DivulgaTerra poñerá o acento nas mulleres científicas do campus

Este evento anual busca darlle relevancia pública ao traballo de investigación do Campus Terra e promover o galego como ferramenta para comunicar os resultados

divulgaterra1
photo_camera Presentación de DivulgaTerra. EP

A terceira edición de DivulgaTerra, o evento anual que busca darlle relevancia pública ao traballo de investigación do Campus Terra e promover o galego como ferramenta para comunicar os resultados, poñerá este ano o foco nas mulleres científicas. As xornadas comezarán o día 15, ás 19.00 horas, na Casa do Saber coa profesora da facultade de Ciencias Mercedes Novo, quen falará sobre os seus traballos sobre alzhéimer.

DivulgaTerra estrutúrase este ano en tres sesións temáticas, dedicadas ás Ciencias da Saúde; Ciencias e Tecnoloxía e Artes, Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas. En cada sesión  haberá un relatorio amplo protagonizado por unha investigadora relevante do campus que exporá ante un público non especializado a súa actividade e incluiranse tamén outras intervencións breves nas que os investigadores darán a coñecer as súas respectivas liñas de traballo,

A primeira relatora será Mercedes Novo, que intervirá o día 15. As xornadas continuarán o día 22 coa intervención da profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Rosa Mosquera, quen afondará no vínculo entre innovación, sistemas agroforestais e incendios. O 29 de novembro, a docente da facultade de Humanidades Ana Goy aportará unha visión do Pórtico da Gloria despois da súa recente restauración

Ademais de Mercedes Novo, na primeira sesión participarán,  o xoves 15 de novembro, a partir das 19.00 horas, María Permuy Mendaña, quen explicará que é a microtomografía computerizada; Susana Remesar Alonso, quen falará da infección por Rickettsia spp. en carrachas recollidas en Galicia; David García Dios, que tratará as parasitacións en gando vacún nas comarcas de Ordes, Arzúa e Terra de Melide; Pedro A. Castrillo Arias, que falará da interacción parasitaria entre o mexillón de río e o salmón. Tamén intervirán Emanuel Felipe de Oliveira Filho, quen falará de metais pesados, e Pablo Sánchez Quinteiro, quen afondará na anatomía do sexto sentido.

No acto de presentación de DivulgaTerra estiveron presentes a vicerreitora de Coordinación do campus, Montserrat Valcárcel; a deputada provincial Pilar García Porto; o responsable de Normalización Lingüística en Lugo, Xusto Rodríguez e a investigadora Tamara González, quen volve participar neste certame, logo de facelo nas dúas edicións anteriores.
 

Comentarios