"Hai moitos afectados en La Palma que non saben onde quedou entrerrada a súa casa"

David Calvo dorme tranquilo dende hai uns días, libre da furia e do ruído do volcán de La Palma. O experto de Involcan decansa en Lugo entre o cesamento da erupción do Cumbre Vieja e a análise dos datos que foi recollendo durante os 85 días
David Calvo ao pé da muralla de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera David Calvo ao pé da muralla de Lugo. XESÚS PONTE

O vulcanólogo David Calvo (Lugo, 1976) viviu en primeira liña a erupción de lava en La Palma, que arrasou 3.000 edificacións, 370 hectáreas de cultivo e 74 quilómetros de estradas.

Atopará Lugo demasiado tranquilo. Viviu ao pé dun volcán. Polo menos librou do covid?

Foron tres meses movidos. Estaba todo o tempo de campo, na zona de exclusión. Se para librar do covid teño que ver como se destrúen casas, prefiro collelo.

Vostedes avisaran.

A erupción ten tres patas. A primeira é xeoquímica, que son os gases. Había tempo que se producían anomalías nas fontes do val de Aridane. A segunda pata é xeofísica. Son os famosos enxames sísmicos. Había moitos concentrados. A terceira é xeodésica, había deformacións do terreo, zonas nas que se levantara 20 ou 30 centímetros nunha semana. Sabiamos que era un punto de non retorno. Pedimos que empezasen as evacuacións canto antes. O desenlace foi moi rápido.

Cando se produciu o estourido, en setembro, calcularon que sería unha cuestión de semanas.

Pensamos que sería como a explosión de Teneguía, en 1971, que durou 24 días. Pero saíu a 200 metros de Paraíso e empezou a pintar mal porque en tres horas comía casas. Emitía 30.000 toneladas de dióxido de carbono ao día.

"A lava ten un atractivo fascinante, é coma 'Blandiblú', o xogo de cando eramos nenos. Estás tentado a meter a man"

A erupción de 1730 no Timanfaya durou seis anos. Se imos á inmediatamente anterior nas Canarias, a de El Hierro, houbo axitación durante case un ano.

Hai unha anomalía baixo as Canarias. Non sae sempre todo o material. Se hai unha erupción por un conduto polo que flúe, enfríase e fai un selo que tapa a erupción. Pensamos que non se vai repetir. Agora miras o volcán e sae fume. O magma está aí, está moi quente e pode saír, pero sería raro. Está parado, pero a anomalía segue. Levamos 20 anos subindo ao Teide cada semana. Isto saíu mal dende o punto de vista humano. Unha riada pasa, pero Todoque quedou soterrado. Hai moitos que non saben onde quedou enterrada a súa casa porque non teñen puntos de referencia: a casa dun veciño, un poste de luz, unhas palmeiras... Había comunidades familiares que tiñan plantacións ao lado da casa que pasaran de pais a fillos. Como van vivir nun piso?

Os seus terreos non existen, están baixo a lava. Van manter a propiedade?

Son do Estado e, a maiores, non son fértiles nin traballables. Perdeuse moito patrimonio e ata topónimos. Iso ten pouca importancia, pero antes a xente falaba dunha fonte polo seu nome.

Por que houbo tanta destrución?

En La Palma hai moita poboación, moita casa con terreo porque é unha zona moi fértil. Hai vilas pegadas a Cumbre Vieja.

Cumbre Vieja parece ter sido máis agresivo que outros. Vostede estivo en Italia a medio metro dunha coada.

Para nós, coñecer a composición de lava dun volcán é fundamental.

Arriscan a vida pola paixón científica?

Traballamos nun contorno controlado. Pode caer unha pedra do tamaño dun ovo de galiña que che rebente a cabeza. Non estivemos en zonas de perigo. Visitamos as coadas máis lentas. O medo é algo preciso porque a lava ten un atractivo fascinante, como aquel xogo de cando eramos nenos, o Blandiblú. Estás tentado a meter a man.

"Temos un peto térmico e unhas botas reforzadas. Os primeiros días fun en chándal e tenis"

Levaba un traxe especial?

Eses traxes cos que parecemos astronautas non os usamos. Temos un peto térmico e unhas botas reforzadas. Os primeiros días fun en chándal e tenis. A veteranía fai que non arrisques. Eu xa levo dez erupcións en 20 anos. A primeira foi en 2011, no Etna, en Sicilia. Hai que saber retirarse a tempo das coadas. Os máis novos corren máis rápido e teñen menos facturas que pagar.

Podía durmir?

Nós estabamos nun albergue. Botamos alí tres meses. Escoitaba o ruído do volcán coma unha respiración permanente. Sentíanse os terremotos, pero sabes que non son de gran magnitude; eran de 4,7, 4,9... Coma en Lugo nos anos 90. O ceo estaba vermello toda a noite.

Cal vai ser o proveito científico?

Esta erupción vai acelerar o que sabemos sobre o que pasa baixo os nosos pés. Dez anos non son nada en xeoloxía, pero pode axudarnos a coñecer o funcionamento.

"Cando se destruíu o cemiterio de Todoque dicíanche que era enterrar dúas veces os seus"
A experiencia e o material recollido ocuparán o traballo de David Calvo nos próximos anos.
A erupción rematou, o traballo do vulcanólogo segue. Cara a onde?
Temos que analizar e publicar as investigacións en revistas internacionais.
Houbo interese de colegas estranxeiros?
En Involcan somos unhas 20 persoas e concedemos 145 acreditacións a científicos de universidades de países coma Nova Zelanda, Austria, Estados Unidos ou Rusia. Foi a maior en cen anos. Pode parecer algo exótico, pero hai quen o perdeu todo, como os mil habitantes de Todoque. Caeulles a igrexa e a destrución do cemiterio foi un golpe moi duro. Había quen tiña os seus familiares alí e dicía que era como enterrar dúas veces os seus.
Que fai singular a erupción do Cumbre Vieja?
Esta é unha explosión urbana. eu traballei en Filipinas, en Indonesia, onde o volcán está nun parque nacional ao que vas e sabes que tes que camiñar unhas horas. Non hai poboacións arredor. En La Palma é case como un videoxogo, coa lava entre as casas. Estaba todo cuberto de cinzas. O ruído era terrible e constante.
O equipo de Involcan continúa sobre o terreo.
Imos rotando. Hai un retén de catro ou cinco persoas.

Comentarios