David Fiuza: "Calquera banda non ten hoxe menos de 45 ou 50 músicos"

Respaldado por tres títulos superiores en Clarinete, Dirección de Banda e Dirección de Orquestra e Coro, este pontevedrés, de Vila de Cruces, será o novo director da Banda Municipal de Lugo. Márcase un dobre reto: chegar aos lucenses coa música e dar un concerto semanal.
David Fiuza, o novo director da Banda de Lugo, no templete da Praza Maior. XESÚS PONTE
photo_camera David Fiuza, o novo director da Banda de Lugo, no templete da Praza Maior. XESÚS PONTE

O primeiro será facer da Banda Municipal de Lugo un servizo público como é. O segundo, adaptarse aos gustos dos lucenses e, se se pode, achegar novos repertorios que abran as perspectivas musicais do seu público. Vocación de servizo, ilusión e ambición, tres cualidadades que resumen as intencións de David Fiuza Souto, o músico pontevedrés que, con 36 anos, fará soar de novo á Banda Municipal de Lugo

Ten 36 anos e un impresionante currículo detrás. Non será esta a primeira banda que dirixa! 
Non, empecei dirixindo a banda Unión Musical, de Meaño, na que estiven sete anos e coa que gañamos un certame mundial e, despois, marchei para Valencia, onde dirixín a banda sinfónica La Armónica, de Buñol, para volver despois a Galicia, á Banda Artística de Merza e, finalmente, á de Lalín, que sigo dirixindo agora, o que compaxino coa dirección da Gran Canaria Wind Orquestra tamén e compaxinarei coa da Banda Municipal de Lugo. 

Centrou a súa carreira só na dirección orquestral. Xa esqueceu a súa faceta de instrumentista? 
Non a esquecín, sigo tocando o clarinete pero a nivel privado. Profesionalmente, si que me centrei máis na dirección, que é o que me absorbe todo o tempo. 

Que o trouxo a Lugo? Como concurriu á praza de director da Banda? 
Pensei que, probablemente, non volva a xurdir outra praza de funcionario director de banda en Galicia en moito tempo. Iso por un lado e, por outro, a Banda Municipal de Lugo é para min todo un reto porque é unha agrupación histórica e un referente xa que o seu primeiro director foi Xoán Montes, autor de Negra sombra

Probablemente, non volva a xurdir outra praza de funcionario director de banda en Galicia en moito tempo

Tamén será todo un reto para vostede aunar os músicos da Banda despois dalgún desencontro que houbo no pasado... 
Cando hai un director titular, a maioría dos problemas desaparecen porque hai un orde. Se non, o que hai que facer é atopar un camiño para que cadaquén poida aportar o máximo de si mesmo. Nesta profesión tamén é importante a psicoloxía social. 

A Banda ten, agora mesmo, tan só 18 músicos. Pódese facer algo cun cadro de persoal tan escaso? 
Calquera banda non ten hoxe menos de 45 ou 50 músicos. De feito, non hai ningún repertorio estándar que se poida tocar con menos instrumentistas. Nese caso, habería que facer moitos arranxos. 

David Fiuza. XESÚS PONTE

Que ideas trae para a Banda? 
A primeira é ter moi claro que a Banda é un servizo municipal. Polo tanto, a miña idea é a de crear un proxecto artístico para chegar a todos os lucenses e despois ver se a música pode ser tamén unha ferramenta cultural para facer un público máis erudito. O éxito dunha agrupación está en darlle ao público o que quere escoitar e tamén permitirlle, ao mesmo tempo, medrar musicalmente. Ten que haber un equilibro entre ambas cousas. 

Existe aínda o concepto de que a Banda ha de tocar pasodobres ou non é unha banda? 
Ese era un prexuízo dos anos 90. Hoxe, unha banda é outra cousa. A banda é unha das agrupacións máis camaleónicas. De feito, nos dous séculos de historia que teñen, estas agrupacións tomaron transcricións da música clásica varias veces. O meu primeiro paso en Lugo será saber que é o que o público quere. No caso contrario, podería traer un proxecto musical que non encaixase ou que estivese fóra de contexto.

A miña idea é facer repertorio para un concerto á semana

Vén vostede do sur de Galicia onde hai máis tradición musical e de bandas que a que hai en Lugo. Non notará moita diferenza en canto á resposta do público se refire? 
Se o terreo está virxe, é máis fácil plantar algo novo porque non hai prexuízos. Hai quince anos, podería haber máis diferenza entre Pontevedra e A Coruña e o interior. Hoxe, xa está todo máis equilibrado. De feito, cada vez hai máis bandas en Lugo e Ourense. 

A Banda Municipal de Lugo leva catro anos sen tocar. Non lle parece que poden estar os instrumentos xa oxidados? 
Como pasa co deporte, tocar un instrumento é unha actividade física. E, aínda que os músicos toquen individualmente, o grupo non pode estar en forma. Por iso, antes de nada, haberá que buscar esa empatía sonora entre os músicos. Iso hai que traballalo. 

Cando poderemos oír o primeiro concerto? 
A incorporación miña como director da banda tardará dous meses, por cuestións administrativas. Despois, haberá que analizar con que plantilla se conta e a que ritmo se vai poñendo todo en marcha. A miña idea é que se poida facer un repertorio semanal para dar un concerto á semana. 

Sería no templete que hai na Praza Maior? 
Podería ser porque a banda é un servizo municipal pero tamén pódese tocar en espazos novos. Todo dependerá do número de músicos que haxa e de se caben ou non no templete tamén. 

Exercerá, ademais, de director da Escola de Música. Algún proxecto en concreto? 
Dixéronme que a escola funcionaba ben e, en principio, o que funciona ben, mellor non cambialo. Despois, xa se irán vendo as necesidades que poida haber.

Comentarios