A NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL

O discreto escudeiro de Rubén Arroxo

O nacionalista Alexandre Penas, responsable municipal de Infraestruturas, forma co seu xefe a parella máis popular do Concello
Alexandre Penas. SEBAS SENANDE
photo_camera Alexandre Penas. SEBAS SENANDE

Escoitábase moito na primeira etapa de Alexandre Penas como concelleiro (2019-2023) que era el e non Rubén Arroxo, primeiro tenente de alcaldesa, quen mandaba no grupo municipal. Pode que fora porque Penas foi antes responsable do partido na cidade, polo perfil amable de Arroxo ou porque, alomenos de cara á comunicación do traballo municipal, forman o dúo máis popular do Concello. Arroxo leva Mobilidade e Penas, Infraestruturas, e seguramente teñen máis fotos mirando obras xuntos que coas súas parellas. 

Pero o que hai no grupo nacionalista é "intelixencia colectiva" e un líder "moi formado" e que "le moi ben a realidade", di Penas, un  lugués do Grupo La Paz  (Fingoi) de 1975 que aínda que non se afiliou ata 2001, nun momento no que o BNG estaba baixo e precisaba cadros, tivo conciencia galeguista, pacifista e de esquerdas dende mozo, di. No instituto Femenino foi cofundador revista Contratempo, en resposta a Tempus, a que dirixía outro lucense hoxe coñecido, Luis Latorre. Foi tamén un dos representantes dos estudantes lucenses nunha asemblea contra a Guerra do Golfo en Madrid.

Penas estudou Traballo Social en Santiago e alí exerceu, durante anos, no colexio profesional. Foi un dos autores do Matiass, o manual dos servizos sociais de Galicia. Ten un curso universitario de especialista en orientación laboral, profesión que tamén desenvolveu, no eido público e no privado, e á que seguramente volverá cando deixe a política institucional porque esta ten que ser de paso, opina. 

Con cargos ou sen eles, mantívose vinculado ao BNG dende que se afiliou, recalca. Se acabou na dirección local "nos anos máis duros" —tras a ruptura de Amio— quizais foi porque non pertencía a ningunha facción e ninguén o miraba mal, cre. Nesa época tamén foi asesor do grupo municipal do BNG, polo que cando entrou de edil xa sabía moito do Concello.

Contra os que din que o BNG traballa o xusto e rendibiliza moito, el sostén que o traballo é inxente, que nunca tantas obras se fixeron na cidade e que a súa formación imprimiulle ritmo ao goberno. A el a política reduciulle o tempo para seguir estudando  (aínda así sacou varios módulos de Administración e Finanzas), pero o que non perdoa é o deporte, as viaxes e os xogos de mesa coas dúas fillas adolescentes e a lectura. Neste momento le un ensaio sobre Lois Peña Novo, outro de urbanismo de grandes cidades, poesía irlandesa e novela de Lois Pérez.

Comentarios