Desfile de vivos ante o leito dos seus mortos en todos os camposantos

O cemiterio de San Froilán, como o resto de necrópoles de Lugo, foi durante toda a ponte festiva un ir e vir de xente que acudiu acompañar os seus seres queridos con flores, con rezos ou co pensamento. Houbo música e dedicatorias
Cemiterio de San Froilán. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Cemiterio de San Froilán. VICTORIA RODRÍGUEZ

Os cemiterios de Lugo foron durante os últimos días e especialmente este martes, xornada festiva e víspera de Defuntos, un ir e vir de persoas que acudiron lembrar os seus falecidos, con flores, con rezos ou simplemente co pensamento.

A imaxe viuse en tódolos camposantos pero, polas súas dimensións, o de San Froilán foi o que rexistrou máis afluencia, chegando a formarse ringleiras de coches nos accesos e no aparcadoiro nalgúns momentos, aínda que as visitas se repartiron durante toda a ponte festiva. Para facilitalas, o horario do recinto funerario é máis amplo durante estes días. E para facelas máis acolledoras e tamén como unha forma de honrar as persoas que alí están enterradas e as súas familias, o Concello programou diversas actividades, que continuarán nos vindeiros días.

A corporacion municipal honrará hoxe con flores e sons todas as persoas que están enterradas no cemiterio de San Froilán

Varias grupos de intérpretes da Asociación Músico Crisanto tocaron e cantaron en distintos lugares da necrópole durante boa parte do domingo e do día de onte. A iniciativa da Concellería de Participación e Servizos á Veciñanza, que dirixe Cristina López, tivo boa acollida. Tamén gustou moito a árbore que colocou á entrada. Ilumínase na escuridade e dela que colgan cintas con mensaxes e dedicatorias que as persoas que así o desexan poden deixar aos seus defuntos.

O cemiterio de San Froilán acollerá hoxe a tradicional ofrenda floral da corporación municipal a tódolos defuntos. Será as doce e media do mediodía. 

As actividades programadas polo Concello continuarán o próximo domingo, ás sete da tarde, coa lectura dramatizada de ‘Don Juanín’ a cargo das nenas e os nenos de Malala Teatro e da Escola Palimoco de Teatro.

O 20 de novembro e o 18 de decembro haberá visitas teatralizadas con Achádego Teatro, os dous días a partir das cinco e media da tarde. E o concerto da lembranza estará dedicado este ano á profesora e historiadora Ana Goy, que faleceu en setembro e, aínda que non está enterrada en San Froilán, tivo unha vinculación moi forte coa cidade. O concerto desenvolverase o 30 de novembro ás sete e media da tarde.

A concellería de López tamén ten en macha un concurso de fotografía, ata o 3 de novembro. Nesta edición o tema é a simboloxía oculta que se reflicte nas contrucións funerarias dos cemiterios.

Comentarios