A defensa de Blanco di que se alongou artificialmente a pena de telediario

Segundo o avogado, "non había ningún indicio para continuar con esta investigación"

Fernando Blanco, en una imagen de archivo. XESÚS PONTE/AEP
photo_camera Fernando Blanco, en Lugo. XESÚS PONTE

O avogado que se fixo cargo da defensa do exconselleiro de Industria, Fernando Blanco, asegurou en declaracións a Efe, despois de que a Audiencia Provincial arquivase a causa contra el na peza separada da Operación Campión, que "houbo unha prolongación artificial da pena de telexornal".

En declaracións a Efe, o letrado Xoán Antón Pérez Lema explicou que "a Audiencia o que vén dicir é que estamos ante unha investigación absolutamente introspectiva, con características de causa xeral".

Segundo o avogado, "non había ningún indicio para continuar con esta investigación", de modo que "esta valoración que se fai en outubro de 2017", cando a defensa presentou o recurso para solicitar o arquivo da causa contra Fernando Blanco, "xa se puido facer nos anos 2014 e 2015", cando a defensa "presentou" varios "escritos de sobresemento que non foron provistos".

Desde o seu punto de vista, "houbo unha prolongación artificial da pena de banco, da pena de telexornal, para Fernando Blanco", porque se continuou coa investigación penal cando xa se percibía", despois das investigacións de "Vixilancia Aduaneira e da Unidade de Delitos Fiscais", que non había indicios de delito.

Ademais, lembrou, a defensa presentou probas documentais para acreditar que as acusacións vertidas polo empresario Jorge Dorribo carecían de fundamento, porque todas as "operacións económicas" de Fernando Blanco estaban "totalmente xustificadas".

Pérez Lema lembrou que a defensa acreditou en todo momento que non houbo enriquecemento patrimonial" nin cando Fernando Blanco foi concelleiro do Concello de Lugo nin cando foi conselleiro de Industria da Xunta de Galicia.

Esta situación, precisou o letrado, tamén foi a que motivou que el mesmo presentase denuncia ante o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) por dilacións no proceso e vulneración dos dereitos fundamentais do seu cliente, dado que o recurso presentado o 27 de outubro de 2017 tardou un ano en "ser valorado" porque "estivo parado" no Xulgado de Instrución número 1, do mesmo xeito que as solicitudes de sobresemento.

Ao seu xuízo, o sucedido debe levar "a unha reflexión moi seria sobre o poder que teñen os xuíces de instrución", porque a Fernando Blanco afundíuselle a vida persoal e profesional" e agora "como se repara o dano causado?", preguntouse.

Comentarios