoso Carreira, a responsable do Arquivo da Deputación de Lugo; e Marta Rodríguez Francisco, arquitecta que participou na reforma do centro hospitalario, ademais da deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, e da xefa do Servizo de Audiovisuais, Margarita Soilán.
O filme recibiu o premio a Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no Festival Internacional de Cine de Ponferrada
Durante o encontro, os asistentes puideron visionar a peza, que xa recibiu o premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no Festival Internacional de Cine de Ponferrada, e participar nun coloquio posterior.
"É unha aposta valente, sensible e comprometida cunha realidade que pode parecer algo afastada no tempo, pero que está moi presente na dor daquelas persoas que a viviron e, polo tanto, temos que tela todos moi presente", manifestou Tomé Roca, ao tempo que felicitou ao equipo que se atopa detrás da obra.
Claudia Díaz, Sabela Freire e Sergio Louzao están detrás da produción de No se oye, mentres que a dirección e montaxe estivo a cargo de Mario Pereira. Pablo González foi o responsable da dirección de fotografía; o operador de cámara foi Martín Cando; Borja Ramos, responsable de son, e o making off correu a cargo de Ángel Corrales. Así mesmo, o traballo estivo supervisado polos docentes María Taboada e David Prado.