lunes. 19.08.2019 |
El tiempo
lunes. 19.08.2019
El tiempo

Desembarco emprendedor na Tinería

Representantes políticos e empresariais, cos adxudicatarios dos locais da Tinería. XESÚS PONTE
Representantes políticos e empresariais, cos adxudicatarios dos locais da Tinería. XESÚS PONTE

Os adxudicatarios dos oito locais que aluga e subvenciona o Concello recibiron este mércores as chaves e deben abrir en catro meses

Algo está cambiando na Tinería, sinalan os irmáns Fernández, que hai vinte anos empezaron a investir no barrio coa compra de inmobles e a apertura de negocios de hostalería e hospedaxe e durante moito tempo loitaron practicamente sós contra a degradación urbanística e social. A progresiva chegada de veciños a través da rehabilitación e o aluguer de vivendas da Xunta e a o aumento da actividade empresarial que tamén se vén producindo dende hai un par de anos están sendo determinantes para mudar e darlle vida ao barrio máis antigo da cidade. Por iso este mércores os Fernández prestaron gustosos un dos seus locais para a firma dos contratos entre o Concello e os oito emprendedores que obtiveron baixos comerciais no concurso público que levou a cabo a administración local.

A maioría dos baixos comerciais precisan seren acondicionados, pero o aluguer é simbólico xa que oscila entre 8 e 36 euros

Os adxudicatarios poderanos ocupar durante catro anos -con posibilidade de prórroga- cun aluguer simbólico, xa que o Concello subvenciónalles o 80% da cota. A alcaldesa, Lara Méndez, entregoulles este mércores as chaves tras recordar que o Concello -que non ten competencias en emprego pero preocúpalle e leva anos dedicando fondos á formación e á promoción laboral, recalcou- tomou a iniciativa de alugarlle os locais á Xunta e poñelos a disposición de emprendedores despois de que as asociacións de empresarios e de veciños da Tinería lle trasladaran "a súa procupación pola poxa que pretendía levar a cabo a Xunta, sen saber se os locais se ían abrir, de facelo cando, nin a finalidade que ían ter", lembrou.

Varias iniciativas empresariais están relacionadas co turismo e os seus promotores cren que producirán sinerxias

Agora, o goberno local comprométese a axilizar os trámites para que os emprendedores poidan abrir os locais canto antes (teñen catro meses para facelo), como a concesión de licenzas de obra, xa que case todos os baixos precisan seren acondicionados.

O prezo dos alugueres foi clave para que os emprendedores elixidos -e os que quedaron fóra- se decantaran pola Tinería para establecer os seus negocios, pero ademais moitos deles confésanse namorados da zona. É o caso da guía turística Lidia de la Fuente, que ao igual que os demais, confía en que o incremento da actividade e do tránsito contribúan a erradicar a prostitución. Ela ocupará o 8 de Recanto do Miño, o único local listo para empezar a funcionar. Será un centro de recepción de visitantes e o primeiro contacto con algúns dos que serán os seus veciños non puido ser mellor. "Con Recados e Lucus Aventur creo que podemos facer cousas en común. Xa quedamos de reunirnos", di.

Os empresarios que comezaron a investir no barrio hai vinte anos sinalan que A Tinería empeza a levantar cabeza

Para Recados Lugo, empresa de multiservizos que cumpriu tres anos, esta é a oportunidade para abrir un espazo físico, nunha zona que a Puri Juanes, a propietaria, lle gusta moito e onde xa ten clientes. Para Lucus Aventur, que alugará bicis e patíns na Praciña da Universidade, tamén suporá o seu desembarco comercial. "O único malo é que hai que arranxar o local, pero por outro lado o prezo do aluguer é bo", afirma David López. Cinco das oito iniciativas empresariais que se implantarán na Tinería son de mulleres.

Lucus Aventur | Aluguer de bicis
David López, de Lucus Aventur. XESÚS PONTE
David López montará na Praciña da Universidade un negocio de venda e aluguer de bicis, patíns e triciclos a visitantes. Coma outros, participou en programas de emprego do Concello.
Recados | Peregrinos e multiservizos
Puri Juanes, de Recados. XESÚS PONTE
A empresa de multiservizos de Puri Juanes terá sede física tras tres anos e ampliará o abano, con servizos a peregrinos, como recollida de mochilas, e punto de recarga de dispositivos.
De la Fuente | Servizos a visitantes
Camiños con Arte. XESÚS PONTE
Baixo a marca comercial Camiños con Arte, esta guía turística ofrece visitas guiadas por toda Galicia e acompaña aos peregrinos

 

Desembarco emprendedor na Tinería
Comentarios